Histórico de la Categoría ‘Sin categoría’

Ergueuse o pano

Martes 18 de marzo de 2014

Hai uns anos estiven en Hungría: é o único país do Leste de Europa que tiven a ocasión de visitar. Claro, que estes conceptos xeográficos son extremadamente relativos, dado que Austria é Centroeuropa e Hungría leste, cando entre unha capital e a outra hai o mesmo tempo de viaxe ca de Lugo a Vigo. Foi en setembro e o feito de que chovese a mares non fixo que disfrutase menos a visita (e victoria do meu tocayo Gómez Noya, todo sexa dito de paso). O outeiro de Buda é unha marabilla, pasear por Pest é algo moi tranquilo e a beira do Danubio dá gusto, aínda que o río teña de azul o que eu de guedellas. Para vergoña nosa, se paras unha anciá pola rúa e lle preguntas unha dirección en inglés, respóndeche sen problema (alomenos a min me sucedeu).

Os húngaros non semellan botar nada de menos o comunismo. Todo o material que queda desa época son souvenirs e o Memento Park, que por desgracia non tiven tempo a visitar e onde se atopan as xigantescas estatuas dedicadas aos persoeiros comunistas. O que non marcharon foron as lembranzas, por todos lados, á personalidade e á nación de Hungría, anuladas pola extensión das sombras estalinistas ata culminar no levantamento de 1956 e a execución de Imre Nagy.

Anne Applebaum, autora multipremiada nos Estados Unidos coa súa imprescindíbel obra “Gulag”, aborda en “El telón de acero” a destrucción da Europa do Leste nos anos inmediatamente posteriores á Segunda Guerra Mundial. Foi a época na que, en verdade, se ergueu o pano e deu comezo a representación da Guerra Fría en Europa. Só baixaría cando se derrubasen, case que ao tempo, o Muro de Berlín e o rexime comunista. Aínda que a obra ten unha grande calidade e é do mellor nun mercado editorial que neste ano está sorprendentemente escaso en canto a boas obras de non ficción, pódese lamentar o feito de que a autora restrinxa o seu campo de estudo a Hungría, Polonia e Alemania Oriental, obviando por exemplo Yugoslavia e Rumanía, á postre as dúas meirandes vítimas dos reximes despóticos.

Eu penso que non coñezo ningún estalinista, porque tras o ridículo sartreano os intelectuais comunistas miraron a outros lados e a todos os que coñecín nesta Galiza nosa corrían ou semellaban correr ben a gusto detrás de Berlinguer. Agora ben tiñan o seu aquel para resolver certas cuestións. Por exemplo, a dos referendos. Todo o mundo sabe que a clave dun referendo non son as respostas senón a pregunta. Así, por exemplo, para solventar a nacionalización en Saxonia e temerosos de perder, como sucedera en Polonia, plantexaron a seguinte pregunta: “¿Quere deixar as fábricas dos criminais de guerra e criminais nazis en mans do pobo?”. Xenios.

Tirarlle unha vis cómica a este asunto, como tamén á descrición da demencial planificación das políticas de prezos, resulta sinxelo. En realidade o libro de Applebaum está cheo de dramatismo por todos os lados. Un país como Hungría, no que en 1914 vivían John von Neumann, Leo Szilard ou George de Hevesy soportou unha Guerra Mundial, o Terror Vermello, o Terror Branco (moito peor), unha dictadura de 20 anos e outra Guerra Mundial… para rematar entregado nunha partida de Risk xogada entre Postdam, Teherán e Ialta a un xenocida. Os reximes totalitarios do Leste, como ben relata a autora, invadiron todos os eidos da vida diaria (relixión, medios de comunicación, política, economía, escola) e cando o pobo procurou rachar con esa dinámica, afogou as demandas con tanques que percorreron Vaci Utca.

Quedarse só nas grandes historias non faría especial este libro. A parte máis interesante está na microhistoria, nos relatos de todos aqueles que só tiñan catro opcións: loitar, fuxir, calar ou colaborar. Ningunha é unha opción que dea para saltar de ledicia a menos que un sexa unha rata miserábel. Pero millóns de persoas tiveron que sufrir esas eleccións mesturadas coa pobreza e a destrución en nome da causa máis xusta (a igualdade) pervertida por uns monstros.

 

As tripas da arte

Martes 18 de marzo de 2014

Os artigos que máis me gusta escribir son os que tratan sobre música. E isto por unha razón: como non teño nin idea do asunto, podo sacar a verdadeira esencia do español/galego, que non é outra que a de opinador profesional. Armado co meu Spotify Premium e poñendo por diante a miña ignorancia, é un dos poucos temas nos que teño a posibilidade de dicir o que se me pasa pola cabeza. Por exemplo, que non me gusta Manolo García e si Extremoduro. Se alguén me di que son unha acémila, sempre me podo escudar no argumento que tantas veces teño que escoitar respecto ao literario (“oes, que eu escoito música para entreterme, non para aprender”) e nunha deficiencia estrutural: teño o mesmo oído musical ca unha pedra.

Así pois, ía eu dereitiño hai uns días cara un libro de historia sobre o “telón de aceiro” (que coñecerán vostedes a vindeira semana) e vin un título moi atraínte por xenérico. “Cómo funciona la música” (Reservoir Books). O autor, David Byrne, non me dicía nada, e amabelmente Jaureguizar me ilustrou acerca do escritor-músico, líder dunha banda chamada Talking Heads que eu tiña o privilexo de descoñecer case que por completo, agás unha canción cuxo título me resulta moi inspirador: “Psycho-killer”. Unhas poucas audicións, cunha voz aguda de máis, aturuxos e uns estraños ruídos que despois remataron por ser gruñidos dun koala, non me animaron a continuar á escoita, e limiteime ao que fago ben (ou mellor), que é ler. Prefiro a Lou Reed e a Velvet Underground.

David Byrne, dende logo, non é un cantante nin un músico ao uso e demóstrao con esta obra, que varre por completo o negocio da música, dende a creación mesma ata a autoedición e as novas tecnoloxías. As explicacións que ofrece para cada tema gardan un perfecto equilibrio entre o afán didáctico e a complexidade inherente a unha arte-industria tan complicada. Atrévome a propoñer unha edición española a cargo da omnipresente Alaska, Alejandro Sanz ou David Bisbal. De seguro sería emocionante.

