Histórico de la Categoría ‘Sin categoría’

O nacemento dun gurú

Sábado 24 de mayo de 2014

Asistimos nestes intres ao nacemento dun gurú. Así, coma que non quere a cousa, aínda máis influínte ca Miguel Olarte, só que no campo da economía. Como o centro do mundo, ata nova orde procedente de Shanghai, está en Wall Street, estas cousas pasan nos Estados Unidos. Saen a un por administración presidencial, descontando a de Bush, que era tan absolutamente desastroso coma presidente que nin iso tivo, agás que consideremos como tal a Bernanke. Reagan encumbrou a Friedman, Clinton a Krugman e Obama, que é peculiar ata para isto, vai poñer na cima a Thomas Piketty. Un francés.

Como España é o cu do mundo cultural (libro máis vendido, Belén Esteban; canción máis descargada, Paquirrín), o influínte “Le Capital au XXIe siècle” (Seuil) non se vai traducir, segundo as informacións que corren polos mentideiros editoriais, ata o mes de setembro ou outubro: semella que as editoras andan a paus para ver quén leva o mérito de traducir un libro que non vai ler case que ninguén. Namentres, conseguir unha versión en papel, como lles contaba a pasada semana, é tarea pouco menos que imposíbel dado o nivel de vendas tanto en francés coma en inglés. Nesta ocasión non se trata dun fetichismo absurdo: os libros de economía adoito aportan unha grande parte da súa información a través de gráficos, especialmente útiles para os lectores profanos ou de nivel medio, como é o meu caso.

Resulta curioso que o novo guía da intelectualidade americana sexa un francés, despois dos problemas posteriores á guerra de Irak e das consideracións feitas hai uns anos sobre a decadencia da cultura de Moliere. Quizais resulta máis tolerábel por ter estudado na Universidade de Harvard, que se encargou da tradución ao inglés.

En canto ao contido, o libro de Piketty é unha desas obras que dedican fondas investigacións a avalar (ou refutar) opinións de “barra de bar”. Neste caso o leitmotiv da obra é o de responder á pregunta: “son cada vez os ricos máis ricos e os pobres máis pobres?” Unha cousa é intuir que a resposta é afirmativa –todos o intuímos– e outra cousa é confirmar que o é e mesmo chegar aos porqués desa situación. A iso dedica o profesor francés preto de 1.000 páxinas na edición francesa. Ben, a iso e a colleitar argumentos para recibir epitetos que van de “marxista” para arriba. Por se hai dúbidas do seux extremo esquerdismo, pediu o voto para Schulz, o candidato socialdemócrata alemán. Os socialistas alemáns gobernan en coalición coa señora Merkel.

Seguramente o que fai que Piketty sexa un éxito editorial non sexa o contido da súa obra senón, como noutras ocasións, a súa capacidade para transmitilo. Non estamos ante un libro de economía cheo de fórmulas e conceptos complexos senón con poucas ecuacións (e bastante sinxelas) e nocións para todos coñecidas –capital, herdanza, impostos– pero igualmente ben explicadas. E estamos ante unha obra de historia da economía e das sociedades, con referencias xeográficas (cando é posíbel) a países como Suecia ou a India e referencias culturais a Balzac ou Jane Austen.

Todo remata nun diagnóstico claro e sostido por unha montaña de evidencias: tras un periodo de recurte da desigualdade entre a Segunda Guerra Mundial e os anos oitenta, a economía tomou outro camiño, o que favorece aos máis poderosos. A desigualdade medra e segundo ameaza Piketty, o século XXI pode ser o século da desigualdade, no que se chegue a niveis que aos lectores de Otero Pedrayo nos remiten aos “Camiños da vida”.

Pero para enterarse ben de todo isto, moitos de vostedes terán que agardar ata o mes de outubro. Pola banda dos críticos imos cumprindo e, por unha vez, traémoslles un libro en lingua foránea. Que ben merecen os lectores lucenses estar preparados para as novidades de pasado mañá cando estas, quen sabe, ao mellor cambian o mundo de aquí a unhas décadas.

 

Bagatela deportiva

Viernes 23 de mayo de 2014

Hai semanas para isto da lectura que saen a contrapé. Ponse un a traballar nun sesudo ensaio económico para traer unha verdadeira novidade aos lectores e de repente comezan a atrasarse pedidos pola rede, os libros de papel esgótanse en toda España aínda que en teoría non os coñecen nin os expertos e os libros electrónicos amosan as súas insuficiencias: non lles recomendo afrontar o dixital para obras cheas de gráficos nos que o detalle sexa importante. A iso súmalle un certo negocio xurdido na reconstruída cidade de Coventry e xa a temos montada.

Ao final os perxudicados son todos vostedes, que van estar unha semana máis preguntándose por qué a desigualdade no capitalismo é endémica, “novidade” que andan a anunciar por Francia e Estados Unidos. Se notan incomodidade por non poder falar deste tema de todos os días, sigan as instrucións da pegatina que puxeron hai uns días no ascensor da miña casa: “Se non quere falar do tempo, mire este punto azul”, co conseguinte puntiño por baixo.

