Ergueuse o pano

Hai uns anos estiven en Hungría: é o único país do Leste de Europa que tiven a ocasión de visitar. Claro, que estes conceptos xeográficos son extremadamente relativos, dado que Austria é Centroeuropa e Hungría leste, cando entre unha capital e a outra hai o mesmo tempo de viaxe ca de Lugo a Vigo. Foi en setembro e o feito de que chovese a mares non fixo que disfrutase menos a visita (e victoria do meu tocayo Gómez Noya, todo sexa dito de paso). O outeiro de Buda é unha marabilla, pasear por Pest é algo moi tranquilo e a beira do Danubio dá gusto, aínda que o río teña de azul o que eu de guedellas. Para vergoña nosa, se paras unha anciá pola rúa e lle preguntas unha dirección en inglés, respóndeche sen problema (alomenos a min me sucedeu).

Os húngaros non semellan botar nada de menos o comunismo. Todo o material que queda desa época son souvenirs e o Memento Park, que por desgracia non tiven tempo a visitar e onde se atopan as xigantescas estatuas dedicadas aos persoeiros comunistas. O que non marcharon foron as lembranzas, por todos lados, á personalidade e á nación de Hungría, anuladas pola extensión das sombras estalinistas ata culminar no levantamento de 1956 e a execución de Imre Nagy.

Anne Applebaum, autora multipremiada nos Estados Unidos coa súa imprescindíbel obra “Gulag”, aborda en “El telón de acero” a destrucción da Europa do Leste nos anos inmediatamente posteriores á Segunda Guerra Mundial. Foi a época na que, en verdade, se ergueu o pano e deu comezo a representación da Guerra Fría en Europa. Só baixaría cando se derrubasen, case que ao tempo, o Muro de Berlín e o rexime comunista. Aínda que a obra ten unha grande calidade e é do mellor nun mercado editorial que neste ano está sorprendentemente escaso en canto a boas obras de non ficción, pódese lamentar o feito de que a autora restrinxa o seu campo de estudo a Hungría, Polonia e Alemania Oriental, obviando por exemplo Yugoslavia e Rumanía, á postre as dúas meirandes vítimas dos reximes despóticos.

Eu penso que non coñezo ningún estalinista, porque tras o ridículo sartreano os intelectuais comunistas miraron a outros lados e a todos os que coñecín nesta Galiza nosa corrían ou semellaban correr ben a gusto detrás de Berlinguer. Agora ben tiñan o seu aquel para resolver certas cuestións. Por exemplo, a dos referendos. Todo o mundo sabe que a clave dun referendo non son as respostas senón a pregunta. Así, por exemplo, para solventar a nacionalización en Saxonia e temerosos de perder, como sucedera en Polonia, plantexaron a seguinte pregunta: “¿Quere deixar as fábricas dos criminais de guerra e criminais nazis en mans do pobo?”. Xenios.

Tirarlle unha vis cómica a este asunto, como tamén á descrición da demencial planificación das políticas de prezos, resulta sinxelo. En realidade o libro de Applebaum está cheo de dramatismo por todos os lados. Un país como Hungría, no que en 1914 vivían John von Neumann, Leo Szilard ou George de Hevesy soportou unha Guerra Mundial, o Terror Vermello, o Terror Branco (moito peor), unha dictadura de 20 anos e outra Guerra Mundial… para rematar entregado nunha partida de Risk xogada entre Postdam, Teherán e Ialta a un xenocida. Os reximes totalitarios do Leste, como ben relata a autora, invadiron todos os eidos da vida diaria (relixión, medios de comunicación, política, economía, escola) e cando o pobo procurou rachar con esa dinámica, afogou as demandas con tanques que percorreron Vaci Utca.

Quedarse só nas grandes historias non faría especial este libro. A parte máis interesante está na microhistoria, nos relatos de todos aqueles que só tiñan catro opcións: loitar, fuxir, calar ou colaborar. Ningunha é unha opción que dea para saltar de ledicia a menos que un sexa unha rata miserábel. Pero millóns de persoas tiveron que sufrir esas eleccións mesturadas coa pobreza e a destrución en nome da causa máis xusta (a igualdade) pervertida por uns monstros.

 

Comentar