Obviemos desexos absurdos e regresemos a Byrne. Na obra pódense distinguir dúas liñas temáticas claras, e penso que curiosamente, o máis interesante é aquela que ten menos que ver coas experiencias persoais do autor. Á hora da creación, por exemplo, teñen máis interés as súas reflexións teóricas (complementadas no tramo final da obra cunha proposta ao meu xuízo arriscada de canonización da música pop. con vaticinios bizarros incluídos) que o relato de como abandonou o pop para sumerxirse en espectáculos (“performance”, que dirían os posmodernos) inspirados na música africana, o teatro xapones ou os citados marsupiales diprotodontos.

Os capítulos dedicados a historia da música e ao ambiente musical dos clubs neoyorkinos nos setenta son os dous que máis poden atraer ao lector menos espelido, que é o meu caso. Nun mundo no que a música en formato físico vai ser difícil de explicar aos nosos fillos (a íntima relación entre un boli e unha casette), resulta de interese saber non só como se escoitaba hai moito tempo, senón tamén como se gravaba e como de xeito imperceptíbel os consumidores de música cambiamos o foco: pasamos de estar decepcionados porque un artista non sonaba igual na radio no coche que en directo ao polo contrario, a indignarnos porque os directos non ofrecen a estabilidade do disco. Explicar o funcionamento práctico dun club é oportuno tamén, dado que hai países ou lugares coma Lugo onde son escasos… e pouco valorados.

Pero a mellor ensinanza de Byrne é que a música non “funciona” só no eido artístico, senón no comercial. Espállanse pola obra toda unha serie de comentarios pragmáticos que rematan nun capítulo plenamente técnico, cunha fenomenal análise tanto dos royalties coma do entorno económico e empresarial do “show business”, con consellos e gráficas incluídos. Á fin e ao cabo, a pela é a pela. E non estamos en tempos de romanticismo mal entendido.

 

 

Un pouco ignorantes

Martes 18 de marzo de 2014

O que máis boto de menos da Universidade de Santiago son os compañeiros. Sen excepción, rapaces moi intelixentes, traballadores irredentos, sempre solidarios co do lado e dirixidos por un equipo de mestres de verdadeiro privilexio, encabezado por Darío Villanueva e Arturo Casas. Ou sexa, por dous xenios. Unha destas compañeiras chámase Margarita García e acaba de conseguir un éxito de relumbrón: desnudar as miserias do Centro Ramón Piñeiro, que en abril de 2010 concedeu unhas bolsas para investigadores “á lucense”: a dedo e pasando polo forro ou arco de triunfo todo baremo racional.

Podía dedicar este artículo de crítica literaria a ser malévolo co devandito centro, que non fai moita xustiza ao persoeiro que lle dá nome. Non obstante, vou ser indulxente e a pensar que o que sucedeu estivo motivado pola necedade e non pola maldade. Robert Trivers, biólogo, historiador e profesor na Universidade Rutgers, explica certa parte da nosa natureza, que agroma decote e que pode relacionarse con estes feitos, na súa obra “La insensatez de los necios”, que publica Katz Editores. Denantes de continuar co contido da obra déixenme dicir que resulta bastante estraño ler traducións feitas por arxentinos e con tics lunfardos que en ocasións non son moi decorosos ou fan que o lector teña que recorrer ao diccionario.

A chave de entrada ao libro está no seu subtítulo, que fai as veces de resumo argumental: “a lóxica do engano e o autoengano na vida humana”. Somos febles, somos ignorantes e somos egoístas. E non só somos todo iso, senón que además o noso cerebro é quen de construir toda unha serie de estruturas de pensamento que sosteñan a nosa febleza, a nosa estulticia e o noso egoísmo e os racionalicen ata o punto de ser quen de actuar con plena irracionalidade a través de procesos aparentemente racionais.

Regresando ao caso xudicial, os que non somos parte (agás pola amizade con Marga) temos dúas opcións: pensar que os encargados do asunto son uns manguelos ou pensar que son unhas persoas interesadas que se autoenganaron ao pensar que podían infrinxir as normas sen que ninguén se decatase. Pensándoo ben, podemos fusionar ambas. En calquera caso, Trivers dá unha explicación dos procesos asociados a estas “estrañas” decisións.

Coma outros moitos libros que tratan temas relacionados coa mente humana, sen ir máis lonxe os tan coñecidos de Eduard Punset, a obra de Trivers ten un comezo que se pode considerar bastante árido. Repítense consideracións de tipo antropolóxico, experimental-biolóxico e, as que menos me convencen personalmente, psicoanalítica. Só despois de avanzar unhas cen páxinas entra o autor nunha casuística francamente variada e exposta con grandes doses de intelixencia e autoironía.

Todos somos un pouco ignorantes e unha das cousas que descoñecemos en maior medida é o noso propio e particular grado de ignorancia. Sobran os exemplos na obra de cómo tendemos sistematicamente a ignorar todo aquilo que vai en contra dos nosos pre-xuízos, entendendo como tales as ideas formadas tempo atrás na nosa mente. Pero isto, así expresado, non sería demasiado preocupante: todo o mundo sabe que os republicanos de esquerdas tendemos a non ler certos diarios monárquicos máis matritenses que Mesonero Romanos, o cal non é demasiado relevante.

O problema vén cando Trivers expón, nun capítulo xenial, a capacidade de enormes grupos de persoas para autoenganarse e manipular estatísticas (accidente da nave espacial Challenger) ou para ocultar durante meses que un accidente de avión (o do Aeroflot 593 Moscú-Seul) foi provocado porque o piloto puxo a guiar o avión ao seu fillo. Moralexa do libro e asemade deste artículo: está claro que os seres humanos non somos precisamente un modelo de honradez. Pero, como algunha vez teño escrito nestas mesmas páxinas, debemos resistir a tentación de atribuir á maldade o que se pode explicar con facilidade recurrindo á estupidez.