Claro, que sempre queda a opción do deporte. Poderían decidir falar dunha banalidade como se o Atleti vai conseguir espantar a pantasma de Schwarzenbeck (top de momentos dramáticos da Copa de Europa só superado polos corners do ManU en Barcelona), pero eu recoméndolles mergullarse nun aspecto máis lúdico e anecdótico mediante “Todo lo que siempre quiso saber de deporte”, breviario publicado por Guillermo Ortiz na Editorial Debate. Ortiz, ata onde eu sei, non se dedica a bourear polos faladoiros de nocturnidade (refírome aos deportivos) senón a escribir uns artigos marabillosos na revista “JotDown”, que por se non o saben o “Hola” dos hipsters e un entretemento imprescindíbel para os non modernos aos que nos gusta ler sesudas análises daquilo que, en principio, non lle debera interesar a ninguén.

Se me preguntaran a min, dende logo non lle tería encargado a este home, que por certo non é da miña familia –aclároo para non restar valor aos eloxios que veñen deseguido–, facer un libro que se limita a un selecto anecdotario, entretido nalgunhas ocasións que comentaremos, aburrido cando se limita a enumerar ou se extende en detalles un chisco estraños. Por exemplo Guillermo Ortiz podería facer unha historia mundial do fútbol xenial, xa que ten os coñecementos precisos. E xa non digamos unha do baloncesto europeo, materia na que os seus artigos amosan que está especialmente versado. Tanto cun asunto coma co outro brila unha prosa sinxela, libre de barroquismos, áxil e con ese toque irónico que puxo de moda Jabois e agora moitos imitan (imitamos).

Teremos que agardar para iso –se son impacientes, busquen na rede– e só ver faíscas dese talento para a escritura de non-ficción neste pequeno libro que ofrece unha boa cantidade diso que Ángel Vaqueiro e máis eu temos denominado en artigos cruzados nestas follas información completamente innecesaria: as regras do cricket –que a min me foron moi útiles para non me sentir coma un marciano en Londres durante as Ashes Series–, a aventura do mítico tenista Bjorn Borg con raqueta de madeira en medio dos bombardeiros dos 90, os mellores cabreos de John McEnroe –imprescindíbel visita a YouTube para ver a de Estocolmo, pola que non foi descualificado– as sucesivas catástrofes de Carlos Sáinz ou as explosións das nadadoras e atletas chinesas a principios 90, estas últimas alimentadas en teoría polo sangue de tortuga proporcionado polo mítico Ma Junren –tamén está chula a visita á megaweb de vídeos–. Todo iso é mil cousas máis desas que moitas veces se discuten polos bares cunha caña na man, que como dice unha parte do título “exercitan a curiosidade” e que de seguro contribuirán a unha tarde de bagatela deportiva en medio da tensión de hoxe, a do mércores que vén e do que nos queda, con Mundial de fútbol en Brasil e Mundial de baloncesto na porta da casa por diante.

 

Unha ollada ao futuro

Viernes 23 de mayo de 2014

Foi todo un detalle que a pasada semana tivera folganza grazas ás vacacións establecidas nun estado aconfesional por unha festividade relixiosa. De feito, e para gañar tempo cos meus artigos, estou por propoñer aos xefes que fagan festivo o Yom Kippur, visto que preciso expiar unha boa recua de pecados.

O problema é que como paso cal Don Quixote as noites de claro en claro e os días de turbio en turbio, só me enterei de tan gloriosa data o mércores, e para daquela xa tiña sentenciado o libro da semana, co que regresaba ao terreo das ciencias, aínda que dende unha perspectiva moi lúdica, a proposta por Juan Scaliter en “Exploradores del futuro” (Editorial Debate).

Scaliter é xornalista científico e ten escrito nas dúas revistas españolas máis prestixiosas, Muy Interesante e Quo. Eu, que son neno dos oitenta, son fillo da primeira, que lía meu tío Agustín cando viña no verán e mercaba e compartía con xenerosidade un íntimo amigo becerrense na nosa adolescencia. Grazas a elas, sen dúbida, centos de rapaces conseguimos ver a divulgación científica como algo natural. Supoño que os que agora están neses anos chave para o espertar da curiosidade sufrirán algo similar coa divulgación económica, que non é menos apaixonante. O hábito de escribir nese tipo de cabeceiras dálle ao autor un estilo particular, áxil e informal. En ocasións, demasiado informal e con bromas que se achegan ao consumo interno. Non todo ía ser perfecto.

A metodoloxía utilizada ten tan poucos segredos como moitas dificultades na súa execución. Scaliter quería escribir, a partires dos seus grandes coñecementos en ciencia, sobre cómo sería o futuro. E o mellor para facelo era entrevistar ás persoas que mellor poden coñecer a evolución de neuroloxía, xenética, astronomía e física, os catro campos do coñecemento que semella marcarán o devir da raza humana de cara ao 2100. O camiño de Punset, que aínda dá para que moitos transiten por el con éxito.

