Profesión denostada

Teño a un amigo* con moi pouca sorte no que á profesión se refire. Non se lle ocorreu hai anos mellor idea que estudar Ciencias Políticas. Como aquilo era pola época da presidencia de Aznar, estou seguro de que non escolleu a carreira polo prestixio que tiña a política (con minúsculas) naqueles tempos. Iso foi vocacional de seguro, aínda que nunca llo preguntei explicitamente. Gústalle a Política (con maiúsculas), estudouna e seguro que a practicaría. Pero claro, a Política está nas mans dos políticos e os pobres politólogos, sen comelo nin bebelo, ven como os seus estudos quedan denostados, porque a masa non está a tal punto para moitas sutilezas ideolóxicas.

Ser politólogo é algo que sempre desexei, unha profesión frustrada. De feito, a práctica das Ciencias Políticas abarca todo o espectro do humanismo: a retórica e o coidado na expresión, a historia das civilizacións, a filosofía nas súas máis diversas ramas, a socioloxía, o dereito e disciplinas máis técnicas polas que sinto unha especial inclinación, como a estatística. Un cóctel espectacular para toda persoa que sinta unha curiosidade transversal. Unha mágoa que a UNED (aquí chega o mandobre da semana) sexa unha estafa respecto aos servizos que ofrece. Se me da por estudar a curso por ano, sae o asunto a mil euros anuais: sen asistir a clase e sen materiais. Marca España, que lle din agora.

Visto que regresar á Universidade por esa vía non semella algo moi razoábel para a miña conta corrente, optei pola vía do autodidactismo. Como vase xa tiña, buscaba un manual de compendio para sistematizar ideas. E apareceu no meu camiño a “Historia del pensamiento político del siglo XX” (Editorial Akal), que coa anunciada limitación cronolóxica, ofrece un tratamento fondo de gran cantidade de temas. Aínda que a historia política anterior ao XX ten grande interese, cuestións de actualidade coma o estado do benestar son un chisco difíciles de enfiar con John Locke, alomenos para os profanos. De feito, a obra non é outra cousa que a que pecha a “Historia do pensamento político” da Universidade de Cambridge, coordinada por Terrence Ball e Richard Bellamy.

Nestas obras de referencia o índice adoito pon o foco sobre cuestións relevantes e sobre a súa estruturación. Unha ollada ao deste e as partes que o compoñen resulta francamente esclarecedora. Ábrese o libro cunha dedicada ao Estado de Benestar, e transmítese a sensación de que é algo transversal, á marxe da discusión entre dereita e esquerda. Os capítulos dedicados á dereita teñen viveza: dende o fascismo ao ultraliberalismo, non é difícil identificar tendencias e ideas básicas e asocialas con grupos ou grupúsculos do espectro político, español neste caso. Os capítulos dedicados á esquerda semellan relatar unha historia que aconteceu nun universo paralelo. Asociada a socialdemocracia co Estado de Benestar, os diferentes autores lánzanse a disquisicións sobre o Marxismo, de Saint-Simon a Althusser pasando polo renegado Kautsky, e todo aquilo ten un cheiro a naftalina, que debe de ser o que lles queda ás ideas cando só as defenden (é un falar) tipos coma Kim Jong Un ou Raúl Castro.

En canto a ideas non estrictamente políticas pero que si tiveron a súa incidencia na area pública, non deixa de resultarme curioso o amplo espazo que se dedica á psicoloxía e en particular á psicoanálise freudiana. Visto dende a perspectiva hispánica, Freud ten un certo interese cultural se cadra, namentres que as súas teorías sobre o inconsciente están conservadas en formol. Pero no mundo anglosaxón aínda hai visións políticas asociadas a esas ideas: de feito Peter Watson considera “o inconsciente” como a última grande idea da humanidade.

Unha parte ampla e de moito interese é aquela que tenta sistematizar os “novos” movementos de tipo sociopolítico, situados moitas veces á marxe do espectro político comentado. E digo “tenta” porque dado o atomismo existente dentro do ecoloxismo ou o feminismo, ou os graves problemas para atopar mesmo unha definición unívoca do que o pacifismo, resulta practicamente imposíbel ten éxito na empresa. Penso non obstante que a análise de menor calado, en proporción á estruturación do movemento, é a adicada ao ecoloxismo. Non coñezo ningún movemento pacifista ou feminista de carácter gubernamental. Pola contra, só a figura de Joschka Fischer daría para explicar de xeito programático as bases dos partidos verdes europeos.

Nunha última división aparece o toque universalista, coa análise dos fenómenos políticos á marxe (nunca completamente, claro) do Estado-Nación europeo e o pensamento político occidental. Moi brillante e de lectura imprescindíbel é a peza de Bhikhu Parekh na que se analizan as correntes principais: asunción do modernismo, sincretismo, tradicionalismo crítico e fundamentalismo relixioso. E como todos poden supoñer, o escrito dedicado aos países islámicos deixa un gusto amargo: non ten moito sentido falar do pensamento do século XX feito polos musulmáns máis cultos (que os hai, e a man chea) cando o mulá do lado dirixe ás masas e pensa que a a historia comezou e acabou o mesmo día: cando Mahoma chegou á Meca.

A conclusión nesta ocasión non pode estar relacionada coa cantidade e a calidade dos temas tratados. En ambos casos é dificilmente mellorábel. Pero un libro coma este sempre esperta curiosidade relacionada cos temas que quedaron no tinteiro. E dentro do pensamento político non están soamente as ideoloxías, o que atopamos na obra, senón tamén aspectos diferentes e, de novo, humanistas: retórica e análise do discurso, realización de sondaxes e estatísticas (sen dúbida, unha revolución para as ideas), desenvolvemento práctico dos sistemas de partidos e os propios partidos políticos, propaganda tal e como a entendía Bernays (comentada xa, pero non en profundidade)… Todas estas cuestións teñen unha obvia vertente práctica, pero o seu desenrolo diacrónico tivo grande importancia na Política do século XX.

Claro que, á fin e ao cabo, todo é falar por falar. Ou ler por ler. Levo case que unha páxina esquecendo que a meirande parte dos políticos non saben nada de política. Nin tampouco de temas prácticos e así nos vai. Como diría o Ubú de Alfred Jarry: Merdre.

 

*No blog e non no xornal prefiro citar e dedicar: todo este artigo está dedicado a @javmou

 

Comentar