 

 

Conto dun pobre

Domingo 2 de febrero de 2014

Voulles contar unha historia. Había unha vez un xudeu prusiano que tivo un fillo, ao que non educou na súa fe. O rapaz creceu e botou moza, unha para toda a vida. El quería dedicarse á vida contemplativa pero o pai mandouno a estudiar Leis, xa que os pais prusianos debían parecerse a moitos dos pais de agora e pensaban que iso de dedicarse á filosofía non fai a un home de proveito. Os pais habían ser coma os pais de agora, pero os rapaces tamén eran ao mesmo xeito, e este dedicouse a sacar o título tirando polo pelexo e a aprender moitas cousas que nada tiñan que ver coa lexislación e si con tocarlle a zoca aos emperadores de Prusia.

Xa fóra da Universidade tivo que enfrontarse a uns eventos estrañísimos (nótese a ironía): casar coa moza anteriormente citada e conseguir vivir do seu traballo. A Europa do século XIX debía ofrecer unhas posibilidades similares á España do século XXI. Ao rapaz dábaselle ben escribir en xornais e non tiña pelos na lingua, pero vivir de escribir ben e saber moitas cousas non era sinxelo. E moito menos se un se dedicaba ou dedica á subversión. Así pois, o noso protagonista pasou de rapaz a home rebotando dun xornal a outro, dunhas compañas a outras, dunhas débedas ás seguintes. E dunha capital europea a outra, porque as persoas que din o que non convén adoito rematan tendo problemas. Aínda que non sexan homes novos e si coñecidos escritores, xornalistas ou empresarios.

O século XIX en Europa non foi retratado por ninguén mellor que por Charles Dickens, nos seus extremos de miseria, lumpen-proletariado e demais. As medidas de control da natalidade non existían e a feliz parella tivo un fillo tras outro, aínda que varios non chegarían á idade adulta. As criadas estaban aí e a carne era feble, co que o noso home preñou á súa e encamboulle o fillo a un ben disposto amigo. Ai, os amigos. Os amigos tamén estaban aí, e este era tan bo que encubría ata o indecente e sostiña economicamente ao seu compadre. El tivera máis fortuna e a súa familia máis cartos porque se dedicaban ao lucrativo negocio textil. Non era unha vida estraña, en en países como Irlanda sucedían cousas como esta ata hai poucas décadas, o cal me recorda que teño que ler “As cinzas de Ánxela”.

¿E que dicía que tanto podía incomodar aos goberno, ata o punto de ser expulsado de Prusia, Francia e Bélxica e limitada ao máximo a súa liberdade de expresión? Pois algo sinxelo: que os traballadores debían tomar as rendas do seu destino para evitar ser explotados de xeito abafante polos donos de fábricas, eses tipos tan interesantes que tiñan traballando a menores de idade, que impuñan xornadas de catorce horas e non recoñecían descansos dominicais. E que para evitar a explotación, o mellor era a revolución, que daría aos traballadores dereitos humanos pero tamén dereitos políticos, non menos importantes, semellantes aos que conseguiran os franceses ata que os esmagou a reacción.

Ser pobre en Londres era moito máis difícil que ser pouco rico en Prusia e a vida deste home, cada día máis e máis avellentado foise facendo máis difícil, se ben conseguiu chegar a vello, cousa que non acadaban moito, e iso malia fumar o suficiente como para que lle saisen varios enfisemas. Tivo unha grande actividade política, pero sempre fracasou por ser el só, minoría absoluta. Dedicou horas e horas a escribir con letra minúscula e ilexíbel un sistema económico e social global, pero fracasou, como fracasara en realidade con certo manifesto escrito anos antes. Ao seu enterro foron doce persoas: cinco máis có de Mozart, todo un éxito. Non foi soterrado nunha tumba comunitaria senón nunha tumba normal que só cincuenta anos despois foi modificada.

Este conto é o conto dun pobre coma houbo mil no século XIX. Por exemplo, Karl Grün. Un bandido, un criminal, un heroe. E a historia de Karl Marx, resumida seguindo a grande biografía de Jonathan Sperber (Galaxia Gutenberg) que quixen recomendarlles, deste xeito tan particular, para lectura nesta semana.

 

Por última vez

Domingo 2 de febrero de 2014

Podo prometer e prometo que será a última vez que falarei da Primeira Guerra Mundial ata o día 28 de xuño, data propia do centenario. Sei que non será sinxelo porque os editores tratarán de asolagarnos con outro centro de obras sobre o tema: memorias de todo can e gato, intelixentes trasposicións sobre as desastrosas consecuencias da balcanización, idealizacións variadas e ata supoño que algunha novela histórica –non había logo– dun vello combatente que remata protagonizando historias na Guerra Civil española. Fíxeno hai a penas un mes, coa obra sobre o tema de Margaret MacMillan e o tempo estáme a dar a razón, xa que vin neste tempo a varios intelectuais e políticos facer referencia a ela, como obra mestre tanto no histórico coma no ideolóxico, pola súa capacidade para amosar as ineficiencias da (mala) política.

Teño que volver sobre o tema por unha boa razón, que non é outra que a publicación en lingua española de “1914-1918. Historia de la Primera Guerra Mundial” de David Stevenson. Trátase da obra de referencia sobre o tema no ámbito anglosaxón e sobrevive á perfección ao paso do tempo, xa que foi publicada en 2004 e aínda non foi superada, mesmo coa erupción de libros sobre o tema que, matino, se terán publicado en Inglaterra e Francia. Decepcionado no seu momento coa monografía de Martin Gilbert (totalmente desaconsellábel, pero vostedes verán), din nesta no seu momento e non me arrepinto.

O principal logro que acada Stevenson no libro e o de poñer orde nunha materia tan informe e que xerou tamaña cantidade de bibliografía. Para iso comeza por descartar algunhas cuestións, fundamentalmente a das causas do conflito (complétese coa obra de MacMillan citada) e aquelas que teñen que ver cos efectos culturais e certas visións idealizadas (complétese co imprescindíbel “La Gran Guerra y la memoria moderna” de Paul Fussell). A partires de aí, comeza un camiño tan complexo como a mesma construción dunha trincheira, o espazo máis identificábel na memoria colectiva.