Todo aquilo que se poda dicir sobre o noso futuro tecnolóxico está mediatizado pola Lei de Moore. Non se estudia na escola, que eu saiba, pero podería ser tan importante como as leis de Newton. A devandita lei afirma que cada dezaoito meses se duplica a cantidade de transistores nun circuito integrado e lévase cumprindo dende 1965. E implica que en 2017, por fin, un ordenador chegará a ter a capacidade de procesamento do cerebro humano e que en 2049 un ordenador excederá a intelixencia de todo o planeta (que semella ir minguando pouco a pouco, alomenos se me fío da miña lectura diaria deste mesmo xornal).

O problema de entrevistar a xenios das ciencia é que ao lector, profano normalmente como é o meu caso, cóstalle distinguir o que verdadeiramente pode suceder (de verdade da boa) e o que é unha fantasía do xenio. Non me resulta moi difícil pensar que o ordenador no que escribo chegue a ser máis “intelixente” ca min, pero si pensar en que pode haber ollos biónicos ou que en 2045 se pode iniciar a terraformación doutros planetas. Será que son home de pouca fe. As tres opcións comentadas son propostas por diferentes científicos entrevistados por Scaliter, que semella ser capaz de facer as preguntas axeitadas sen acadar, aínda que o pretenda, o estatus de “geek” (palabro estraño que vén a definir a certo personaxe da serie “Big Bang Theory”).

Durante todo o século XX, de Wells en diante, os escritores esforzáronse por adiviñar “the shape of things to come”. Por moito que avanzasemos, aínda non podemos chegar a este punto. Pero nesta semana, de libros e pasamento dun xenio, convén lembrar que sen lectura non imos a ningures, nin en ciencias nin en letras. Que un científico non só é un friki, do mesmo xeito que un humanista non anda polo mundo recitando. E que imos costa abaixo e sen freos se, como sociedade, non nos decatamos de que os estudosos non sempre son pedantes, de que os que saben non son soberbios e de que os que collen atallos son listos para si e malos para todos.

 

Cen anos de Paz

Viernes 23 de mayo de 2014

Con tanto García Márquez ás veces semella que a literatura hispanoamericana comeza e acaba no arquifamoso bum. Non vou cometer eu a soberbia de certo académica barbudo e de Xaén que pouco menos que viña a dicir que estaba cansado do autor de “Cien años de soledad” cando as súas propias novelas (como xa comentamos aquí algunha vez) son peores ca non comer unha semana. García Márquez era un mestre pero hai vida alén do real marabilloso.

A miña vida de lector lonxe de Cortázar, Gabo ou Fuentes pero dentro de América ancórase na colosal figura de Octavio Paz, intelectual con todas as letras. Vén de cumprirse nas últimas semanas o centenario do seu nacemento, un centenario que sendo novo me fai sentir vello porque aínda lembro o seu Premio Nobel e aquel libro pequeniño de “Alianza Cen” no que viña “La hija de Rappaccini” e vaia vostede a saber que outra obra. Lin e non entendín nada ata catro ou cinco anos despois: agora tardo un pouco menos –normalmente. Para conmemorar a efeméride vén de reeditar Galaxia Gutenberg a súa “Obra Poética”, volume que me deu miles de satisfaccións… a un prezo excesivo. Esta edición en tapa branda, ideal para regalo, a bo seguro poñerá ao alcance de máis persoas ao xenio mexicano.

Eu cheguei a Octavio Paz dun xeito un chisco curioso: grazas ás súas traducións, reunidas en “Versiones y diversiones”, que tamén se inclúen nesta “Obra poética”. Dende moi novo, e a pesares dos meus hábitos biblofágicos, decateime de que non tiña ningún talento para escribir, e moito menos para escribir poesía. Polo tanto, e dado que o das linguas se me daba moito mellor, elixín o camiño das traducións, polo de agora (agardo que por pouco tempo) para consumo propio. En Paz atopei un mestre das versións, da lectura dos outros para transmitir nunha lingua diferente, e puiden coñecer por vez primeira a John Donne ou e.e. cummings, que moito despois me darían (e seguen a me dar) grandes tardes de pracer literario.

Enganchándome de novo, quedei impresionado coa súa primeira poesía, a de “Bajo tu clara sombra”: epigramática, breve, condensada e amorosa. Co paso dos anos chegoume a parecer ripiosa e pouco traballada. Pero para daquela xa alcanzara a capacidade para comprender e gozar con “La estación violenta”, derradeira parte de “Libertad bajo palabra” e caixón onde se garda “Piedra de Sol”, unha especie de alef poético que cae torrencialmente sobre o lector, para o que todos os séculos pasan a ser un só intre de lectura.

Octavio Paz, dixemos, era un intelectual da cabeza aos pés, e iso non só pola súa poesía e as súas traducións senón pola asunción de culturas completamente alleas, ás que tivo acceso pola súa carreira diplomática, que incluíu o nomeamento como embaixador na India en 1962. Aínda hoxe non lle collo o aire a “El mono gramático”, prosa poética que se me escapa, pero si a “Ladera este”, xa máis arriscado tamén no formal. Podería ter continuado Paz polo camiño da asimilación de non ter intervido de novo a súa condición de intelectual, nesta vez comprometido: abandonou voluntariamente o seu posto en protesta pola matanza da Praza das Tres Culturas, naquel convulso 1968.

