Home-Estado

A miña aprendizaxe de linguas viuse lastrada dende sempre polo meu interese en utilizalas para a lectura no canto de facelo para a comunicación. O resultado é, polo tanto, estraño: son quen de ler en sete linguas con certa fluidez (en certa época foron nove, pero o latín e o provenzal pasaron a mellor vida) e falo só tres delas, ademais de ser quen de pasar por catalán nalgunha libraría dos Paisós. A pesares desta prolixidade, a meirande parte das miñas lecturas son en español e inglés.

Ata hai ben pouco, conseguir bos libros en inglés en España, e máis particularmente en Galiza, era pouco menos que imposíbel. Catro librarías mal contadas, pobres catálogos en Internet con motores de búsqueda moi anticuados que non daban a dimensión do que realmente estaba na libraría… O comercio electrónico, tan pernicioso para as librarías ao uso, que dependen da clientela menos extravagante, é o ceo aberto para os lectores pluriligües. Iso si, a visita dos sábados segue a ser imprescindíbel para min.

Pero todo ten o seu reverso nas tebras. Unha vez afeito á lectura noutros idiomas, sempre a velocidade máis lenta ca nos nativos, pasa un a ter que controlar o mercado de traducións. E non hai nada máis frustrante que seguir as pegadas dun libro durante anos, mercalo en inglés dalgún modo, comezar a lelo… E ver que aparece a tradución, nun volume mellor e máis accesíbel. Isto venme de suceder, con pequenos matices que pasarei a explicar axiña, con “John Maynard Keynes”, de Robert Skidelsky, a enorme biografía do economista máis influínte do século vinte, recentemente editada pola editorial RBA. Un apuntamento sobre a editorial: descoñezo quen se encarga ultimamente da colección RBA Historia, pero ten un gusto exquisito na selección das obras a publicar, sobre todo no que a biografías se refire.

Cando a xefa da sección me chamou para recoller o libro, recomendoume levar unha carretilla. A verdade é que as máis de mil páxinas (notas e índices excluídos) asustan, pero a min fíxome gracia. Ela descoñecía que esta tradución o que verte ao español é a edición abreviada nun volume da vida de Keynes. Robert Skidelsky traballou na liña do biografismo anglosaxón: cunha minuciosidade absoluta. O resultado foi unha publicación que se extendeu durante vinte anos, comezando no centenario do insigne persoeiro, e que contaba con tres grosos volumes que aproximadamente duplicaban o tamaño total deste. A través deles, nunha edición antiga, tiven acceso primario á obra. Despois, sucedeu a tradución.

Chegados a este punto, se non lles apetece ler gabanzas a un libro, non continúen. Para ser breves, este ano non se vai publicar en España un libro de máis calidade ca este, alomenos no xénero histórico e biográfico. Para comezar, e utilizando un argumento aristotélico, o tema é o axeitado para debuxar unha obra lendaria. John Maynard Keynes, o home que revolucionou as ciencias económicas, o creador do sistema económico vixente ata o “reaganomics” e que deu orixe ao estado de benestar, o visionario que denunciou o desastre das indemnizacións tras a Grande Guerra, o amigo de Virginia Woolf e Lytton Strachey, o home ao que reivindican por todo o orbe agora mesmo co obxecto de saír da crise –especial mención merece a atención que se lle presta en Latinoamérica da man do guaperas e enigmático Axel Kicillof, ministro de Economía da Arxentina de Cristina Fernández.

A tal persoeiro corresponde tal biógrafo. Robert Skidelsky vén de acadar o éxito cun libro sobre o afán acumulativo no consumidor que produce a cultura capitalista. Un éxito obtido cun libro que a min me pareceu certamente árido. A súa pluma está aquí verdadeiramente áxil. Os capítulos e as páxinas van pasando con fluidez, non hai digresións pesadas e o equilibrio entre a peripecia vital keynesiana e o contexto que a rodea é simplemente perfecto. Os non doctos en economía só atoparán dificultades na análise máis detallada dalgunha das súas obras, en especial daquelas dedicadas ás teorías monetarias (dende que entramos no euro, desapareceron dos nosos xornais e telexornais as devaluacións e apreciacións). ¿Supón isto que nos atopamos ante unha haxiografía na que foi suprimido todo aquilo que pode ser negativo para Keynes? Nin moito menos. A mesma filiación política de Skidelsky (que realizou a “natural” transición da socialdemocracia ao Partido Conservador, malia que para ser xustos é o que se coñece coma un “cross-bencher”) é un excelente profiláctico: un conservador pode louvar a un liberal que á postre é bandeira da esquerda, pero non convertelo nun santo varón.

No que se refire á vida persoal de Keynes, tampouco se anda o autor con moitos rodeos. O economista de Cambridge foi un home complexo no que as súas relacións se refire. A súa homosexualidade era coñecida, nun momento no que era delictiva no Reino Unido. Non obstante, hai probas máis que suficientes na obra de que o seu matrimonio coa bailarina rusa Lydia Lopokova non foi unha tapadeira. Os fondos cambios nas relacións que tivo con Duncan  Grant e Vanessa Bell son analizados coas correspondentes referencias a diarios e epistolarios. E pola vida do sabio circulan, ademais, Alfred Marshall, os Webb ou Ludwig Wittgenstein. O que se pode chamar unha vida apaixonante, tratada con interese pero sen sensacionalismo.

E como nas mellores biografías, non só están os feitos senón tamén o exemplo. E o que transmite John Maynard Keynes é o dun home de estado, plenamente comprometido co benestar colectivo e coa honestidade intelectual, baseada sempre nun vastísimo coñecemento en moitos campos. En tempos nos que falta ese tipo de compromiso, con políticas que privilexan a individualidade, nos que moitos se preguntan por qué deben dar ao próximo unha parte das súas ganancias coma se fosen un Hayek calquera, nestes tempos, Keynes é referencia. E ataques coma o de Niall Ferguson, xa citado nesta columna, que vinculaba hai semanas as súas políticas á homosexualidade e á falla de descendencia directa, o único que fan é dar fe da vixencia da filosofía keynesiana, das opcións que ofrece dentro das economías mixtas e da súa solvencia filosófica cando as súas mellores ideas foron dadas ao prelo hai case que oitenta anos.

 

Comentar