O xefe igbo

Hai uns meses produciuse o pasamento de Chinua Achebe. Non foi unha grande noticia, non se comentou nos foros habituais da cultura e penso que nin nesta columna foi mencionado como se merecía. A preguiza setembreira lévame a non consultar a hemeroteca para saber qué demo estaba eu criticando para cometer tan imperdoábel esquecemento, que subsanarei no día de hoxe cunha boa razón: a publicación da tradución á lingua galega da obra senlleira do mestre igbo, “Things fall apart” (“Todo se esfarela”), na editorial Rinoceronte. Esta editorial non aparecera por aquí aínda pola mesma razón que non se citara a morte de Achebe: imperdoábel desatención. Só o feito de que conte cun catálogo de novela contemporánea traducida verdadeiramente excepcional, con atención a linguas periféricas dentro do sistema comercial da literatura coma o serbo-croata, tería merecido unha mención de honra. Saldada agora esta débeda, continuemos, non sen engadir que a tradutora, Saleta Fernández, fai un traballo de verdadeiro xenio.

Achebe non é o escritor máis coñecido da literatura africana en España. No seu momento, a Academia Sueca decidiu premiar a Wole Soyinka, nixeriano coma el, nunha decisión que co paso dos anos semella un erro case que histórico. Coma case sempre, subxacían no premio criterios políticos (nunca recoñecidos). E Achebe non era o que se pode considerar un autor politicamente correcto. Favorecido por unha educación na metrópole, o mesmo que V.S. Naipaul, volveuse contra ela para demoler o edificio construído sobre “O corazón das tebras” de Joseph Conrad coma símbolo do Imperio Benevolente oposto á “Carga do home branco” de Kipling. Nos anos 60, apoiara a secesión de Biafra, zona de maioría igbo de Nigeria, o que deu lugar a unha longa guerra e a unha catástrofe humanitaria terríbel, que aínda permanece no imaxinario colectivo. Este apoio marxinouno durante un tempo e levouno a emigrar a Estados Unidos. De regreso e xa integrado de novo en Nixeria, sufriu un grave accidente de tráfico e quedou parapléxico. O grande intelectual foi tamén un exemplo de loita contra as eivas físicas.

“Todo se esfarela” é unha novela breve, de lectura sinxela e moi entretida, ideal para os cuadrimestres académicos e para que os que descoñezan a literatura africana se mergullen nela. Nada que ver coas novelas torrenciais de Ngugi nin cos escritores da África branca: Lessing, Coetzee, Gordimer. Obrigados a debuxar un paralelo, teríamos a un Amos Tutuola. Aqueles, poucos, que vaian na procura do experimentalismo narrativo mellor que agarden á tradución do “Ulises” ao galego que se anuncia para o outono. Aquí só han atopar un uso mestro do resume e unha gran capacidade para a elipse, o que permite que o tempo narrativo sexa extenso cun discurso non tan dilatado. Dentro do tempo narrativo o relato ten unha continua ancoraxe na temporalidade mítica de Umuofia.

Segundo os pre-xuízos que cada un estableza sobre a colonización, a descolonización e os contactos, xenéricos, entre civilizacións, a lectura da obra vai ser moi diferente. Poucos exemplos máis escollidos de que, unha vez que a obra deixa a mesa do seu escritor (ou o seu ordenador, que vén a ser o mesmo), queda sempre transformada a gusto do lector, independentemente de que o autor empírico, neste caso Achebe, teña un destino acaído e debuxado para ela.

Se seguimos as crenzas do autor, “Todo se esfarela” amosa a verdadeira faciana dos colonos europeos. Un pobo que ten os seus deuses, normas e, sobre todo, líderes coma o protagonista Okonkwo, é reducido á nada no eido cultural pola entrada dos teóricos civilizadores brancos, que levan consigo un evanxeo de paz que resulta ser traizoado á primeira para obter o poder. É unha visión que ben coñecen boa parte dos españois, xa que foi a que se impuxo sobre o descubrimento de América con motivo do quinto centenario. Se nos achegamos a autores como Samuel Huntington, podemos ver un choque de civilizacións, con sistemas de valores en colisión e uns salvaxes animistas que cometen crimes rituais e que malinterpretan a civilizadora influencia dos cristiáns. Como eu son fan de Richard Dawkins estou autorizado a facer unha desoladora lectura: a relixión dos igbos e a do home branco son igual de salvaxes, apezoñan todo, e a única diferencia son as institucións nas que se sosteñen para exercer un monopolio sobre a violencia.

A actualidade, por desgraza, ofrécenos moitas oportunidades para valorar o verdadeiro problema que subxace á novela de Achebe. Boa parte da cultura europea, dos xuízos que emitimos e lemos nos xornais todos os días, pranta os seus alicerces encol dun terreo pantanoso: o do etnocentrismo. Vémolo nestes intres co conflito que ten lugar en Exipto, e as dificultades para posicionarse entre un exército corrupto e un grupo político socialmente aceptábel e ideoloxicamente repulsivo segundo os estándares éticos europeos. Achebe amosa como os europeos tratan de implantar as súas institucións no medio dunha cultura á que esas formas de goberno ou pensamento son alleas por completo.

Os europeos precisamos a Maquiavelo, Hobbes, Locke, Rousseau, Kant e Keynes para chegar a onde estamos. Conquistamos, se se pode dicir así, a liberdade e a igualdade con sangue de guerras e revolucións. Aínda hoxe pelexamos para que non se nos arrebate o acadado. E pretendemos facer descender a democracia parlamentar liberal a países que non existían hai un século do mesmo xeito que a illa volante de Laputa descendía sobre Balnibarbi só que a velocidade supersónica. E ante todo este sistema érguese, practicamente só, un home. Okonkwo, home con feblezas, dúbidas e incoherencias; tradicional pola vinculación aos anciáns e os deuses. Atrabiliario segundo os nosos patróns éticos. E íntegro, á hora de combater e á hora de renderse.

“Todo se esfarela” aparece a nivel crítico, sistematicamente, como unha das mellores novelas en inglés do século XX. E así pola capacidade de Achebe para narrar, crear un mundo ficcional e estético e transmitir ao mesmo tempo unha fonda mensaxe ideolóxica. A cultura galega vese enriquecida cada vez que un obra deste tipo chega á nosa lingua, grazas a proxectos coma os de Rinoceronte.

 

2 Comentarios en “O xefe igbo”

  1. Lector Comentó:

    De Achebe, en galego tamén pode lerse a novela ‘Un home do pobo’, publicada pola editorial Hugin e Munin uns meses antes ca ‘Todo se esfarela’.

    http://www.huginemunin.com/?wpsc-product=un-home-do-pobo

    Un saúdo.

  2. admin Comentó:

    Mil grazas

Comentar