Días de gloria

Imos facer algo de turismo virtual. Colóquense mentalmente a carón da sede do diario “El Progreso”, na rúa Puro Cora, como non podía ser doutro modo. Camiñen cara os xulgados, bordeando o parque de Rosalía. Tranquilos, non pasa nada porque haxa moita xente na porta dese edificio: sucede todos os días. Continúen cara o Politécnico, cara abaixo por Armando Durán. Miren a placa da rúa que colle cara a dereita: Xacobo III de Inglaterra. Moi ben, nada en especial, unha rúa como outra calquera, máis pequena se cabe.

Eu, moi afeccionado á historia, un día que fun a escoitar a políticos ao instituto quedei pampo. Non houbo tal rei no Reino Unido, todo o mundo que sabe o mínimo de historia inglesa sabe que só houbo dous “King James”: o que patrocinou a mellor tradución da Biblia que nunca houbo nunha lingua moderna e o que foi desaloxado tras a que se coñece como “Revolución Gloriosa”, en 1688, a que deu paso a un Reino Unido protestante, desenvolvido industrialmente falando e avanzado no terreo da filosofía política tras a superación das ideas hobbesianas e a instauración da man de Guillermo de Orange das ideas de John Locke. Semella que no seu exilio, o pretendente xacobita pasou por Lugo e quedou aloxado no Pazo Episcopal. E aquí, que somos moito de causas perdidas, puxémoslle o nome a unha rúa. E se chega a haber unha Gran Vía, cascámoslle un quiosco, que non se diga. Louis Pasteur ou Ignasz Semmelweis (si, poñendo este nome estounos obrigando a visitar, como pouco, a Wikipedia) nunca pararon por Lugo. Coidado no Arde Lucus, non nos caia un pretendente ao trono de México como herdeiro de Maximiliano I e teñamos que poñer a rúa Hagsburgo.

Todo isto veume ás mentes ao atopar na libraría a grosa obra “1688” de Steve Pincus, publicada pola Editorial Acantilado, un selo que é outra desas reservas de occidente para os lectores ou críticos máis sibaritas. Recoñezamos nesta páxina o valor que ten que ter un editor calquera para levar ao prelo, coa que está caendo, unha obra, por boa que sexa, sobre un país estranxeiro e un acontecemento relativamente descoñecido en España. Tendo en conta que Pincus é profesor de Historia na Universidade de Yale, pódese dar por boa de saída a obra.

Hai un chiste histórico que corre por aí que di que os austríacos son a nación máis intelixente, tanto que conseguiron que todo o mundo crea que Hitler era alemán e Beethoven austríaco. Os ingleses, nalgunhas cousas, non quedan moi atrás á hora de xerar boa imaxe de si mesmos. Por exemplo, resulta sorprendente que apelen a unha monarquía como garante das tradicións e o inglesismo dende o rei Alfred cando só a Casa Tudor gobernou sendo británica (non, a raíña Isabel non é de familia inglesa, senón alemana).

No tema das revolucións, como ben explica Steve Pincus na parte máis xeral (e hei de dicir que amena) do seu libro, sucede algo semellante: os franceses teñen sona de ter posto patas arriba o seu propio país e xerar un terror a partires dos excelsos ideais de liberdade, igualdade e fraternidade. E despois do Terror puxeron a Napoleón, que invadiu Europa e a pouco máis libera España das súas cadeas (iluso).  En cambio, os ingleses erguéronse da cama un día e, tranquilamente e sen balbordo, decidiron expulsar ao seu rei católico para poñer no trono ao seu xenro, chegado a escape dende os Países Baixos. O reconto en vítimas mortais, segundo o autor, é moi similar, guerras napoleónicas excluídas. Aínda que el non o diga, podemos aventurar sen temor a equivocarnos que un factor determinante é a exclusión da represión en Irlanda da ecuación da mortalidade nos estudos máis favorábeis á liña de pensamento tradicional.

Os acontecementos de índole revolucionaria, os que provocan xiros copernicanos nas vidas dos pobos, tenden a ser mitificados e correspondentemente cargados cun extra de ficción. Polo tanto, veñen ben obras como a de Pincus que vaian contra os relatos establecidos e analicen pormenores. A mera estrutura da obra dá a chave para entender o enfoque: comezo de tipo xeneralista, ampla exposición dos maiores detalles da sociedade inglesa durante o reinado de Xacobo II, revolución e transformación e consolidación do reinado de Guillermo, cun relato digno de Dumas da “Assassination Plot” de 1696. Todo isto composto en función dunha idea vertebradora e moi suxerente: a de que os periodos revolucionarios, contra o que se pensa con frecuencia, non enfrontan a un bando que representa a permanencia do “statu quo” contra outro que defende a súa modificación senón a dous bandos que buscan modificar ese “statu quo” por vías diferentes.

A relixión, que anda sempre polo medio de todos os conflitos, é adoito esgrimida como razón desta Revolución. Xacobo II quixo facer regresar o catolicismo ao Reino Unido, Guillermo opúxose coa axuda dese foco de calvinismo que era Holanda e a partires de aí, a guerra. En realidade, Xacobo estableceu alianzas político-relixiosas-económicas con Francia que desagradaban a boa parte dos seus compatriotas, namentres Guillermo traballaba nun eixo atlántico cos Países Baixos fundamentalmente baseado nunha comunidade económica. En calquera caso, ambas posturas falan contra o tan manido complexo de insularidade e illacionismo exterior dos ingleses. Iso si, no longo prazo, a relixión rematou por sobrevivir coma o ovo da serpente: todos os 12 de xullo a orde de Orange celebra con desfiles a victoria de Boyne, pola que se instaurou o dominio unionista en Irlanda. Como moita xente sabe, fano rodeados de fortes medidas de seguridade.

Habitualmente veñen a esta sección obras históricas que teñen un certo grado de diversión para o lector. Este non é o caso, e non é debido a falla de destreza por parte do escritor senón a un enfrontamento que mesmo foi atípico á hora de deparar grandes batallas. Non as houbo, e así a táctica ou a tecnoloxía militares non teñen acollida na obra e non poden ofrecer o dinamismo habitual, sobre todo en casos catastróficos coma Crimea ou a Fronte Occidental da Grande Guerra. A edición inglesa xa manexaba unha boa carga gráfica e unha escasa presenza de mapas, sempre útiles. Na edición española, cun formato moi coidado como é característico da editorial, mesmo se podería ter aumentado iso.

 

Comentar