Mil e unha noites

Hai unha cousa que me encanta, como lector dende a miña infancia, do diario El Progreso: a capacidade que teñen (temos) para lle atopar orixes lucenses a practicamente calquera. Cando aínda era un mozo adoitaba bromear coa posibilidade de que calquera día o periódico trouxese en primeira plana que Bin Laden tiña unha avoa por aí adiante, en Bustelo ou na Muñez, aldeas abandonadas do municipio.

Pero nalgunhas ocasións, e a de hoxe é unha delas, non fai falla forzar demasiado a nota para escoller a un protagonista dunha columna e ubicalo na nosa terra. Neste caso trátase de Gonzalo Vázquez. Á marxe dun especialista en baloncesto, como poderemos analizar a continuación, é unha escritor que manexa a linguaxe e os recursos narrativos cunha habilidade que xa quixeran algunhas das plumas máis senlleiras do noso país. Para mostra a súa crónica (o xénero aquí non admite dúbidas) titulada “Y Bilbao se oscureció” –sobre a gota fría que asolou o Botxo o 26 de agosto de 1983– contida no último número de certo magazine de cultura contemporánea. Eu coñecía o texto nunha versión anterior e sabía que Gonzalo Vázquez tiña vinculacións luguesas, o que non deixa de ser un orgullo para a provincia. Xa verán vostedes por qué.

Algúns de vostedes, xentiles lectores, saben da miña dedicación ao deporte do baloncesto. Non me extenderei máis. Esa dedicación exténdese loxicamente ao interese pola NBA, a mellor liga do mundo. Claro, o seguemento desta competición remata por convertir a un nun sultán das “Mil e unha noites”, agardando ao conto de cada xornada dunhas particulares Sherezades. Todas as noites chega a tentación de volver para a cama e dimitir do noctambulismo, deixar o relato polo medio. Pero sempre regresamos porque aos seres humanos gústannos a maxia e saber como rematan os contos.

Xa que logo, poderiamos dicir que Gonzalo Vázquez é o gran visir deses sultáns que moitas noites se erguen a ver baloncesto. Despois da publicación de “Invasión o victoria”, quedou claro que non hai unha soa persoa que saiba máis da NBA en España (de aí o orgullo provinciano que antes citabamos). Agora agroman reunidos nun só volume os textos que durante moitos anos formaron e construiron a sona deste autor, nos que se pode seguir a pegada da súa “educación sentimental”. Titúlase “101 historias NBA”, malia que o subtítulo, “Relatos de gloria y tragedia” recolle con maior exactitude o contido da obra.

Unha das grandes vantaxes de mirar o baloncesto con ollos de historiador, como fai Vázquez e como lle gusta facer a un servidor, é que non hai deporte máis e mellor documentado. Pérdense na noite dos tempos as orixes do fútbol, da loita ou do balonmán. As do deporte da canastra teñen lugar, data e protagonista: Springfield, leste dos Estados Unidos, tal día como hoxe de 1891 e James Naismith. As canastras eran cestas de péxagos. Neste mesmo punto inicia o autor a súa historia, e non desmaia ata pechala coa penúltima fazaña de King James e cun texto de carácter distópico verdadeiramente xenial no que se condensa a evolución do xogo.

O deporte, tan vilipendiado e vilipendiable en moitas ocasións, non deixa de ser no fondo unha comedia humana, unha materia de especial interese por ser quen de condensar o desafío aos límites físicos e por rachar a separación entre Terencio e Hobbes: o deportista non é alleo ao outro e, sen embargo, remata por ser un lobo para el, posto que só pode haber un vencedor. A NBA, dentro do mundo dos deportes, é a comedia da comedia: fogueira de vanidades na que arden verdadeiros adonis negros, superdotados físicos e intelectuais, meniños da rúa con talento só para dúas cousas (gañar metendo unha pelota por un burato e gastar os cartos gañados en vivir a vida), estranxeiros de todas as partes do mundo (dende Chantada se Vázquez tivese querido ata Sudán do Sur pasando por Arxentina e Lituania), millonarios que xogan con persoas coma se fosen pezas de xadrez…

E Gonzalo Vázquez navega no medio deste mar de historias, moitas veces lendas, para extraer esas cento e unha que resumen a gloria e a traxedia dunha competición, ata onde se pode chegar polo deporte. Xogadores cocainómanos contratando sicarios para liquidar a un adestrador, salvaxes agresións nas que o agresor remata por converterse (tamén) en vítima, homes para os que a presión da cancha non chegaba a ser nada en comparación coa da súa casa ou o seu pasado, carreiras truncadas por accidentes dramáticos, o día na que millóns de nenos do mundo choramos porque Magic tiña o virus do SIDA… Todo isto desfila ante os nosos ollos sen que nin por un só momento se perdan as ganas de volver a páxina.

E este é o grande valor do autor: non só é un sabio senón tamén un estilista. Ten todas as armas para a comunicación e para a escritura. Enfrontado a un material de epopeia (tecnicamente estamos ante heroes do mundo moderno) é capaz de manter a adecuación nos seus textos: evita o ridículo da esaxeración e tamén a corrente banalidade do cronista deportivo, ancorado moitas veces en fórmulas que se repiten unha e outra vez.

Por desgracia para vostedes, chega o momento semanal de lamentar o mal que funciona a pel de touro. Porque o autor desta obra semella ser un proscrito: non o verán nese propulsor de fama que é a televisión. Para falar de deporte xa están os Manolos, os puntos pelotas e demais bultos sospeitosos que participan en faladoiros a berros, ademais de aqueles que se absteñen de vociferar e prefiren falar da moza (famosa) deste e das zapatillas (moi chulas) daquel. Por sorte: sempre nos quedarán os libros.

 

Comentar