Anatema

Dado que hai un par de semanas dediquei a miña columna a falar ben intelectualmente dun terrorista en fuga e non recibín nin sequera unha ameaza ou comentario, teño que deducir que existen dúas posibilidades: ninguén me le (probábel) ou non me metín nunha poza o fonda abondo. Así que hoxe imos probar por outro lado, como despedida deste curso académico. Volverei con novos folgos en setembro. Salute.

Imos coa focha. Eu son pro-xudeu, un admirador do Pobo Elixido. Isto non significa que soporte todo o que fai o estado de Israel, pero si que o teño en maior estima que o 99% das persoas que coñezo. A miña admiración é mestura de cuestións culturais (os escritos de Der Níster, Pasternak, Maimónides e, sobre todo, Kafka), trauma infantil (demasiadas horas pegado a un cómic infantil da Biblia en sete volumes, o que me fixo ver ao Yavista coma un vello coñecido andando os anos) e espírito de contradición: defender o estado de Israel entre os quince e os dezaoito anos é un xeito excepcional de facer armas no campo da dialéctica, sobre todo política. E, asumámolo, de aprender a defender en ocasións o imposíbel. Xa saben: muros, ultraortodoxia relixiosa, racismo, militarismo… Aínda que as xeralizacións non son boas, o que sempre me deixou unha vía para fuxir.

Non estamos aquí para falar (demasiado) de política, así que quedarei co primeiro punto. A historia do xudaísmo ten algúns intres verdadeiramente fenomenais, vistos dende a óptica do ateo. E que dous deles se xuntasen no lapso de dunha soa década resulta unha verdadeira serendipia. Onte cumpliuse o 357 aniversario do “herem” co que Baruch de Spinoza, referente de ateos e materialistas, foi separado da sinagoga da bonita cidade de Amsterdam.

Dez anos despois disto, Sabbatai Zevi levou a cabo o meirande movemento mesiánico do xudaísmo entre Xesús de Nazaret e o hoxe mesmo. O seu mesianismo estaba baseado na transgresión da Lei. Detido polo Emperador Otomano, déuselle a elixir entre a conversión ao islam e ver o seu pescozo rebañado. Elixiu o primeiro, o que confirmou que non era tan tolo como semellaba e que tampouco era o ansiado Mesías. Como hai xente para todo, que dicía o torero, quedou unha secta que sostiña que o verdadeiro mesías, denantes de liberar a Israel, tiña que abxurar da relixión de Moisés.

Por fortuna para o lector en español, un dos mellores libros sobre esta época (atreveríame a dicir que o mellor, pero o meu descoñecemento do hebreo levaríame a ser temerario) débese á pluma dun autor patrio. Trátase de “La sinanoga vacía”, escrito nos oitenta por Gabriel Albiac, gañador no seu momento do Premio Nacional de Ensaio, desaparecido como corresponde dos anaqueis para deixar sitio a Lucía Etxebarría e demais gando e reeditado con agarimo neste mes de xuño pola Editorial Tecnos, incluíndo un bo aparato crítico e de anotación e uns apéndices certamente sobranceiros.

Gabriel Albiac é un home que me ten un chisco desconcertado. Lendo unha entrevista en Jot Down, descóbrese a un sólido intelectual, escéptico, filosoficamente formado e coñecedor fondo de etapas chave para entender a cultura contemporánea española. Nas súas columnas de certo diario de Madrid aparece demasiado alporizado e certamente politizado. Sendo como é defensor do intelecto sobre a ignorancia, máis lle valería rexeitar do mesmo xeito á meirande parte de políticos no canto de fustigar aos da esquerda.

A súa calidade na faceta de ensaísta, filósofo e historiador queda demostrada con afouteza neste “La sinanoga vacía”. A obra constrúese arredor dos dous polos anteriormente citados (Spinoza e Sabbatai) aos que se suma unha somera historia do “marranismo”, a dramática historia de cómo España e Portugal se desfixeron dos xudeus, coma estes sobreviviron mudando de relixión de xeito falso en moitas ocasións e de que cómo atoparon a liberdade relixiosa nos Países Baixos. No momento no que os republicanos como Johan de Witt apoiaban a liberdade relixiosa e os oranxistas aniquilaban aos republicanos (véxase certo cadro de Jan de Baen) e mantiñan esas ideas de liberdade, a comunidade hebrea dedicábase… a dividirse e crear represión dentro de si mesma.

Malia que Gabriel Albiac está “etiquetado” como filósofo no noso campo cultural, as súas mellores páxinas na miña opinión veñen no campo histórico e na tarefa complementaria da exhumación de documentos. Así pois, “La sinanoga vacía” acada o cumio coa historia do heterodoxo Uriel da Costa, cuxa valentía e simpleza argumentativa non poden menos que lembrarme a Menocchio, o muiñeiro friulano protagonista de “O queixo e os vermes” de Carlo Ginzburg. Desgraciadamente, tamén lembra un a este home porque rematou mal. Uriel da Costa, desprezado polos irmáns da comunidade e sucesivamente maldito con tres anatemas, rematou por pegarse un tiro. Albiac recupera e ilustra a figura sen caer na haxiografía, é dicir, desmontando o mito que convertía a este marrau no precursor de Spinoza. As habilidades narrativas do autor dan enorme pulo á atribulada vida do filósofo e a súa erudición sae por todas partes, incluída unha moi recomendábel anécdota con Menéndez y Pelayo polo medio. De feito, brila tanto aquí Albiac que outro heterodoxo, tan interesante, como Juan de Prado queda eclipsado e que a parte final da obra ten unha liña claramente descendente. Spinoza, referente filosófico universal e particularmente para os materialistas, os descreídos e os pulidores de lentes, non é precisamente o filósofo máis entretido de ler nin a súa filosofía a máis sinxela de explicar ludicamente. Albiac sae airoso pero deixa polo camiño certa lexibilidade no seu libro.

Ía darlles a murga agora louvando a Spinoza e describindo o malvada que é a relixión, cousa que fago con frecuencia, superstición que aproveita o fado maldito do ser humán. Pero non me sae. Para despedirme prefiro reinterpretar a filosofía de Feuerbach, quen pensaba que a relixión e Deus eran mera expresión das calidades humanas elevadas á máxima potencia na que os homes se refuxiaban para atopar consolo da súa miserábel vida. Neste país, nestas horas, moita xente precisa consolarse, eu tamén. A dor é infinda. Se unha soa persoa atopa refuxio onde sexa, ben por ela.

 

 

Comentar