Da propiedade

Hai unhas cantas semanas trouxen a esta sección certa obra sobre correntes políticas do século XX. Malia que pola Rede non tivo moito impacto (penso que vou camiño de ter a bitácora menos comentada da historia), algúns amigos e compañeiros de fatigas si me fixeron chegar as súas observacións. Todas no mesmo senso: fun moi riguroso coa falla de unidade das esquerdas e teño unha visión extremadamente indulxente do “Estado de Benestar”, que para os meus amigos non é outra cousa que a lambetada que os ingleses inventaron para deter o avance do verdadeiro benestar, que proporcionaría o marxismo-leninismo.

Non é este lugar para fondas discusións sobre a fundamentación política e ideolóxica de políticas no eido da saúde, a educación e outras necesidades básicas do individuo, e menos se temos en conta que Bismark foi o primeiro en implementar políticas neste senso. É probabel que teñan razón eles. O caso é que isto me deu para procurar algúns libros acerca da historia do que podemos agrupar no grande bloque da “esquerda”. Á espera de que algún valente se decida a retraducir a Kolakowski e ante a imposibilidade de acceder de moso inmediato á monumental “Historia do pensamento socialista” de Cole, atopei “Los enemigos del comercio”, de Antonio Escohotado, na Editorial Espasa.

Escohotado é todo un personaxe dentro do ensaísmo español. Licenciado en Dereito e Filosofía, acadou o doutoramento cunha tese sobre Hegel, o que calquera lector do mestre de Jena, Heidelberg e Berlín pode apreciar como unha fazaña de primeiro orde. Nembargantes, a súa fama chega coa “Historia general de las drogas”, enciclopédica obra que tivo o seu xerme co cárcere (o autor foi detido por posesión de cocaína). Tras converterse nun mestre nese campo do coñecemento, abandonouno por completo e volcouse na economía. A obra que presentamos hoxe é a segunda parte dunha triloxía. Aproveitamos para solicitar dende esta humilde columna que os barandas de Espasa esperten e reediten a primeira parte, publicada en 2008, máis que nada para aproveitar o efecto arrastre.

“Los enemigos del comercio” é, esencialmente, unha historia da eclosión do comunismo como movemento político. Se no tomo primeiro desta “Historia moral de la propiedad” Escohotado falaba do comunismo como idea xenérica, neste segundo vemos como a partires da Revolución Francesa xorden distintas liñas de pensamento e actuación encamiñadas á destrución do Antigo Réxime e as desigualdades que este xeneraba. Só nun punto, e ben interesante por certo, se afasta o autor desta liña de traballo: ao estudar o desenvolvemento das prácticas comunitarias entre as distintas sectas que emigraron aos Estados Unidos dende o XVII.

Dous trazos son moi salientábeis no traballo de Antonio Escohotado. O primeiro, a súa ecuanimidade. No tratamento dun tema polémico, estudando autores que se esnaquizaron entre si (non hai maior carraxe ca desatada entre unhas faccións socialistas e as rivais) e que posteriormente foron á súa vez mallados tras a caída ideolóxica do marxismo, o autor permanece distantemente aséptico, malia que asemade poda valorar os acontecementos e as actitudes dos protagonistas da historia. O segundo trazo destacado é a súa erudición, verdadeiramente oceánica e expresada tanto no texto principal como nun completísimo e moi entretido complemento en forma de notas. O máis frecuente é que nunha lectura rápida se salten eses complementos: se o fixesen neste caso, perderían as mellores partes da obra.

Ecuanimidade e erudición non deixan de ser, no fondo, un complemento da rigurosidade e claridade da obra. O desenvolvemento da esquerda, dende a súa posición espacial na Convención no París revolucionario ata que o Aurora remontou o río Neva e apuntou cos seus canóns ao Pazo de Inverno, con pasos previos pola revolución industrial e os traballos de Karl Marx, está marcado polas divisións. Unhas divisións que en ocasións son sinxelas de ver (o socialismo cristián non pasa de ser unha incoherencia propia do proto-laborismo británico e o posibilismo dun Bernstein ou un Jaurés tampouco ten moito aquel) e noutras moi complexas, sobre todo cando se mesturan elementos doctrinais, económicos e de resentimento persoal. De feito, o relato das relacións entre Bakunin e os marxistas na Primeira Internacional semella peza quevedesca. Escohotado consegue con verbo sinxelo explicar nocións moi complexas con éxito.

O problema dunha obra tan interesante é que abre moitas cuestións e deixa respondidas poucas. Historiar un concepto non significa definilo nin adaptalo á realidade cotiá. Así pois, non podemos atopar un paradigma de xuízo sobre a propiedade na obra. Non parece que os medios para conseguir una redistribución da riqueza tiveran moito éxito, nin tampouco que Marx tivese moita razón no que Engels puido descifrar de Das Kapital. Agora mesmo o persoal está moi apegado ás posesións (eu de primeiro) e as utopías de autorrenuncia non parecen moi viabeis. Pero bueno, ao mellor estou equivocado e todo cambia. Hai uns días, nunha foto deste mesmo xornal, unha señora con vestido vermello e puño en alto cantaba (supoño, que o pé non incluía detalles) a “Internacional”. Ao mellor a estas alturas da película, tal e como está asunto, a algún lle dá por reivindicar que cada un aporte segundo as súas posibilidades e a cadaquén se lle dea segundo as súas necesidades. En Escohotado vemos que fundamentación teórica non falla. E cousas peores se viron e se ven de día en día.

 

 

Comentar