Un pouco ignorantes
O que máis boto de menos da Universidade de Santiago son os compañeiros. Sen excepción, rapaces moi intelixentes, traballadores irredentos, sempre solidarios co do lado e dirixidos por un equipo de mestres de verdadeiro privilexio, encabezado por Darío Villanueva e Arturo Casas. Ou sexa, por dous xenios. Unha destas compañeiras chámase Margarita García e acaba de conseguir un éxito de relumbrón: desnudar as miserias do Centro Ramón Piñeiro, que en abril de 2010 concedeu unhas bolsas para investigadores “á lucense”: a dedo e pasando polo forro ou arco de triunfo todo baremo racional.
Podía dedicar este artículo de crítica literaria a ser malévolo co devandito centro, que non fai moita xustiza ao persoeiro que lle dá nome. Non obstante, vou ser indulxente e a pensar que o que sucedeu estivo motivado pola necedade e non pola maldade. Robert Trivers, biólogo, historiador e profesor na Universidade Rutgers, explica certa parte da nosa natureza, que agroma decote e que pode relacionarse con estes feitos, na súa obra “La insensatez de los necios”, que publica Katz Editores. Denantes de continuar co contido da obra déixenme dicir que resulta bastante estraño ler traducións feitas por arxentinos e con tics lunfardos que en ocasións non son moi decorosos ou fan que o lector teña que recorrer ao diccionario.
A chave de entrada ao libro está no seu subtítulo, que fai as veces de resumo argumental: “a lóxica do engano e o autoengano na vida humana”. Somos febles, somos ignorantes e somos egoístas. E non só somos todo iso, senón que además o noso cerebro é quen de construir toda unha serie de estruturas de pensamento que sosteñan a nosa febleza, a nosa estulticia e o noso egoísmo e os racionalicen ata o punto de ser quen de actuar con plena irracionalidade a través de procesos aparentemente racionais.
Regresando ao caso xudicial, os que non somos parte (agás pola amizade con Marga) temos dúas opcións: pensar que os encargados do asunto son uns manguelos ou pensar que son unhas persoas interesadas que se autoenganaron ao pensar que podían infrinxir as normas sen que ninguén se decatase. Pensándoo ben, podemos fusionar ambas. En calquera caso, Trivers dá unha explicación dos procesos asociados a estas “estrañas” decisións.
Coma outros moitos libros que tratan temas relacionados coa mente humana, sen ir máis lonxe os tan coñecidos de Eduard Punset, a obra de Trivers ten un comezo que se pode considerar bastante árido. Repítense consideracións de tipo antropolóxico, experimental-biolóxico e, as que menos me convencen personalmente, psicoanalítica. Só despois de avanzar unhas cen páxinas entra o autor nunha casuística francamente variada e exposta con grandes doses de intelixencia e autoironía.
Todos somos un pouco ignorantes e unha das cousas que descoñecemos en maior medida é o noso propio e particular grado de ignorancia. Sobran os exemplos na obra de cómo tendemos sistematicamente a ignorar todo aquilo que vai en contra dos nosos pre-xuízos, entendendo como tales as ideas formadas tempo atrás na nosa mente. Pero isto, así expresado, non sería demasiado preocupante: todo o mundo sabe que os republicanos de esquerdas tendemos a non ler certos diarios monárquicos máis matritenses que Mesonero Romanos, o cal non é demasiado relevante.
O problema vén cando Trivers expón, nun capítulo xenial, a capacidade de enormes grupos de persoas para autoenganarse e manipular estatísticas (accidente da nave espacial Challenger) ou para ocultar durante meses que un accidente de avión (o do Aeroflot 593 Moscú-Seul) foi provocado porque o piloto puxo a guiar o avión ao seu fillo. Moralexa do libro e asemade deste artículo: está claro que os seres humanos non somos precisamente un modelo de honradez. Pero, como algunha vez teño escrito nestas mesmas páxinas, debemos resistir a tentación de atribuir á maldade o que se pode explicar con facilidade recurrindo á estupidez.