Nas dúas ribeiras

Andaba eu un pouco perdido con esto da selección de obra de lectura. Andamos nunha semana chave a nivel editorial: comezan a saír novidades de cara o Nadal, pero o máis interesante, ao meu xeito de ver, aínda non está nos anaqueis. Vagabundeaba pola miña libraría lucense preferida cando volvín a reparar naquel tomo groso de cor azul celeste que xa me chamara a atención nun par de ocasións e que estaba alí arriba de todo, coma un chisco fóra da vista. O apelido da autora era Supervielle e non puiden evitar comentarlle a Rosa, profesión libreira de postín, que cando había poesía por medio ese apelido era unha garantía, mesmo sen abrir o libro.

Non me equivoquei e disfrutei duns días de lectura excepcionais, que agardo que vostedes podan compartir animados por estas liñas. Tras unhas semanas de ensaios, era hora de chegar a un oasis poético, aínda máis se temos en conta que a cuestión da ficción, agás polas reedicións, non parece ir a mellorar moito, tampouco entre este final de 2013 e o principio de 2014. Volvendo ao noso, este descanso en verso vén dado pola lectura atenta de “Al margen”, a poesía reunida en edición bilingüe (español e francés) de Silvia Barón Supervielle, prima irmá do poeta Jules Supervielle, publicada por Adriana Hidalgo editora, selo cordobés, pero da Córdoba arxentina que de cando en vez deixa en España alfaias xeniais coma esta ou aquela tradución de “Inventing Ireland” que xa vai para anos nas miñas estanterías.

Durante os meus estudos, Jules Supervielle era unha presenza constante, e o mesmo se pode dicir desta poetisa. Un deses casos límite que os estudantes de Literatura Comparada odiamos porque poñen en solfa os criterios para determinar o que é un autor nacional. Silvia Barón naceu e foi criada na Arxentina, polo tanto nun país e nun entorno hispanofalante. Pero a súa familia educouna en francés (a lingua na que escribía Supervielle), o mesmo que a familia de Borges educou ao pequeno Jorge Luis en inglés. Aos 25 anos marchou a París e comezou a vivir na “súa” lingua, pero sempre cun pé no español polas súas traducións. Nas súas declaracións nunca se declara unha escritora francesa, pero os seus poemas están nesa lingua. E nesta edición son traducidos, en moitas ocasións pola mesma autora, e atopamos que a súa sonoridade e os seus ritmos teñen, como ela mesma, un pé en cada lingua, en cada ribeira do océano Atlántico.

Os vellos seguidores desta columna xa saben da miña debilidade por unha poetisa arxentina, Alejandra Pizarnik, de traxectoria que podemos asimilar á de Barón, tanto na viaxe ata esa meca sesenteira que era a capital francesa como na forma poética, xa que as dúas beben de Antonio Porchia, do haiku e dunha condensación que entronca cun esencialismo total nos contidos. Por sorte, Silvia Barón puido evitar o incómodo feito de drogarse compulsivamente (as imaxes derivadas do LSD en Pizarnik son espectaculares) e o aínda menos recomendábel de desexar a morte como fuxida deste desesperante mundo. Así, a súa actividade poética chega ata o mesmo 2013, no que recibiu premios internacionais como o “Jean Arp” de Estrasburgo.

A poesía de Silvia Barón Supervielle entra dentro do que podemos chamar, seguindo a Juan Ramón, poesía pura. Desprovista de adornos e barroquismos, directa á imaxe, cun contido de grande profundidade ontolóxica e unha concisión total, que non se modifica co paso das décadas, en consonancia coa citada influencia do haiku. Como se nos informa nas notas aclaratorias sobre as primeiras edicións, moitos dos libros eran pezas de coleccionista nos que a poesía estaba acompañada, por exemplo, de gravados, que reforzaban ese contido. A autora nunca se move do camiño, nunha traxectoria de continuo pulido das imaxes. A enunciación poética, sempre ligada a un eu que semella fortemente problemático, consegue tocar a fibra sensíbel: como lector desprexuizado, nada me gusta máis que que unha voz dun poema poña letras ao meu pensamento ou sentimento. A fondura de Barón consegueo en numerosas ocasións, e de seguro pode facelo con todo aquel que poda entregarlle unhas horas de lectura.

Os idiomas e as traducións normalmente non demandan máis ca un breve comentario. Neste caso habería que extenderse un chisco máis, dado que o bilingüismo da edición vén acompañado do relativamente raro fenómeno da autotradución (só nalgunhas das obras contidas), realizada cunha habilidade fantástica. O feito de que esteamos ante unha edición bilingüe ten tamén unha consecuencia a nivel editorial que, neste caso, si perxudica a lectura e mesmo a primeira impresión do libro. Este tipo de obras edítanse adoito nun formato de tamaño suficientemente grande como para que se podan ver as versións enfrontadas dos poemas. Non sucede aquí: temos na man, coma Jabes, un libro de pequeno formato, e en ocasións faise incómoda a tarefa de comparar orixinal e tradución. Tamén chama a atención o grande número de páxinas que quedan practicamente en branco, cheas só con dous ou tres versos en francés.

Xa dicía anteriormente que me gusta que un poema exprese o que sinto. Tamén me gusta saber que poderei recorrer a ese poema sempre, agochado entre millóns de gotas de tinta nos meus anaqueis. Silvia Barón nunca caerá, polo tanto, no “olvido cercado de silencio”. E, como medio de coñecemento, dun saber esotérico quizais, moitas veces non sobre o mundo senón sobre un mesmo, nunca a poesía debería caer no esquecemento nin ser relegada a cenáculos extravagantes ou medievais.

 

Comentar