A orde é conseguida mediante unha estrutura cronolóxica convintemente disposta en capítulos cunha organización interna moi sinxela e que se expón nun argumentario inicial. Con isto, unha boa dose de mapas e unha indubidábel capacidade narrativa, o profesor inglés logra desfacer o novelo da Grande Guerra ata acadar Versalles e o que veu despois: a reconstrución e o ovo da serpe en forma de feridas pechadas en falsos que acabaron por facer un numeral máis no catálogo de carnicerías humanas.

Con todo isto pode ser que queden espantados ante a posibilidade de botarse a ler. Cometerían un erro, pois van a atopar menos políticos ca en MacMillan e a mesma incompetencia, desta vez proporcionada polos xenerais. Un ten as súas debilidades e no meu caso e neste tema son os xenerais Nivelle e Pershing, cuxa vida e milagres son tratados a fondo polo autor. Nivelle tivo a mala sorte de caer na pluma de Churchill, que era peor cá súa lingua, que xa é dicir. Este militar francés, progresista e exitoso no inicio dos combates, asumiu o mando integrado dos Aliados e ideou o (hilarante en perspectiva) desastre de Chemin des Dames: perda de documentos chave, bombardeo a rumbo e non cara a primeira liña, ataque en medio dunha treboada, tanques incendiados pola propia artillería e homes lanzados contra ametralladoras. Xa poden imaxinar o resultado. Pershing foi o comandante das forzas estadounidenses, o Patton da Primeira. Un tipo tan estrambótico que, según se di, as súas fazañas en México perseguindo a Pancho Villa inspiraron a Cormac McCarthy para escribir “Meridiano de sangre”.

Eran outros tempos. As guerras non se retransmitían en directo e as ofensivas dependían do “valor”. Agora fanse as guerras con drones e algunhas, só algunhas, retransmítense por televisión. Seguro que na República Centroafricana, algún caudillo está a lanzar mozos contra parapetos con Kalashnikov. A natureza humana, disque.

 

Crise global

Domingo 2 de febrero de 2014

Houbo unha época na que, habida conta das tropelías levadas a cabo coa paisaxe becerrense e ancaresa á hora de construír a autovía cara a Madrid, tomei conciencia ecoloxista. Pensei en dar o paso a un certo activismo, pero non quedei nada convencido dos usos e formas da tribo, marcados por unha estreitez de miras preocupante. O meu escepticismo medrou e malia que son un orgulloso socio de Greenpeace, non apoio en demasía os alarmismos sobre o quencemento global. Por exemplo, o famoso documental de Al Gore, tan premiado que lle valeu outro deses Nobel bastante inmerecidos, non me parece de gran axuda para a causa.

Non obstante, que non me guste o documental e non vaia por aí fouce ecoloxista en man non implica que acepte o deterioro que o ser humano está causando ao planeta. O único que sucede é que estou convencido de que se non fosen os animais de dúas patas, a mesma natureza se podería encargar en calquera intre, máis ou menos aleatorio, de poñen en xaque a toda a humanidade. Sei que é un pensamento exasperantemente pesimista, pero é sabido que a noso diminuto tamaño en comparación co planeta e universo é algo pavoroso.

Para avalar os meus argumentos está nas librarías dende hai unhas semanas o último libro de Geoffrey Parker, “El siglo maldito” (ten o seu aquel facer unha tradución tan desastrosa do título orixinal, que dá nome á súa vez a este artículo, pero ímolo deixar así), publicado pola Editorial Planeta, convencida supoño de que esta obra mestra non fará competencia en datas sinaladas aos imprescindibeis premiados co Planeta (nótese a ironía de chamar premio ao que en realidade é unha tómbola literaria). Na historiografía española Parker é coñecido pola súa monumental biografía de Felipe II, xa reseñada aquí hai tempo, e outros libros relacionados co Imperio español, mais a nivel europeo os seus traballos máis sinalados están centrados no século XVII e máis en concreto na Guerra dos Trinta Anos.

Etiquetar a Parker coma un historiador do militar non sería nada esaxerado. O que si é esaxerado é o pinchacarneiro que dá nesta obra para converterse nun historiador especialmente sensíbel ao que se coñece como paleoclimatoloxía, ou sexa, o estudo do clima na historia e a súa incidencia nos feitos dos homes. Froito desa transformación nace unha obra cunha documentación asombrosa e unha perspectiva insólita, amén de moi entretida. De feito, ese entretemento contrasta e moito coas catástrofes que se relatan, saltando dun país a outro.

Se deixamos a figura de Geoffrey Parker poderemos retomar o meu argumento inicial. O ser humano pode destruír o planeta coa súa inabarcábel estupidez… sempre e cando o planeta non decida autodestruírse. As primeiras vintecinco páxinas do ensaio dan material para ducias de películas (malas) de catástrofes de Hollywood e uns cantos pesadelos. Parker expón a tese, que percorre toda a obra, de que as convulsións políticas e sociais da épocas, insólitas e de alcance mundial (a táboa incluída no prólogo resulta impresionante) estiveron provocadas e/ou alimentadas por unhas condicións climáticas nunca máis repetidas e froito da simultaneidade de tres fenómenos: a desaparición das manchas solares (o que se coñece como “mínimo de Maunder”), unha inusual actividade volcánica nas dúas beiras do Pacífico e a aparición de El Niño cunha frecuencia estraña. Todo iso provocou a conxelación do Bósforo en 1620, nevadas en Fujian (que se atopa no sur de China, ten clima subtropical e medias de once grados no inverno), un ano completo (1640) sen choivas en Cataluña e o Rosellón ou, de regreso a China, o inverno máis frío nunca rexistrado (os rexistros chineses, como se sabe, son milenarios) dacabalo entre 1649 e 1650.

