Mare vostrum

Nas próximas semanas, esta columna vai falar moito de xeografía e nacionalidades, e polo tanto de nacionalismos. Non é culpa só do que isto escribe, senón dos selos editoriais, que están a sacar unha boa cantidade de libros sobre mapas (curioso, como veremos de hoxe en sete días) e sobre a nación española. Aínda non abrín o libro sobre España mais recoñezo que teño xa un prexuízo difícil de arrincar: o de que a importancia nominal de Castela (enténdase este contexto de xeitos amplo, os que estudaron antes da LOGSE xa me entenden) non é máis ca un exercicio de compensación libresca fronte a histórica realidade que España sempre mirou cara os mares en lugar de cara o centro. Tartessos, Cádiz, Sagunto e Cartago-Nova deixaron paso a Barcelona, Valencia e Mallorca e estas á súa vez a Sevilla e Cádiz de novo.

Esta idea non naceu no baleiro senón en moitas tardes de estudo, e pode ser discutida por fenómenos como a Mesta. Dito isto, a lectura de obras de carácter enciclopédico, internacional e transversal dá soporte sobrado ao que a sosteña. Un volume deste tipo é “El gran mar”, de David Abulafia, unha historia humana do mar Mediterráneo dende a mesma chegada dos humanos ata hoxe mesmo. O autor é catedrático de Historia en Cambridge e, a xulgar pola detallada descrición ofrecida en certos puntos da obra, descendente dunha familia de xudeus sefarditas (ou sexa, españois) que coas súas accións e viaxes contribuíron a dar forma a ese pequeno universo multiforme que vai de Barcelona a Beirut e de Venecia a Alexandría.

Como un é galego e moi galego, aquelo do “mare nostrum” non lle acabou de acaer  cando o estudiaba. Píllame moi lonxe, non o vin de preto ata ser un adulto e as paisaxes mediterráneas non se atopan entre as miñas preferidas. Dito en poucas palabras, para min Barcelona é unha cidade sen mar.

Pero que considere o mare como “vostrum” no canto de “nostrum” non implica que falte interese intelectual na forma en que esta canle de augas tranquilas (en comparación co bravo Cantábrico, por exemplo) sostivo a economía e a cultura dun continente dun xeito que, por razóns xeográficas, nin o Báltico pode igualar. Persas, gregos, cartaxineses, romanos, árabes xenoveses e moitos máis pobos mantiveron contacto saltando de costa en costa e illa en illa para construír unha cultura moi particular.

Dende o punto de vista libresco, falar do Mediterráneo é enfrontarse de modo inevitábel á pantasma de Fernand Braudel. Aínda que a súa obra só fale da “época de Felipe II”, o uso dun método que atendía á “longa duración” permítelle abarcar boa parte da historia do mar. Abulafia acada un enorme éxito no combate ao poder encontrar o equilibrio entre unha materia amplísima, unha boa selección das efemérides e as correspondentes explicacións de tipo económico, xeográfico ou comercial. Aos amantes da historia como anecdotario esto último non lles soe agradar, pero segundo pasan os anos un vai aprendendo a apreciar esa información no que vale.

Outro aspecto a destacar é a grande habilidade do autor para seguir só os ríos que van a desembocar de modo inmediato na súa temática. Grazas a isto pode limitar o obxecto de estudo. Non teño dúbidas de que a partires dunha historia do Mediterráneo podería falarse de asuntos internos coma a xa citada Mesta, as feiras medievais das cidades francesas ou as reformas relixiosas tridentinas. Abulafia contense e limítase coma o mesmo mar, e así consegue unha extensión axeitada e un grande ritmo narrativo.

Á hora de xulgar o seu traballo, vemos un manexo extraordinario da bibliografía máis acaída para cada período: traballos arqueolóxicos antigos que demostran as primitivas conexións comerciais entre Fenicia e outras zonas; fontes documentais directas para as épocas máis grafomaniacas; os minúsculos fragmentos de papel con fins comerciais das genizas, que non podían ser destruídos porque en todos había unha combinación de letras que debuxaban o nome de deus. A orde cronolóxica era practicamente inevitábel, pero sorprende o feito de que os periodos non se acomoden ás máis convencionais divisións senón a unhas máis adaptadas. Se teño que poñer un pero sería o de que eu tería interrumpido o traballo, por razóns simbólicas, o día 9 de setembro de 1922. Ese día a cultura grega, despois de 2.500 anos, desapareceu de Asia Menor coa toma de Esmirna. Os acontecementos da Segunda Guerra Mundial ou as Guerras Árabe-Israelís xa tiñan actores externos. Chipre nos setenta non deixou der ser un epílogo ás masacres de 1919 e 1922. Agora mesmo o Mediterráneo é unha poza, no medio das inmensidades do mundo globalizado.

Falando de mapas, hai por ahí unha páxina web con 40 que “non che ensinaban na escola”. Un deles amosa o centro de gravidade da economía dende o ano un. Hai que entender a súa confección, pero pódense quedar co dato de que en 1500 ese centro estaba na latitude de Valladolid, Lisboa, Estambul e Nápoles (grosso modo). Agora mesmo vai cara o Sur despois de tocar teito ao Norte entre 1990 e 2000. No Mediterráneo naceron o monoteísmo, o comercio inter-nacional ou a contabilidade. Foi o centro do mundo pero escolleu uns deuses equivocados, coma di certo nomeado académico con grande razón. Agora os seus países son PIGS (ben, sen o i queda mellor) e as súas illas non son famosas por implacabeis asedios (Malta), batallas sen cuartel (arredores de Lepanto) ou médicos famosos (Quíos) senón por seren trampolín dos que buscan unha vida mellor… lonxe das augas do Mare Nostrum, lonxe das augas de Lampedusa.

 

Comentar