Bagatela deportiva

Hai semanas para isto da lectura que saen a contrapé. Ponse un a traballar nun sesudo ensaio económico para traer unha verdadeira novidade aos lectores e de repente comezan a atrasarse pedidos pola rede, os libros de papel esgótanse en toda España aínda que en teoría non os coñecen nin os expertos e os libros electrónicos amosan as súas insuficiencias: non lles recomendo afrontar o dixital para obras cheas de gráficos nos que o detalle sexa importante. A iso súmalle un certo negocio xurdido na reconstruída cidade de Coventry e xa a temos montada.

Ao final os perxudicados son todos vostedes, que van estar unha semana máis preguntándose por qué a desigualdade no capitalismo é endémica, “novidade” que andan a anunciar por Francia e Estados Unidos. Se notan incomodidade por non poder falar deste tema de todos os días, sigan as instrucións da pegatina que puxeron hai uns días no ascensor da miña casa: “Se non quere falar do tempo, mire este punto azul”, co conseguinte puntiño por baixo.

Claro, que sempre queda a opción do deporte. Poderían decidir falar dunha banalidade como se o Atleti vai conseguir espantar a pantasma de Schwarzenbeck (top de momentos dramáticos da Copa de Europa só superado polos corners do ManU en Barcelona), pero eu recoméndolles mergullarse nun aspecto máis lúdico e anecdótico mediante “Todo lo que siempre quiso saber de deporte”, breviario publicado por Guillermo Ortiz na Editorial Debate. Ortiz, ata onde eu sei, non se dedica a bourear polos faladoiros de nocturnidade (refírome aos deportivos) senón a escribir uns artigos marabillosos na revista “JotDown”, que por se non o saben o “Hola” dos hipsters e un entretemento imprescindíbel para os non modernos aos que nos gusta ler sesudas análises daquilo que, en principio, non lle debera interesar a ninguén.

Se me preguntaran a min, dende logo non lle tería encargado a este home, que por certo non é da miña familia –aclároo para non restar valor aos eloxios que veñen deseguido–, facer un libro que se limita a un selecto anecdotario, entretido nalgunhas ocasións que comentaremos, aburrido cando se limita a enumerar ou se extende en detalles un chisco estraños. Por exemplo Guillermo Ortiz podería facer unha historia mundial do fútbol xenial, xa que ten os coñecementos precisos. E xa non digamos unha do baloncesto europeo, materia na que os seus artigos amosan que está especialmente versado. Tanto cun asunto coma co outro brila unha prosa sinxela, libre de barroquismos, áxil e con ese toque irónico que puxo de moda Jabois e agora moitos imitan (imitamos).

Teremos que agardar para iso –se son impacientes, busquen na rede– e só ver faíscas dese talento para a escritura de non-ficción neste pequeno libro que ofrece unha boa cantidade diso que Ángel Vaqueiro e máis eu temos denominado en artigos cruzados nestas follas información completamente innecesaria: as regras do cricket –que a min me foron moi útiles para non me sentir coma un marciano en Londres durante as Ashes Series–, a aventura do mítico tenista Bjorn Borg con raqueta de madeira en medio dos bombardeiros dos 90, os mellores cabreos de John McEnroe –imprescindíbel visita a YouTube para ver a de Estocolmo, pola que non foi descualificado– as sucesivas catástrofes de Carlos Sáinz ou as explosións das nadadoras e atletas chinesas a principios 90, estas últimas alimentadas en teoría polo sangue de tortuga proporcionado polo mítico Ma Junren –tamén está chula a visita á megaweb de vídeos–. Todo iso é mil cousas máis desas que moitas veces se discuten polos bares cunha caña na man, que como dice unha parte do título “exercitan a curiosidade” e que de seguro contribuirán a unha tarde de bagatela deportiva en medio da tensión de hoxe, a do mércores que vén e do que nos queda, con Mundial de fútbol en Brasil e Mundial de baloncesto na porta da casa por diante.

 

Comentar