É o que se coñece como “A pequena idade de xeo”, que non rematou ata mediados do século XIX e que deixa relativamente pequenos os actuais efectos do cambio climático (tranquilos, que o ser humano non se deixa vencer con facilidade). Parker analízaa con afouteza a partires de rexistros documentais, aneis nas árbores e movementos nos glaciares, aplicando os resultados de xeito transversal. Con ese alicerce, realiza unha historia prácticamente mundial do século XVII, deténdose máis como adoita ser habitual nas civilizacións máis “desenvolvidas”, ou sexa, as europeas. En todos e cada un dos capítulos podemos observar o valor que se pode dar a un feito tan habitual coma o de conseguir comida con facilidade: denantes da plena introdución da pataca e outros cultivos de grande resistencia, un inverno frío de máis seguido dun verán con xeadas podía matar a milleiros ou mesmo millóns de persoas.

Pero quedar coas observacións que Parker fai sobre Europa sería moi limitado porque precisamente os capítulos máis interesantes son dos dedicados a China (caída da dinastía Ming –a dos xarróns– e chegada dos manchúes), a India (o reinado de Shah Jahan, o construtor do Taj Mahal) e aos “continentes escurecidos”, neste caso polo enorme mérito que ten recopilar datos sobre choivas, epidemias ou as lendarias pragas de langostas en América, África e mesmo Oceanía. Neles brilla ademais un valor didáctico que constrasta cos imprescindibeis sobrentendidos que poboan as páxinas adicadas á Fronda, as batallas dos suecos dirixidos por Gustavo Adolfo, aos Romanov en Rusia ou á revolta de Cromwell.

A lectura da magna opera de Parker, a pesares de vir facilitada por multitude de mapas, esquemas e gráficos, non resulta nada sinxela, e require coñecementos previos e básicos da etapa tratada. Pero deixará unha pegada indelébel tanto pola súa calidade como pola súa innovación metodolóxica dentro das obras que están enfocadas á recepción polo grande público. Estamos en época de regalos e bos propósitos. Un dos mellores regalos é o libro e un marabilloso propósito é abordar unha lectura difícil, unha desas que resulte un tan esforzada que poda parecer un erro e que ao mellor xa nos teña derrotado algunha vez que outra, para sentirnos un pouco mellor con nós mesmos e o noso intelecto. Case é mellor que aprender inglés, pretender deixar de fumar (e fracasar no intento case que sempre) ou ir ao ximnasio durante dúas semanas ou menos.

 

O misterio creativo

Domingo 2 de febrero de 2014

Estes días discutía ciberneticamente co meu colega Víctor Sande, eximio proxecto de xornalista-analista deportivo-xefazo dun club, sobre os Estados Unidos. Os dous estábamos dacordo na mala imaxe que proxecta no exterior a última das superpotencias, pero eu matizaba que nós (os europeos) facemos un construto identitario a partires do que nos chega da cultura americana: actores frívolos, deportistas con swag, músicos comerciais, políticos daquela maneira… Proben vostedes como probei eu a rascar ese verniz e comprobarán que prácticamente ninguén é capaz de citar un escritor clásico americano (Whitman, Faulkner, O´Neill), un grande científico de barras e estrelas (Robert Oppenheimer) ou outros artistas (Frank Lloyd Wright ou Jackson Pollock). En resumo, somos igualiños a eses estranxeiros que chegan a Lugo preguntando polos tablaos flamencos e a calor.

Por esta sección xa desfilaron algúns escritores estadounidenses de grande sona, como Wallace Stevens, pero a ocasión que se presenta agora mesmo para volver a cruzar o Atlántico é inmellorábel. Chega por fin ás nosas mans unha tradución das “Poesías Completas” de Emily Dickinson, dispoñíbel para o grande público (recentemente publicárase outra edición na editorial Amargord, do que non puiden ter moitas novas) e cun responsábel de tanta sona coma o cordobés José Luis Rey, un dos poucos escritores nacidos nos 70 que paga a pena ler e que amosa unha formación intelectual sólida á marxe de modas e hipsterismos varios.

Nova Inglaterra é a parte dos Estados Unidos menos coñecida para os europeos e ao mesmo tempo a máis similar. Unha proporción sorprendentemente alta dos grandes escritores do país (Emerson, Thoreau, Henry James, Robert Frost) saíron da rexión, cuxa cidade máis coñecida é Boston e cuxa bandeira intelectual e a Universidade de Harvard. Emily Dickinson naceu en Amherst, a cento cincuenta quilómetros de Boston, e nunca de alí saíu. Levou unha vida retirada que ten dado pé a ducias de especulacións sobre a súa sexualidade (homesexualidade, máis ben), as súas relacións familiares (problemas coa súa cuñada e veciña) e as súas relacións amorosas (un amor serodio e despois frustrado pola morte). Algúns críticos aínda non están liberados da maldición de andar polos poemarios a buscar pegadas da vida interior dos autores.

Enfrontarse á poesía de Dickinson é atoparse cun xenio explosivo que non admite explicación algunha. Unha señorita que vivía nunha vila máis pequena que Becerreá, filla dun congresista que non semella ter sido ningún pai da patria (nin sequera do Estado de Massachussetts) e que non chegou a publicar máis ca un feixe de poemas en vida (oito, para ser exactos, en boa medida pola neglixencia da persoa á que llos enviaba, Thomas Higginson) converteuse en pouco tempo na meirande poetisa das letras inglesas e nunha lectura imprescindíbel, para min só a altura de Shakespeare.

Ata aquí xa é sorprendente a historia. E máis sorprendente aínda se observamos a súa traxectoria como poetisa, algo para o que esta monumental obra é ferramenta fundamental. Nos comezos atopamos unha voz da natureza que transmite panteísmo, que se funde cun entorno en certas ocasións bucólicos que contrastan ou reflicten a personalidade do eu poético. E, subitamente, unha explosión de luz poética que quizais non teña igual en toda a lírica occidental. Tres anos de certa paz familiar nos que o amor, a morte e as cuestións metafísicas son respondidas dende a poesía do coñecemento da reitoría de Amherst. Ata o poema 709: “Reduce no Human Spirit / To disgrace of price”. Creo que non precisa tradución, afortunadamente.

