Usos do plural

Malia que a meirande parte das miñas compras de libros teñen lugar na cidade de Lugo e en particular na libraría Trama, que fai máis por esta columna que ningunha outra persoa ou entidade, nunca rexeito unha boa excursión libresca por España adiante, ás veces facéndoas compatibeis co meu traballo. Eliminamos unha sobremesa e metemos unha visita a libraría. Marabilloso. De todas estas saídas culturais, a máis sobranceira foi a miña primeira visita a “La Central” en Barcelona, preto de Gracia. Estiven preto de sufrir o “síndrome de Stendhal” e aínda que xa pasou tempo, non remato de crer que haxa unha tenda así en todo o Estado. O mellor de todo é que a franquicia non debe de ir mal de todo, porque abriron unha sucursal en Madrid, na Praza de Callao, á que podo acudir con máis frecuencia e atopar esa “rara avis” que son os libros en idiomas estranxeiros. Se teñen a tentación de visitar a web desta cadea, pídolles que non o fagan: unha web non ten andares e anaqueis. Imponse a presencialidade.

Non é sinxelo ir a unha libraría coma esta e atopar un só libro que mercar. Pódense levar dous centos. Na miña última excursión, nembargantes, solucionei o tema en primeira instancia coa mesma recomendación dos libreiros. Tratábase dunha obra de Ricardo García Cárcel, “La herencia del pasado”, publicada por Galaxia Gutenberg, gañadora do premio Nacional de Ensaio no 2012 e que nunha primeira ollada, incomprensibelmente, pasara desapercibida para o meu ollo crítico. Un grave erro que me dispoño a subsanar coa correspondente columna laudatoria. Hanme excusar por non traer, por primeira vez dende hai tempo, unha estricta novidade. Paga a pena e responde ao espírito hedonista destes escritos.

O tema da memoria histórica, dende fóra, xenera en min coma cidadán crítico sensacións encontradas. Por unha banda está a instrumentalización maniquea de calquera acontecemento histórico: a guerra civil non ía ser unha excepción. Por outra banda, está a miña indignación como republicano e humanitarista polo feito de que aínda haxa persoas en foxas e cunetas. Un só morto ao que os seus non teñan podido recoñecer ou velar xustifica toda protesta e movemento cidadán en favor da “memoria histórica”, agora con aspas. Cando algún tipo de político entra en xogo, xa nos podemos dar por perdidos. A reivindicación lexítima pasa a ser instrumentalizada e banalizada dende o punto de vista intelectual.

García Cárcel recupera a Historia para os historiadores con esta obra, complexa pero ao mesmo tempo moi amena. En realidade a maior mostra de habilidade do autor é tecer o fío narrativo a partires dos mesmos historiadores, como participantes nos acontecementos e narradores á súa vez do pasado. A partires deste fluído relato aparece a tese principal da obra: a de que falar de “memoria histórica” é supoñer, con todo o acientificismo, que só hai unha memoria posíbel para un determinado acontecemento. Isto é tanto como dicir que a Historia non é algo multiperspectivista senón plenamente obxectivo. Non coñezo aos membros da comisión de Cultura do Congreso dos Diputados, pero algo me di que non sabían demasiado de Tucidides, que xa na súa “Historia da Guerra do Peloponeso” (I, 22) establecía a práctica imposibilidade de tal pretensión de verdad absoluta.

O da narración entretida non é o único acerto de García Cárcel. No contido están as maiores alfaias da obra. Cando unha expresión queda automatizada é difícil saltar por riba deses automatismos. O autor consegue facelo á base dunha análise integral da historia española nos seus acontecementos máis importantes e ao mesmo tempo máis polémicos, os que deron lugar a interpretacións diverxentes e memorias contradictorias. Poucas veces o uso dun plural, o engadido do “s” á palabra “memoria”, resulta tan significativo e importante.

O profesor da Autónoma de Barcelona non se arredra ante nada. Comeza queixándose dos “secuestros de Clío”, a musa da Historia, que ocupa a portada cunha ferida na tempa. Nunha primeira parte revisa os nacionalismos periféricos con todas as súas particularidades e lendas asociadas, dereitos históricos incluídos. No corpo central ha atopar o lector as explicacións relativas a España como problema, con enfrontamento entre as concepcións máis plurais e as máis monolíticas, asociadas a un Gran Relato con base en Castela, a gloria Imperial e a relixión católica. A aparición dunha “terceira España”, que García Cárcel toma de Niceto Alcalá Zamora, resulta moi suxerente e pagaría a pena o seu desenvolvemento nunha obra independente (por dar ideas de libros xeniais non natos, que non quede). O apartado dedicado ao esbozo de “memoria histórica” que se está a crear sobre a Transición é simplemente perfecto, cunha visión sincrética moi necesaria á hora de comezar a andar camiño.

Non obstante, existen momentos na obra no que o lector pode chegar a sublevarse ante tanta comprensión cara a memoria dos vencedores, a memoria que non ten que ser defendida (aínda que si estudiada, por suposto) porque foi imposta. Evidentemente os republicanos cometeron erros e crimes, pero non teño moi claro que sexa xusto cargarlles responsabilidades pola súa tentativa de desmontar a superestrutura clerical previa. García Cárcel considera que o anticlericalismo é un signo dunha determinada reivindicación memorística e que se hipertrofiaron as protestas sobre un tema menor. En realidade, a historia do pensamento filosófico e científico español está amputada porque a ortodoxia relixiosa cercenou case que toda posibilidade de que España se incorporase en tempo e forma a nimiedades como a Ilustración, a liberdade de prensa, os dereitos do home ou o movemento obreiro.

John Stuart Mill naceu cincuenta anos antes que Menéndez Pelayo. Eu, que admiro ao sabio cántabro polos seus traballos de estética, animo aos lectores pacientes a buscar citas e resumos do pensamento dun e doutro. Avance: Menéndez Pelayo consideraba que Voltaire era un “pobriño” e que Rousseau era un imitador de Séneca. A España ultracatólica ten memoria, pero non vexo por qué se debe reivindicar, nin sequera sendo un ecléctico, serio e magnífico historiador como García Cárcel, nun libro imprescindíbel para coñecer a historia española.

 

Comentar