Non chega unha páxina de xornal para describir un amor, non é suficiente unha crítica servil e entregada. Nin sequera se pode chamar crítica, cecais. Podo deixalo por esta fin de semana en recomendación. Os aniversarios son grandes momentos editoriais para recuperacións e poucas podería haber máis xustas ca do vate mexicano. A súa poesía cruzou o século XX dende a Guerra Civil española ata 1996, cando o seu silencio foi música e pasou a ser acorde de concerto. Supoño que no segundo centenario seguiremos disfrutando con sucesivas edicións desta a súa poesía, que ameaza gloriosamente con sobrevivir ao paso do tempo.

 

Baixo sospeita

Viernes 23 de mayo de 2014

De todos os defectos que ten ese país chamado España, o que máis amola a un servidor é o desprezo secular dos seus habitantes polos intelectuais. Dos xudeus e moriscos aos xesuítas como Hervás y Panduro. Das masas saudando a Fernando VII co “vivan las cadenas” a Millán Astray contra Unamuno, pasando por aquel adagio de Machado que di que de cada dez cabezas, nove embisten e unha pensa. Aquí un tipo cun libro baixo o brazo é sospeitoso, o que estuda non lle vai explicar ao que o leva facendo trinta anos cómo se fai (mal) e o que sabe o mellor que pode facer e calar a boquiña, non sexa que o marxinen.

Que esta actitude sexa moi española non implica que sexa exclusivamente do noso país, e para demostralo está o novo libro do exministro César Antonio Molina, “La caza de los intelectuales”, publicado pola Editorial Destino. O escritor coruñés presenta un bo feixe de ensaios nos que aborda a problemática relación das persoas de letras co poder, que adoito ten o costume de ir máis lonxe do desprezo e pasar ao desexo (ás veces consumado) da aniquilación física.

Molina ten un verbo florido e un estilo moi particular e recoñecíbel, que se unen a unha formación e traxectoria intelectuais de prestixio recoñecido. Non obstante, non é tanto un novelista coma un poeta e articulista e isto afecta á estruturación narrativa dos ensaios deste volume. Xa dende o primeiro, dedicado á figura de Cicerón, atopamos un intento por xogar coa orde do discurso e a orde da historia, intento que na miña opinión fracasa e pode confundir a aquel que descubra historias como a do Arpinate por primeira vez.

Esta falla discursiva nas pezas máis longas queda compensada polas numerosas virtudes amosadas durante toda a obra. Molina demostra ser, antes que nada, un lector verdadeiramente magnífico, capaz de entrar sen problemas en diferentes épocas e xéneros. En segundo lugar, estamos ante un viaxeiro incansábel e cunha grande habilidade descritiva, se ben en ocasións isto fai que algúns artículos se desvíen do propósito da obra (por exemplo, aqueles dedicados a Auschwitz ou o Gueto de Polonia, interesantes máis a nivel cultural que especificamente literario). Por último, o autor amosa uns coñecementos sobre o contexto histórico no que se sitúa cada autor, de forma que obras e vidas quedan indisociablemente unidas. Neste senso parécenme de especial valor os escritos sobre a Francia de guerra e posguerra e a magnífica peza sobre Knut Hamsun, que debe moito á non menos xenial biografía de Kolloen.

Pareceralles mentira, pero o feito de que Molina sexa español acaba por afectar á calidade do seu libro. Non din en tolo, agarden antes de pasar a páxina. Como outros moitos intelectuais da pel de toro, o poeta coruñés precisa puntos de apoio dentro da súa propia cultura e atópaos no século XVIII con Jovellanos, Campomanes, Cabarrús e demais. Non podo compartir a súa reivindicación, como tampouco o fixen cando tiven que estudar a literatura do periodo. De feito, pensar en que contemporáneos de Jovellanos eran os enciclopedistas, os ultras das Luces ou revolucionarios americanos coma Jefferson, Franklin e Paine acentúa a miña revertiana sensación de vivir no cu do mundo cultural.

Hai libros, á fin e ao cabo, que son un paradoxo en si mesmos. Este é un de corte tráxico: a lectura de Molina convertirá ao lector en alguén máis culto, polo tanto en alguén máis susceptíbel de ser “cazado”, se aceptamos os termos do título da obra. Non podemos culpar ao exministro, posibelmente un dos poucos políticos decentes da última década en España. Alguén ten que esforzarse en liberar á nación española do seu secular desprezo á intelixencia. Probabelmente o experimento sexa un fracaso: acábame de saltar unha publicación de certa rede social na que vexo a dous maromos medindo o aparello no medio dun programa de televisión. Así que case mellor reivindicar a Jovellanos aínda que sexa aburrido coma ver chover e menos reivindicábel que o barón D´Holbach.