E a partires dese momento… a musa que progresivamente abandona a un poeta americano. Creo que xa dixen nalgunha ocasión que para min non hai poema más triste, dende o punto de vista do escritor, que “Adeus á miña fantasía” de Walt Whitman. Isto é así porque non coñezo ningún outro texto no que a voz poética traslade de maneira tan clara o esgotamento do xenio poético. Whitman pecha con el “Follas de herba” e é consciente de xeito dramático de que endexamais volverá a coller a pluma para escribir versos de xenio. Emily Dickinson, personalidade poética menos volcánica que Whitman non nos regala un colofón como ese, senón un lento declinar da súa poesía no que xa é máis difícil atopar esas respostas.

É un misterio creativo. Eu non podo aspirar a explicalo e menos aquí. Para iso tería que aceptar a existencia do xenio na súa acepción máis espiritual (non o fago por puro racionalismo) e ser capaz asemade de darlle unha explicación. Sen necesidade de buscar as voltas o que procede facer é disfrutar da poesía pura, en esencia. Escura en moitas ocasións, que require concentración e á que hai que dedicarse cunha devoción calvinista (relixión que rodeaba á autora sen que ela a practicase) para sacar todo o pracer que se encerra nas practicamente 1.500 páxinas de textos. Se se ven interesados e notan que lles falta alento, non se preocupen, ten remedio: ármense de paciencia,;comecen coa antoloxía que traduciu de xeito excepcional Silvina Ocampo, poetisa tamén e contemporánea de Borges; achéguense a unha papelería e merquen marcadorciños de cores para ir sinalando o que guste ou emocione; e, finalmente, esquezan os guións, que co paso das follas acaban sendo bos compañeiros de viaxe, intermedios reflexivos. E se aínda así notan que lles faltan folgos, vaian ao poema 376, onde se agocha o uso poético máis marabilloso da palabra “átomo”. O cumio poético para un materialista.

 

Ofender a España

Viernes 10 de enero de 2014

Andamos inmersos nas derradeiras semanas do ano nas cada vez máis pechadas diatribas acerca do que se deu en chamar o “reto soberanista” da Generalitat, a cuestión do dereito a decidir e da posíbel independencia de Cataluña. A nivel literario e ensaístico todo o proceso está a dar lugar a montes e moreas de libros dun e doutro signo, entre os que hai que remexer ben e separar o gran da palla. Hai proxectos que levan en marcha moito tempo e que, casualmente ou non, agroman agora para poñer matices a un debate burdo en ocasións. Tan burdo que o Ministerio do Interior se sumou a el de maneira paquidérmica, modificando o Código Penal para que “ofender a España” sexa un delicto. Así pois, para despedir o ano e en previsión de que en 2014 me podan multar por escribir o que penso, imos reseñar un ensaio histórico e, de paso, ofender a España un anaco. Se andan sensibeis, poden pasar ás páxinas de deportes.

Hai uns meses vén de tirar do prelo a editorial Galaxia Gutenberg a obra colectiva “Historia de la nación y del nacionalismo español”, dirixida polos profesores Antonio Morales, Juan Pablo Fusi e Andrés de Blas. Trátase dun enorme tomo (mil cinconcentas páxinas), algo que é imprescindíbel dado o tema a tratar, que non é outro que a idea de España ao longo dos séculos.

Non lles chamou a atención nada do título da obra? Relean, agardo. Xa están de volta, supoño. “Nacionalismo español”. Si, señores, existe tal cousa. De feito, non existe un só nacionalismo español, como os diversos profesores se encargan de demostrar con pluma sagaz, senón diversos, entre os que cabe destacar pola súa vixencia o que se denomina na obra perennialista, isto é, aquel que afonda nas presuntas raíces da nación española, que case que poden resumirse na divisa “Dios, Patria y Rey” mesturada coas “esencias” de España. E unha cantidade inxente das diatribas que se dirixen á cerrazón do nacionalismo catalán non proveñen dun universalismo ou un humanismo senón deste nacionalismo perenne, tan oscurantista como o catalán, ao que cabe asignar expresións do tipo “se rompe España”.

A historia de España non está de moda. De feito, como ten demostrado David Viñas Piquer, en moitas ocasións a novela histórica actúa de substitutivo dos coñecementos da ciencia de Herodoto, co perigo que aporta á ecuación o elemento da ficción. Conseguir a miña obra de referencia na materia, a coordinada polo exiliado Manuel Tuñón de Lara, non foi cousa sinxela. Agora mesmo a única historia monumental é a coordinada polo mestre Fontana, pero non se atopa con facilidade tampouco nas librarías. En canto a compendios, é paradoxal que o máis completo e sinxelo de atopar sexa o do franquista Ricardo de la Cierva, cuxa perspectiva científica podo atreverme a poñer en solfa.

A obra que coordinan Morales, Fusi e de Blas analiza polo miúdo, coa enorme rigurosidade que se supón a unha obra de carácter académico, a traxectoria histórica da nación española e a traxectoria ideolóxica do nacionalismo español. Para realizar tal hercúlea tarefa faise preciso un traballo transversal: mitoloxía, historia, historia da literatura, política, filosofía, educación… E malia todo quedan flancos descubertos. Por exemplo, dada a importancia do catolicismo ultraconservador (por non dicir ultramontano, que non sempre o foi) na configuración da idea de España, bótase a faltar un longo artículo diacrónico que recolla moitos elementos dispersados noutras pezas.

As obras académicas non levan subtítulo porén esta debería levalo. Propoño, por exemplo, “Relato de una impotencia”. E aquí vén a prometida ofensa a España. Das fecundas páxinas sae un aroma a fracaso e oportunidade desaproveitada: unha España que non foi quen de fornecer aos seus cidadáns dos logros suficientes para que se sentisen orgullo de pertenza. Nin todo o xenio de Menéndez Pelayo puido rescatar unha soa aportación de interese da ciencia española. O Imperio non foi máis cruel có Británico ou o de Leopoldo no Congo Belga, pero deixou un considerábel rastro de ignominia. As liberdades públicas foron rexeitadas a berros de “Vivan las cadenas, viva la opresión, viva el rey Fernando, muera la nación”. E a nosa idade de prata, na que prometían agromar os froitos da rexeneración e do espírito crítico en converxencia (por fin) co resto do mundo occidental, foi amputada polo franquismo, que engadía á divisa anteriormente citada o poder das armas.

