Nós, os papúes

Dende que o libro se converteu nun artefacto cultural que hai que vender, a ser posíbel, por millóns, o continente gañou importancia sobre o contido. Os editores e innovadores están centrados en crear valor a través dun “produto” coa mellor “estética”. Xa atopei algún volume de presentación ben xeitosa (formato diferente, textura da cuberta, tipo de papel, persoalización do autor) que contiña unha poesía desastrosa, chea de ripios, sen estilo nin tema. Sen ir tan lonxe, ata as maiores editoriais tenden á cuberta estridente, que chame a atención do comprador non informado. Cousas de publicistas baranda.

A Editorial Debate vén de dar un xiro a todo isto, aínda que sexa involuntariamente. Cando recibín “El mundo de ayer”, a última obra de Jared Diamond, unhas bonitas letras douradas en relevo adornaban unha foto dun indíxena de Papúa. Despois de dous días limitándome a ler, observei un pequeno desgaste, que atribuín a neglixencia ou efecto da calor. Pasados catro días non había caso: as letras da portada estaban a borrarse sen remedio. Debate inventou a portada simbólica: Diamond fala de sociedades tradicionais que esmorecen, malia que moitos dos seus hábitos podan ser compartidos polos occidentais, e do mesmo xeito desaparecen as douradas letras do “mundo de ayer” na portada.

Continente simbólico e contido de grande interese é o que se nos ofrece nesta obra. Jared Diamond acadou hai anos moita sona con “Armas, gérmenes y acero”, obra coa que gañou o Pulitzer, que se segue atopar sen problemas en calquera libraría española decente e coa que renovou con forza as hipóteses ecolóxicas no campo do estudo da cultura. Porque unha das grandes preguntas a resolver sobre a evolución humana é por qué os europeos descubriron a penicilina e non o fixeron os bosquimanos.

Claro que, a grandes preguntas respostas absurdas, e habida conta de que a miña dona e máis eu cremos que “Os Simpsons” teñen todas as respostas, con isto non ía haber caso. No polémico capítulo no que Marge vai á Universidade (polémico porque racha con toda a continuidade da serie), vemos a un profesor novo e faranduleiro preguntarse sobre a posibilidade de que calquera tribo africana descubrise a enerxía atómica -namentres homenaxea a Derrida. Unha alfaia.

A obra está centrada nos traballos de campo de Diamond en Papúa Nova Guinea, o lugar máis diverso da terra, no que se concentran milleiros de tribos e prácticamente un sétimo das linguas da humanidade. Non é este sitio para discutir fondamente se a explicación ecolóxica é o Santo Graal da evolución cultural, pero si para constatar que, sexa ou non, Jared Diamond buscou o mellor lugar para sostela e facela verosímil.

“El mundo de ayer” é un exercicio de antropoloxía aplicada e centrada nas cuestións principais que rodean a todos os seres humanos: os conflitos (Diamond debería ter prescindido dunha exhaustiva descrición das guerras tribais que pouco aporta e é moi difícil de de seguir), a vellez e os seus problemas, a paternidade e os seus, a existencia dun deus ou dunhas crenzas no sobrenatural, o tratamento cos descoñecidos, os diferentes tipos de enfermidade. En realidade, a posta en práctica dunha certa cosmovisión. E é que resulta difícil para unha persoa que viva en Lugo imaxinar (ou regresar no caso dos maiores) unha época na que o principal inimigo fose o entorno, os depredadores, a escuridade, a fraga. Lugo non está no trópico nin no Cinturón de Fogo, así que xa non imos falar dos fenómenos meteorolóxicos extremos, nomeadamente os tifóns, nin de terremotos e volcáns.

O autor consegue dar coa tecla correcta no enfoque e na linguaxe. En ningún momento parece “un pel roxa en Nova York” nin tampouco un tipo impresionábel con calquera novidade. O relato das súas experiencias persoais ten un triple efecto: aumentar a súa fiabilidade como investigador de campo de cara ao lector, novelizar unha obra de bo tamaño permitindo descansar un chisco a mente e exemplificar un concepto que, para min, é o máis operativo dos que se expoñen, o de “paranoia construtiva”. En poucas palabras, Diamond refírese á habilidade dos indíxenas para detectar sinais sospeitosos en case que calquera situación e actuar con suspicacia e prudencia, pero sen deixarse levar polo pánico nin perder o control da situación.

Os exercicios de apertura de mente son fundamentais, a saída das fronteiras da nosa mente. Diamond consegue demostrar que todos somos en parte papúes porque compartimos o ser humanos. Pero tamén que a conservación das diferencias, a diversidade cultural, é básica xa que aínda hoxe fornece ás “novas tribos” de ferramentas que xa tiñan os nosos ancestros para enfrontarse a un mundo, o da enfermidade e a loita contra a natureza, que xa non é o noso pero no que a humanidade pasou a súa longa infancia.

 

Comentar