 

Un final aberto

Viernes 23 de mayo de 2014

Está moi de moda iso de falar do fútbol como “circo” dentro da romana fórmula do “pan e circo”. A aqueles que desprezan o espectáculo habería que pedirlles máis información sobre ese refrán que tanto invocan. Pola miña parte, como afeccionado, podo traer a colación a insignes persoeiros da cultura que tiveron relación co balompé: Chillida, porteiro da Real Sociedade; Camus, siareiro e practicante no seu Arxel natal; Alberti, que dedicou unha oda a Ferenc Plattko que foi respondida por un iracundo Gabriel Celaya; ou Miguel Hernández, autor dunha fermosa elexía dedicada a Lolo, gardamallas do Orihuela que faleceu ao chocar contra o poste da portería.

Dentro do futbolístico non teño reparo en recoñecer a miña filiación barcelonista. Pero ao revés que os máis novos, que só coñecen a un Barça gañador, eu son un culé cagón. Isto é froito dos traumas de infancia transmitidos pola familia: o secuestro de Quini (que non vivín), a liga perdida con 6 puntos de vantaxe con 12 por xogarse, os anos da Quinta do Buitre vividos no colexio e, sobre todo, a derrota na final da Copa de Europa de Sevilla contra aquel Steaua de Bucarest fallando todos os penaltis na quenda. Así que un sempre está pensando en coller as rosas denantes de que a idade lixeira mude a Messi nun ser humano normal.

Non son o único tipo que pensa que Lionel Messi é un extraterrestre. O tipo é tan especial que con vintepoucos xa ten unha biografía de setecentes páxinas, a que ven de publicar o xornalista Guillém Balagué. Cito o número de páxinas porque, obviamente, non estamos diante do típico libro que un xuntaletras pare apurado polas circunstancias, para regalar cun xornal ou tirar proveito dunha fama coxuntural (por exemplo, a de Diego Costa agora mesmo).

Non hai en España a tradición anglosaxona de biografías de deportistas e pódese dicir que o libro de Balagué abre camiño, o que xa ten mérito. Nesa mesma liña británica e norteamericana, falar do personaxe en cuestión leva a analizar toda a súa circunstancia. Non se pode entender a Messi sen Rosario e non se pode entender Rosario sen explicar a Arxentina, do mesmo xeito que non se pode coñecer a Keynes sin coñecer Bloomsbury ou a Roosevelt sen saber nada da poliomielitis. Así pois, o libro de Balagué ten tanto de fútbol como dos entornos culturais que o rodean.

O protagonista está suxeito á polémica. Para comezar é obxecto de odio para milleiros de siareiros madridistas. O autor non esquiva moitas das cuestións relacionadas coa actualidade: os rumores de dopaxe relacionados con tratamentos médicos no pasado, os problemas con Facenda ou as discusións con compañeiros. Pódese dicir que a obra está nun punto medio: resulta parcial a favor do biografiado (como case sempre) pero sen resultar tan tendenciosa que sexa ilexíbel ou bordee a haxiografía.

O principal defecto que se pode ver non se relaciona nin coa falta de obxectividade nin mesmo co estilo, porque Balagué, como outros xornalistas, escribe tan ben como moitos escritores de pedigrí. A falta está no momento: ao mellor Leo Messi precisaba unha biografía que lavase unha imaxe pública desgastada, pero unha obra deste tipo sempre está guiada por un certo sentido teleolóxico: noutras palabras, aos lectores gústannos as historias redondas, non os finais abertos. E a biografía dun futbolista aos 26 e en activo é biblioteca de Babel ou xardín de sendeiros que se bifurcan, en palabras doutro ilustre arxentino. Para rematar a súa biografía Balagué tería que ser mago ou saltar do terreo do ensaio ao da ficción. ¿Vai gañar Arxentina o Mundial de Brasil? ¿Vai marchar Messi algunha vez do Barcelona? ¿Vai ter mañá ou pasado unha gravísima lesión? ¿Vai ter unha carreira aínda máis lendaria con dous Mundiais e tres Champions máis?

A resposta non está nas follas dun libro senón no paso do tempo. Eu, como culé, a disfrutar do divino anano e os madridistas a sufrilo. E todos os afeccionados ao deporte a á lectura, a disfrutar do libro sen mirar cores e camisolas.

 

Contradicións

Viernes 23 de mayo de 2014

Anda o corpo editorial anémico, coma se tivesen desaparecido os libros máis interesantes e aínda non publicados ou traducidos da face da terra. Un día tras outro visito as miñas librarías de cabeceira, percorro milímetro os seus anaqueis, mergúllome en webs e webs e máis webs… sen demasiado éxito. Pero coma se fose o cristo de Lope nun famoso soneto, eu porfío en chamar á porta, a ver se ao final rematan abrindo. Por exemplo, teño moitas esperanzas en que os Pulitzer que se fallan o luns que vén ofrezan novidades que podan chegar axiña a España.

Sen marchar tan lonxe atopa un de cando en vez auga para calmar a sede de coñecemento. Esta semana eu atopeina na (case) sempre atinada editorial Pasado & Presente, e máis en concreto na súa última publicación, unha (relativamente) breve historia universal narrada teóricamente dende a perspectiva marxista –aínda que despois veremos que afirmar isto é ser innecesariamente reduccionista– escrita por Neil Faulkner e titulada “De los neandertales a los neoliberales”.