E do mesmo xeito que non levan subtítulo, as obras de Historia non deben levar intención ou pre-xuízo. Nunca deixaremos de lado os que historiamos, dunha ou doutra manera, a Tucídides. A autoría colectiva e o rigor científico amosado por todos os autores (cuxo número se achega aos cincuenta) garanten unha obra de enorme calidade que será difícil de igualar a curto prazo. O feito de que a nación española non sexa algo do que sentirse orgulloso non implica que non se podan escribir magníficos libros sobre ela. Ata eu mesmo aspiro a ofender a España e escribir ao mesmo tempo un artículo de opinión (que outra cousa non pretendo) de certa calidade.

En realidade, tiña que estar premiado ofender a calquera país, non só a este no que vivimos. Poucas cousas hai no eido literario máis divertidas ca sátira política. Claro que para divertirse ríndose dun país é preciso ter sentido do humor. Agardo que o vindeiro ano 2014 lle traia algo diso ao señores ministros de Interior e de (In)Xustiza. E aos demais, a todos vostedes, ademais de risas e sentido do humor, felicidade. Cada un saberá como conseguir a súa.

 

 

Cabodano multitudinario

Viernes 10 de enero de 2014

A nivel editorial, un crítico resulta afortunado cando hai efemérides. Os selos teñen o bo costume de aproveitar os aniversarios para encher as librarías de obras nas que se esmigalla o acontecemento en cuestión: causas, consecuencias, desenvolvemento, biografía dos principais protagonistas, fotografías, anecdotarios… Todo o que vostedes se podan imaxinar. E dentro dun mes entraremos nun dos anos máis sinalados en canto a sucesos: o 28 de xuño de 1914 cumpriranse exactamente cen anos dende que un estudante bosnio, Gavrilo Princip, disparou en Saraxevo contra o arquiduque Francisco Fernando (agora máis coñecido polo seu nome en alemán, usado por certa coñecida banda de rock indie). Princip evitou o cadalso por ser menor de idade e rematou morrendo de tuberculose en prisión cando a guerra aínda non rematara. Creo que é difícil atopar a unha persoa anónima que de xeito tan directo interviñese no destino de tantos millóns, ao desencadenar a Primeira Guerra Mundial.

Cando comecei a interesarme na historia, o meu mestre Santiago Dans (que non sei onde parará pero que merece unha estatua por aturarme alá na Montaña) amosoume a miña burramia: coñecía os datos pero non as causas subxacentes. De feito, el nunca conseguía lembrar os nomes dos protagonistas pero podía falar horas sobre o conflito bélico, cousa que eu non. Grazas a iso, agora tendo a facer o camiño á inversa: vexo un dato que me interesa e podo memorizar a busco un tocho que conteña toda a información que preciso.

Non é a primeira vez que esta guerra aparece nesta columna. Primeiro foi co clásico de Bárbara Tuchmann e despois cunha estilización literaria a cargo de Peter Englund. Agora traemos unha obra académica e de plena actualidade: “1914. De la paz a la guerra”, de Margaret MacMillan (Turner Editorial) é unha obra de referencia para entender por completo todas as voltas e reviravoltas que fixeron que a feliz Europa que Zweig describe nos seus libros se transformase no niño no que creceu o ovo da serpe nun prazo non superior a corenta anos. A autora é unha eminencia sobre a materia… aínda que a súa liña de traballo resulta alomenos curiosa: gañou unha morea de premios coa súa obra sobre o Tratado de Versalles (“Paris, 1919”) e agora salta ás causas de xeito directo. Non sei que me dá que nalgúns anos poderemos ver unha triloxía, na que se engada un volume sobre a batalla en si mesma. Realmente agardo con ardente paciencia.

Indo ao núcleo da cuestión, dúas observacións de máxima importancia. A primeira, que non é nada sinxelo atopar unha historia na que se expoñan os acontecementos ab ovo coa rigurosidade coa que se fai neste libro. Todo está interconectado á perfección, coma neses mapas que ensinan o cauce principal dun río con todos os seus afluíntes e subafluíntes (é moi coñecido e espectacular o do río Mississippi). A segunda, que é aínda máis difícil atopar unha historia con semellante nivel de información que ao mesmo tempo poda ser lida con amenidade grazas á habilidade narrativa da escritora, que é quen de equilibrar a información relevante sobre a cuestión, a moi importante sobre o contexto e a que non ten moita importancia e chega case que ao nivel de díxome-díxome, pero que dá ritmo ao acto da lectura.

Sobre o contido histórico, o libro constrúese retrospectivamente a partires da súa derradeira frase. “Sempre hai outras opcións”. Ante a teórica inevitabilidade coa que adoito se tende a mirar este tipo de guerras, MacMillan opón a (acertada) teoría de que a unha catástrofe tamaña só se chega pola acumulación de inutilidade e mala fe combinadas, en boa medida, coa inevitábel eficiencia xermánica. Tras a caída en 1890 de Bismarck, Alemaña pasou a estar dirixida por militaristas non diplomáticos dirixidos por un Kaiser que rozaba o retraso intelectual. O problema é que o mesmo se podía dicir de Rusia con Nicolás II e duns países balcánicos sempre “particulares” (un rei serbio foi derrocado, asasinado, mutilado no mesmo pazo real e botado pola fiestra a unha morea de estrume en 1903). As democracias máis avanzadas, Francia e Reino Unido, non estaban gobernadas por políticos tan incapaces pero metéronse elas soíñas na trampa por medio de alianzas, cláusulas segredas e escaladas bélicas con pouco sentido.

Estes días, por outro traballo que estou a facer, tiven que estudar os comezos da guerra química, as batallas do Somme e, sobre todo, o desastre de Gallipoli, a península turca na que deixaron a vida miles de soldados por erros militares gravísimos. Eu son desas persoas que considera que o Ministerio de Defensa debería desaparecer, e a lectura desta obra confírmame nesta opinión, xa que militares e diplomáticos saen bastante mal parados. Os ingleses e os seus ataques frontais contra as ametralladoras, os franceses pensando que os alemáns non poderían atacar por Liexa, os alemáns incapaces de deter unha mobilización xeral por exceso de eficiencia (si, isto sucedeu e a descrición da autora é simplemente indescritibelmente xenial), os rusos incapaces de mobilizarse ante a extensión do seu país e os austríacos (austro-húngaros en realidade, nótese a homenaxe a Berlanga) nun estado que eu non podo describir, xa que tería que destripar o argumento de “El hombre sin atributos” de Robert Musil e non paga a pena.

