A través da pantalla

 

Xa saben vostedes que nesta columna fálase cada semana de todo o divino e o humano, cun espíritu alephiano que busca alimentar a curiosidade do lector. Pero repasando os meus arquivos, non encontrei demasiadas referencias ao cine, imprescindíbel engadido cultural no derradeiro século. Creo que se pode dar a isto unha lectura freudiana, en forma de complexo. Algo no meu cerebro impídeme verter opinións tras comprobar diariamente e durante anos os coñecementos do profesor Darío Villanueva e do meu amigo Brian Rodríguez, especialista en Eric Rohmer e impenitente cinéfilo.

A mellor formación regrada que se podía obter sobre cine, dende unha perspectiva máis teórica ca histórica, na cidade de Lugo, era a materia de “Cine e Literatura” que impartía, con notorio éxito de público e crítica, o profesor Luis Miguel Fernández na titulación de Humanidades. Como adoito sucede neste país, chegou un cambio de plano e a materia pasou ao limbo dos xustos, a pesares de que o ano que foi cursada por min a matrícula superaba os cen alumnos. Todo moi wertiano. Para contextualizar as informacións impartidas na aula utilicei a “Historia do cine” de Román Gubern. Quedei pampo: non me explicaba como puidera estar informado medianamente sen ler esa obra.

Co paso dos anos a miña emoción inicial quedou atemperada. A obra de Gubern comezaba a quedar pequena para a miña curiosidade, superada sobre todo por produccións anglosaxonas. Non obstante, o acerto do autor catalán á hora de trazar un panorama sen caer no ripio repetitivo nin na excesiva prolixidade argumental ou no frikismo non foi superado aínda no ámbito hispánico. Co paso dos anos, namentres traballaba sobre Gómez de la Serna, tiven ocasión de volver sobre Gubern na súa faceta de especialista do impacto cultural do cinematógrafo nas xeracións do 14 e o 27. Agora chega ás librarías unha compilación dos seus textos curtos, unha morea deles inéditos, baixo o título “Cultura audiovisual”. Publica a Editorial Cátedra, na súa imprescindíbel colección “Signo e Imagen”, que acolle dende hai décadas as mellores obras sobre o cine.

O título e a portada non son do máis axeitado. O título resulta inexacto porque o audiovisual, agora mesmo, vai moito máis lonxe do cinematográfico: televisión, videoxogos ou publicidade forman parte deste universo e non aparecen tratados na obra de Gubern, ao que algúns destes “mundos”, por idade, lle resulta bastante alleo. A portada, graficamente espectacular e moi atraínte, sitúa as expectativas do lector nun plano que non se corresponde coa aridez ou a especificidade de moitos dos artigos incluídos na obra.

En canto a contidos, Roman Gubern é un dos mellores e máis populares expertos españois na historia do cinema primitivo. As dúas primeiras partes da obra, centradas sobre todo no arte internacional, teñen unha boa serie de artigos sobre este período histórico, moi interesantes aínda que é posíbel que os menos atractivos para un lector afeito a outra tecnoloxía e outro xeito de narrar. O máis salientábel destas dúas primeiras partes está, ao meu xuízo, no díptico sobre cine pornográfico e erótico, moi ilustrativo sen caer na esaxeración e centrado na presencia destes elementos no cine máis canónico e afastado da específica industria do porno; e, por outra banda, nas valoracións acerca de cómo os elementos físicos, sobre todo femininos, interviron no establecemento dun “star-system” e na creación dese imaxinario colectivo no que os cabaleiros as prefiren louras. A orientación esquerdista de Gubern levouno a explorar tamén as relacións entre fascismo, comunismo e cinema: como pegada nesta obra quedan artigos sobre o liderado, Leni Riefenstahl, o cine propagandista soviético ou a caza de bruxas.

A parte máis ampla da obra está dedicada ao desenvolvemento do cine en España, excluíndo na práctica o cinema a partires da morte de Franco, aínda que por un paradoxo a peza de maior interese é un artigo de actualidade publicado en 2008 sobre os problemas da industria no noso país, con plena vixencia neste momento e previsíbel interese dentro doutros vinte anos, tendo en conta a capacidade do español medio agora mesmo para non arranxar nada. Como especialista no 27, temos amplos textos sobre as relacións dos literatos co arte cinematográfico naqueles momentos, con traballos como o dedicado á surrealista “Un perro andaluz” que poden axudar ao que degusta este tipo de cine, moi diferente do que agora mesmo nos ofrece o Modelo de Representación Institucional, a atopar a fonte das múltiples referencias persoais e oníricas. O cine de guerra e inmediata posguerra ten a súa cota de atención, mesmo con atención a certas extravagancias como a existencia dun ciclo antisemita no primeiro franquismo. Se son vostedes fanáticos de “Cine de barrio”, invítoos a botar unha ollada a análise dese especial “star-system” formado polos nenos actores: Pablito Calvo (práceme ver que non son o único que considera “Marcelino pan y vino” unha película cruel e de terror sobrenatural), Joselito, Marisol ou Rocío Dúrcal. En todos estes temas, a falla de cosmopolitismo no obxecto de estudo podemos apreciar unha fineza de análise pouco frecuente nas xeracións máis novas, esas que se dedican a deconstruír a CT (cultura da transición) e demais andrómenas.

O exercicio de versatilidade de Gubern conclúe cunha serie de artigos, moito máis teóricos, sobre o audiovisual e algúns acontecementos concretos. Neles obsérvase unha menor capacidade para o uso do exemplo como ilustrativo de ideas en ocasións moi abstrusas, o que é natural porque a natureza do audiovisual, agora mesmo, é mutábel e a linguaxe coa que se estuda está aínda en proceso de consolidación. Dicir que a posmodernidade é “interactividade participativa” é unha grande verdade, pero non contribúe precisamente á claridade. De feito, a perspectiva técnica furta quizais ao lector a posibilidade de ver a un Gubern combativo que si se ve noutras partes e que, intúo, podería afondar no papel do audiovisual como parte esencial dunha devaluada cultura do espectáculo. En calquera caso, Gubern é referencia para entender os fenómenos culturais actuais e esta obra compila as mellores flores do seu pensamento.

 

Comentar