Como xa teño dito por aquí nalgunha ocasión, estamos nun tempo no que o marxismo é denostado de maneira inxusta a causa do fracaso práctico daqueles que dicían ser marxistas e traizoaban a súa práctica. O conductismo fracasou dun xeito similar, alomenos nas aplicacións prácticas que pensaba Skinner, e xa tiven a falla de fortuna de atopar algún “coach” que anda polo mundo defendendo que as súas entrevistas son conductistas. Será que cambiou o significado ou a filosofía e eu non me enterei. Mágoa.

Os intelectuais marxistas seguen a ser voces da conciencia colectiva ao ter o horizonte de pensamento máis axeitado para localizar algo chave no funcionamento das sociedades actuais: as contradicións. Faulkner é quen de trazar pouco menos ca unha “historia universal da contradición” neste libro. O lector, pisando por onde el pise, vai atopar estruturas e procesos que se repiten e que pode localizar a pouco que abra os ollos ou vaia unhas páxinas atrás neste mesmo xornal. Por outra banda, a ruptura do estricto marco determinista. E curiosamente onde mellor expresa Faulkner isto é na “nota bibliográfica”, na que crítica unha visión máis teleolóxica e di que a historia é algo “aberto, continxente e configurado pola acción humana”. Por aí imos ben.

Así pois, non agarden un sesudo ensaio cheo do vocabulario abstruso que adoita se asocia co marxismo nin tampouco, por fortuna, unha historia chea de anacronismos na que os escravos construtores das pirámides ou servintes dos patricios romanos formaban un proto-proletariado. Faulkner ofrece unha visión máis aberta, sinxela e asumíbel: fóra das conciencias de clase, a historia da humanidade non deixa de ser a historia de dous grupos de persoas: un pequeno, rico e que busca conservar a súa riqueza; e un moito maior, que procura que os recursos sexan distribuídos en función das necesidades básicas da maioría. A iso, agora, chámaselle ser un subversivo. En realidade, é algo que vén sucedendo dende que os homes deixaron de ser nómades e traballaron a terra… para ter excedentes.

Usando unha expresión moi de moda, podo prometer e prometo que esta obra vai a ser do mellor publicado en español en 2014. Porque á claridade e á capacidade de síntese únese unha habilidade estilística que emparenta ao autor con Howard Zinn, verdadeiro patrono das historias “populares” ou “alternativas”. Porque por moito que se subtitule a obra como “historia universal marxista”, isto non deixará de ser un erro, neste caso perdoábel. En realidade, un historiador e arqueólogo como Faulkner, con facultades para contar, consegue explicarnos o camiño da humanidade lonxe de palacios, castelos e gabinetes. A historia do noventa e nove por cento da humanidade: os oprimidos, os que esquecemos (ou non chegamos a aprender) a fórmula do binomio de Newton.

 

Sobre bosóns e campos

Viernes 23 de mayo de 2014

Se me poño a pensar, non sei cando comecei a me sentir atraído pola física cuántica. Si sei cómo: a través doutra das miñas afeccións paralelas, a historia da Segunda Guerra Mundial. Da Alemaña do 39 cheguei ao Xapón do 45 coa bomba atómica, de aí ao Proxecto Manhattan e de alí aos descubrimentos físicos que o fixeron posíbel. Axiña me decatei, e xa llelo teño dito nalgunhas ocasións, que o tratamento deste tema esta lastrado por prexuízos (todo o mundo considera por sistema que a mecánica cuántica é algo críptico) e por unha transmisión pouco práctica do asunto, algo que sorprende se se ten en conta que os expertos na materia son xente preclara que se esforza en explicar o máis complexo do modo máis sinxelo.

Para que vexan de que falo, vou a lles poñer un exemplo no que mesturarei física e baloncesto para explicar o bosón de Higgs. De cando en vez baixo a ver adestrar ao Breogán. Ao rematar, discuto con Dani Rodríguez, o base do equipo celeste. Supoñamos que nos poñemos a percorrer a pista falando sobre os Lakers. Son vinteoito metros, ou sexa que pouco nos leva percorrerlos. Agora comeza o experimento mental: pensen que eu me sitúo debaixo da canasta e que só quedan dez segundos para que o Breogán consiga o ascenso.

Dani anota, remata o partido e achégase a min. Xusto despois hai unha invasión de pista e xuntos temos que percorrer os vinteoito metros. Eu poderei facelo axiña: hai moita xente pero paso desapercibido. Interactúo de xeito débil con moitas persoas. Para Dani sería imposíbel chegar canda min, porque interactuaría fortemente con centos de persoas. Esas persoas forman un “campo” e a “masa” de Dani é maior ca miña. O campo de Higgs é aos quarks o que os siareiros a esa pista invadida: algo que ocupa o espacio e co que é preciso interrelacionarse.

É o que se chama a “analoxía de Miller” e relátaa o físico Sean Carroll no seu imprescindíbel “La partícula al final del universo” (Editorial Debate), obra na que relata a historia do LHC e o CERN (na actualidade, o único proxecto europeo que merece a pena, tal e como está o panorama) que deu coma resultado o achádego efectivo (ou case, a efectos prácticos) do bosón de Higgs, unha partícula imprescindíbel para completar o funcionamento do sistema da natureza que nos rodea.