Hai días que ata escribir un artigo desta extensión non é suficiente pola riqueza da obra da que se fala. Hoxe é un deles. Como se achega o Nadal, vou rematar propoñéndolles que non se esquezan de libros coma este na cesta da compra.

 

Historias esquecidas

Viernes 10 de enero de 2014

Entre todos os acontecementos inusuais que estamos a vivir en España nos últimos meses hai un de especial interese: seguir en tempo real a (posíbel) formación dun país, neste caso a República de Catalunya (matino que tal e como está o patio non se lles ocorrerá poñer un rei, que xa tería a súa gracia). Para calquera persoa mínimamente versada en historia e que estudase o xurdimento dos nacionalismos posterior a 1848, os procesos derivados da inclusión da autodeterminación entre os principios consagrados polos catorce puntos de Wilson e os procesos de descolonización dos sesenta, todo ten un aire de sainete levado por iletrados que fede bastante. Especial atención pola súa supina estupidez merece o argumento de que toda España debe someterse a referendum acerca dunha das súas partes. Cada vez que escoito a alguén dicir esto, danme ganas de atizarlle coa historia de Europa de Norman Davies.

“Europe. A History”, aínda non traducido ao español, é posiblemente o mellor libro sobre o tema que existe. O problema é que é o mellor porque vén a ser o único, e de pouco serven as críticas que sobre el se lanzaron, por graves erros nos detalles, porque ningún outro autor que non fose Davies tivo a valentía de lanzarse a unha historia integral do continente. Non son as únicas críticas dirixidas hacia este historiador. Especialista na historia de Polonia, país no que os seus libros son de lectura obrigatoria nas escolas, ten o incómodo costume de xustificar os feitos do pobo polaco, incluídos o seu antisemitismo e colaboración co Holocausto ou as súas políticas ultracatólicas actuais, só igualadas dende hai unhas semanas polo goberno español.

Máis ou menos todos nos facemos unha idea, complexa ou simplificada, de cómo aparece un país. Pero moi poucos de nós seriamos capaces de dicir cómo desaparece un país, algo que por certo sucedeu con relativa frecuencia na historia europea. Norman Davies fíxo esta pregunta e escribiu para respondela a obra “Reinos desaparecidos”, na que analiza un conxunto de países que se esfumaron (este é o sentido literal do título orixinal) ao longo da historia do Vello Continente.

Só a mítica Atlántida desapareceu xeograficamente sen deixar rastro. Os países de verdade só saen da escena politicamente, paseniño en moitas ocasións, integrándose nalgúns dos que agora coñecemos. Por exemplo, unha exitosa serie de televisión vén a presentar aos Reis Católicos coma creadores dunha España nacida o mesmo día que Boabdil saiu de Granada (idea moi extendida). En realidade, a Coroa de Aragón non deixou de ser independente ata 1714, cando se integrou efectivamente en España e perdeu “nimiedades” como a xurisdicción independente ou a capacidade de establecer relacións internacionais propias. Outros perden unha pequena parte do seu territorio, como sucedeu con Eire, pero esa perda resulta tan traumática que é posíbel para Davies consideralos como entidades desaparecidas.

Se algún lector hai da citada historia de Europa de Davies, en “Reinos desaparecidos” atopará un estilo e unha disposición moi diferentes. Naquela obra, o historiador oxoniense mesturaba o relato co que chamaba “cápsulas”, microcapítulos sobre cuestións de interese especial ou transversal, que formaban practicamente un libro á parte. Nesta atense a un tipo de relato moito máis convencional sen perder un ápice de interese. A estrutura dos capítulos repítese con efectividade: anécdota contemporánea na que están recollidos elementos pertencentes ao glorioso pasado do reino desaparecido, viaxe ao pasado remoto, intre climático, decadencia e desaparición ou modificación sustancial. Todo elo aderezado cunha carga moi completa de mapas, necesarios sobre todo no caso dos capítulos dedicados ao leste de Europa, xeograficamente menos familiares para o lector español, e dunhas árbores xenealóxicas que recomendo nin mirar se non quere acabar un cun balbordo mental de consideración.

Se entrase no contido de cada un dos capítulos podería encher un especial do xornal. O grado de erudición de Davies é moi alto, sobre todo nos episodios dedicados ao entorno polonés, os de Lituania (en realidade, Gran Ducado de Polonia-Lituania), Borussia (non, non é un nome de equipo de fútbol) e Galitzia (si, unha rexión que se chama como a nosa e coa que non temos irmandade porque son pobres, quedan lonxe e non teñen druídas nin gaitas). O capítulo dedicado a Rutenia pódese ler na práctica coma unha reportaxe xornalística e presenta o caso máis extremo: a república de un só día (o 15 de marzo de 1939). Pola contra, o capítulo dedicado á URSS é perfectamente prescindíbel, pois non aporta nada que non poda atoparse en obras xeneralistas sobre o século XX e, para os que pasamos dos 30, nas nosas memorias persoais de principios e mediados dos 90.

Aquí remata nesta ocasión a columna. Non hai conclusión con referencias mordaces á actualidade. Si ten que haber unha invitación á lectura e ao regalo de libros durante unha época na que o consumismo hai moito que substituiu á relixión como motivación festiva. E na medida do posíbel, unha invitación tamén ao consumo na pequena libraría, que unhas poucas hai na nosa vella cidade, e que ao paso que vamos están en serio risco de converterse elas mesmas en reinos desaparecidos. O seu negocio terá que transformarse, porque non poden competir en custos e distribución, pero nesa transformación de seguro que non van perder o seu encanto e o amor que tratan aos seus devotos. Bo Nadal, discretos lectores.