Nasdrovie

A palabrexa do título é a única palabra que coñezo en ruso. Bueno, serei franco e lembrarei tamén “Prestupenie” e “Nakazanie”, verbas da mellor novela rusa endexamais escrita, “Crime e castigo”. Pero a outra era máis axeitada para o título polo seu ton festivo, xa que é a palabra que se usa para os brindes no país eslavo.

Vén a conto falar de Rusia porque unha das miñas últimas lecturas é a reedición de “El baile de Natacha” – o título remite a unha escea de Guerra e Paz , unha historia cultural rusa dos séculos XIX e XX na editorial Edhasa. O autor, Orlando Figes, ten tamén unha “Historia da Revolución Rusa” na mesma editorial que prometo revisar nalgún momento. O autor opta por un modelo de historia a medio camiño entre o clásico e as novas tendencias. Por unha banda temos un seguemento cronolóxico do que sucedía na Rusia convulsa do século XIX e revolucionaria do XX. Por outra banda, persegue certas figuras, en particular a familia Sheremetev, o que axuda a que o libro sexa máis persoal e lixeiro de dixerir.

Winston Churchill falou de Rusia como “un engado dun enigma envolto nun papel de misterio” (a cita non é exacta, desculpádeme, pero non son bo citando). Figes logra aclarar ese misterio por medio da análise de certas figuras e actitudes que conforman a historia desa cultura máxica, que pasou do silencio do 90% de servos aculturados á vangarda europea da man de Pedro o Grande no político e de Pushkin no cultural. E de aí a unha revolución que representaron primeiro o Razumov de Under western eyes de J. Conrad e despois o binomio Lenin-Stalin, sanguentamente comunista.

Figes repasa tamén as influencias asiáticas (tomadas despois de maneira terxiversada polos inimigos do país dos soviets) e as artes que se afastan da literatura e a historia. Magnífica é a súa atención aos famosos cinco músicos decimonónicos (Cui, Mussorgski, Glinka, Rimski-Korsakov, Balakirev) ou a pintores hiperrealistas como Repin. E remata cunha análise das relacións de Rusia co estranxeiro. A Historia das Ideas vese representada de maneira excelente nunha obra como esta. Brindemos por ela

Comentar