Para ler unha obra como esta non hai que ser un tolo senón unha persoa quen de facerse preguntas trascendentes sabendo ao mesmo tempo que as respostas obtidas van a ser incompletas. Algúns buscan nas obras sobre ciencia contidos máis propios da ciencia ficción. Agardo que co descubrimento do campo de Higgs veñan, por exemplos, novas formas de enerxía, limpas e inesgotábeis. Pero os científicos, como se pode ler nunha viñeta incluida na obra, van na procura de novos límites soamente porque son “fodidamente (sic) alucinantes”.

O libro non deixa de ser un relato de viaxes intelectuais. Partindo de algo que é moi difícil de entender de xeito intuitivo (que o mundo do átomo non se rixe polas leis da física diaria, ilustrada de xeito excelente pola historia da mazá de Newton), Carroll debuxa o progreso da ciencia ata atopar un modelo que ofreza un equilibrio perfecto… para explicar un tres por cento do que coñecemos. O cosmos, alá ao lonxe, permanece inexplicado nun noventa e sete por cento. Polo que hai tarefa para séculos.

Carroll consigue que esa viaxe sexa entretida e relativamente sinxela, con exemplos coma o de Miller e aínda mellores. A obra non é demasiado extensa e pode ser afrontada sen unha formación matemática. Só queda escurecida por detalles que amosan un desleixo innecesario: por exemplo, nin sequera engadir unha nota dos editores que explicite que entre o orixinal (2012) e a edición española (finais de 2013) quedou zanxada a polémica sobre quen recibiría o Nobel por esta serie de investigacións: foron o mesmo Higgs e François Englert, a quen homenaxearei para rematar… porque todo apunta que Higgs deixará o seu nome sepultado na historia. Non sempre levan o mérito todos os que deben, cousas da vida.

 

O dono de Chac Mool

Martes 18 de marzo de 2014

Como xa lles teño dito en bastantes ocasións, penso que ata ser un chisco pesado, non estou ultimamente moi inclinado á ficción. Tampouco nos imos poñer catastróficos: a novela non morreu. Simplemente, hai que dar un tempo para que agromen as alfaias que se agochan no medio da broza bestselleriana. Tamén está o compoñente das horas de lectura e o modo de empregalas: a novela require plena atención, en cada páxina, en cada liña. O ensaio, cando se posúe un coñecemento previo, permite a lectura en diagonal e mesmo algunhas perdas de concentración.

Por sorte, para saciar a miña sede de ficción está o conto. E en particular o conto hispanoamericano. A dous metros de min durmen os contos de Cortázar (os meus preferidos, “La autopista del sur” e “Todos los fuegos el fuego” á cabeza), os de Borges (“Pierre Menard”, “Tlon, Uqbar, Orbis Tertius”), os de Rulfo, os de Horacio Quiroga (de infausto recordo persoal) ou os do “Negro” Fontanarrosa, autor menos coñecido pero en verdade xenial, sobre todo nos seus relatos sobre fútbol. E dende esta semana os “Cuentos completos” de Carlos Fuentes, publicados en Fondo de Cultura Económica e que lentamente comezan a chegar a España tras a súa impresión en México en 2013. A globalización funciona, pero en Lugo vai amodiño.

Poucas veces lembro a primeira vez que lin a un dos grandes autores, e isto pásame con Carlos Fuentes. Era eu un rapaz e un daqueles libros a vinte pesos de Alianza era “Aura”, que a min me pareceu un conto longo (os límites espaciais dos xéneros son cousa complexa), escuro, opresivo e encantador. Anos despois, cando xa sabía o que era un “doppelgänger”, aínda puiden disfrutar máis. Despois viñeron “La muerte de Artemio Cruz” e un fragmento breve de “Terra Nostra”, no que descubrín que Fuentes tamén adoraba a Librairie Gallimard, un dos meus lugares preferidos en París.

Pero non coñecín os contos de Carlos Fuentes ata que os estudiei na licenciatura e teño que recoñecer que me sorprenderon gratamente, como penso que sorprenderán aos lectores que aborden esta grosa compilación. E non terán que ir moi lonxe. No seu terceiro conto, con só vinteseis anos, Fuentes gañaba sitio nas antoloxías. Trátase de “Chac Mool” e nel atopamos o mellor do autor: a capacidade para amosar situacións cotiás nas que se introduce un elemento sobrenatural. Isto tamén se pode ver nalgún dos contos máis coñecidos de Cortázar, por exemplo “Casa Tomada”, e forma parte do que se deu en chamar “realismo máxico” –etiqueta xenérica e un chisco inexacta– cunha particularidade: a habilidade de Fuentes para introducir asemade un elemento terrorífico, en ocasións mesmo gótico e sanguento. Dende hai dez anos, as estatuas de ídolos mexicanos que chaman ou teñen relación coa auga non son do meu agrado. Por se acaso.

