Unha ollada ao futuro

Foi todo un detalle que a pasada semana tivera folganza grazas ás vacacións establecidas nun estado aconfesional por unha festividade relixiosa. De feito, e para gañar tempo cos meus artigos, estou por propoñer aos xefes que fagan festivo o Yom Kippur, visto que preciso expiar unha boa recua de pecados.

O problema é que como paso cal Don Quixote as noites de claro en claro e os días de turbio en turbio, só me enterei de tan gloriosa data o mércores, e para daquela xa tiña sentenciado o libro da semana, co que regresaba ao terreo das ciencias, aínda que dende unha perspectiva moi lúdica, a proposta por Juan Scaliter en “Exploradores del futuro” (Editorial Debate).

Scaliter é xornalista científico e ten escrito nas dúas revistas españolas máis prestixiosas, Muy Interesante e Quo. Eu, que son neno dos oitenta, son fillo da primeira, que lía meu tío Agustín cando viña no verán e mercaba e compartía con xenerosidade un íntimo amigo becerrense na nosa adolescencia. Grazas a elas, sen dúbida, centos de rapaces conseguimos ver a divulgación científica como algo natural. Supoño que os que agora están neses anos chave para o espertar da curiosidade sufrirán algo similar coa divulgación económica, que non é menos apaixonante. O hábito de escribir nese tipo de cabeceiras dálle ao autor un estilo particular, áxil e informal. En ocasións, demasiado informal e con bromas que se achegan ao consumo interno. Non todo ía ser perfecto.

A metodoloxía utilizada ten tan poucos segredos como moitas dificultades na súa execución. Scaliter quería escribir, a partires dos seus grandes coñecementos en ciencia, sobre cómo sería o futuro. E o mellor para facelo era entrevistar ás persoas que mellor poden coñecer a evolución de neuroloxía, xenética, astronomía e física, os catro campos do coñecemento que semella marcarán o devir da raza humana de cara ao 2100. O camiño de Punset, que aínda dá para que moitos transiten por el con éxito.

Todo aquilo que se poda dicir sobre o noso futuro tecnolóxico está mediatizado pola Lei de Moore. Non se estudia na escola, que eu saiba, pero podería ser tan importante como as leis de Newton. A devandita lei afirma que cada dezaoito meses se duplica a cantidade de transistores nun circuito integrado e lévase cumprindo dende 1965. E implica que en 2017, por fin, un ordenador chegará a ter a capacidade de procesamento do cerebro humano e que en 2049 un ordenador excederá a intelixencia de todo o planeta (que semella ir minguando pouco a pouco, alomenos se me fío da miña lectura diaria deste mesmo xornal).

O problema de entrevistar a xenios das ciencia é que ao lector, profano normalmente como é o meu caso, cóstalle distinguir o que verdadeiramente pode suceder (de verdade da boa) e o que é unha fantasía do xenio. Non me resulta moi difícil pensar que o ordenador no que escribo chegue a ser máis “intelixente” ca min, pero si pensar en que pode haber ollos biónicos ou que en 2045 se pode iniciar a terraformación doutros planetas. Será que son home de pouca fe. As tres opcións comentadas son propostas por diferentes científicos entrevistados por Scaliter, que semella ser capaz de facer as preguntas axeitadas sen acadar, aínda que o pretenda, o estatus de “geek” (palabro estraño que vén a definir a certo personaxe da serie “Big Bang Theory”).

Durante todo o século XX, de Wells en diante, os escritores esforzáronse por adiviñar “the shape of things to come”. Por moito que avanzasemos, aínda non podemos chegar a este punto. Pero nesta semana, de libros e pasamento dun xenio, convén lembrar que sen lectura non imos a ningures, nin en ciencias nin en letras. Que un científico non só é un friki, do mesmo xeito que un humanista non anda polo mundo recitando. E que imos costa abaixo e sen freos se, como sociedade, non nos decatamos de que os estudosos non sempre son pedantes, de que os que saben non son soberbios e de que os que collen atallos son listos para si e malos para todos.

 

Comentar