Os diferentes periodos da historia de México aparecen trocados en pantasmas noutros contos, mesturados con referencias á modernidade cinematográfica ou musical (o do jazz e os contadores de contos hispanoamericanos dá para moito). Se leron ao Fuentes máis barroco, tamén atoparán que é un mestre no uso da linguaxe máis tipicamente mexicana e mesmo das falas de ladróns ou maleantes.

Non me queda moito espazo e fun pouco herexe, así que voume poñer. Como lector do xenio mexicano teño a sensación de que a súa imaxinación novelesca decaeu tras “Terra Nostra”, publicada en 1975. E non obstante sobreviviu nos contos, en contos como “Calixta Brand”, exquisitamente sobrenaturais e ata románticos, escritos na década dos 2000. Pero os anos pasaron e o mestre finou, vai para dous anos xa, sen o Premio Nobel que lle caeu a Don Mario e ben lle podía ter caído a el. E agora os lectores atopámonos desamparados, porque non existe biblioteca de Babel na que poidamos consultar o que nos quedaría por ler: todos os libros que Carlos Fuentes non escribiu e quixo escribir.

 

Científicos profanos

Martes 18 de marzo de 2014

Como todos os lectores e penso que como toda persoa que exceda os trinta anos, podería fritir a calquera coas miñas “batallitas” sobre os tempos da escola. Enchería toda a sección e non só esta páxina e só estaría comezando, se ben é certo que estudiei todo o que había que estudiar polo meu plan: dende a primeira clase de 1º de EXB nos Maristas con Doña Sabina ata un seminario de doutoramento sobre literatura europea da profesora Franca Sinopoli (que agora que non nos oe ninguén direi que era insufríbel). Pero o máis interesante que podo dicir é que o feito de estudiar moito non supuxo que estudase ben.

A miña querencia polas Letras (Literatura, Historia, Idiomas…) fixo que dende unha idade temperá rexeitase as Ciencias, sobre todo aquelas máis relacionadas coa matemática. Era –aínda son–, un desleixado cos números. Sempre deixaba un paso atrás e as contas nunca saían. E pouco a pouco funme afastando de xeito estúpido. Agora, pasados por pouco os trinta, levo uns anos esforzándome en aprender o que debera ter aprendido hai vinte anos… Aínda que sempre nun plano teórico: sigo a ser un desastre para todo aquelo que non sexan operacións básicas.

As persoas coma min necesitamos un apoio para aprender de xeito autodidacta e moitas veces vén dos divulgadores. Na miña infancia lembro dous nomes sobre a ciencia: Carl Sagan e Isaac Asimov. De Sagan falaremos noutra ocasión. Asimov chega a esta columna coa súa “Historia y cronología de la ciencia y los descubrimientos”, desenterrada pola Editorial Ariel despois de case que vintecinco anos nas librarías de vello. Polo camiño, Asimov converteuse nun icono da ciencia-ficción polas súa “Triloxía da Fundación” e, se se tivese vendido mellor, podería terse convertido nun icono da loita contra o SIDA, enfermidade que acabou coa súa vida ao ser contaxiado nunha transfusión sanguínea. Pero claro, el non xogaba ao baloncesto nin o seu alcume era “Magic”.

Teño que advertir aos lectores para evitar sorpresas pouco agradabeis: a palabra clave do título é “cronoloxía”. Isto quere dicir que non estamos ante unha obra con estrutura narrativa, que recolla un fío en, poñamos por caso, Euclides e o siga ata Riemann, senón que se detén ano a ano (ou milenio a milenio, que o home tamén foi amodiño nalgún momento) e analiza as principais innovacións. Polo tanto, ten un aire de diccionario enciclopédico que pode chamar a súa atención.

Morta xa a época na que se lían guías telefónicas e diccionarios (en realidade o que “morreu” foron ambos formatos de información, atropelados polo dixital), pode chamar a atención que lles recomende unha lectura sistemática dun libro que esencialmente pode asimilarse cunha enciclopedia por orde cronolóxica. En realidade, cada peza de Asimov é unha pequena obra mestra de síntese e claridade na exposición. En só dous ou tres parágrafos, cinco como moito, o científico ruso-americano consegue expoñer ao lector mesmo os problemas máis complexos da matemática, como o último teorema de Fermat (resolto en 1995, a onde non chega o lapso temporal da obra) ou a Conxetura de Goldbach, encantadora e improbada: “Todo número par maior que dous pode escribirse como suma de dous números primos”. Sen chegar a estes extremos, atopamos deliciosas explicacións de fenómenos tecnolóxicos cotiáns, como o uso das pechaduras, e fitos na descuberta do mundo (polos europeos).

Poucos defectos se poden atopar na obra se un é un profano coma min. O máis evidente, o descuido de Ariel ao non procurar un editor da obra que se tivese encargado de poñela ao día con algunha nota a pé de páxina. Se se desexa afondar nos temas tratados hai obras moi completas republicadas recentemente, como a historia das matemáticas de Morris Kline ou o clásico en tres volumes de Reale e Antiseri. Pero, como diría Celso Emilio, hai algúns que non sabemos ren de xeometría e esquecemos a fórmula do binomio de Newton. Para nós está Asimov.