Inversións en Burkina Faso

Habitualmente, ter estudos ata un punto moi avanzado, nunha boa universidade e acompañalos da correspondente curiosidade e outras actitudes e virtudes relacionadas durante séculos coa sapiencia converten a un no que se considera, convencionalmente, un intelectual. Pero claro, os camiños do saber son sendeiros tortuosos e inescrutábeis, e pasar polos puntos A, B e C non implica necesariamente acabar no punto D. Podes ser un gran estudoso, un lector insaciábel e un tipo curioso e acabar sendo un langrán, un presumido personaxe máis cércano á boutade que a análise seria das cuestións.

Andaba eu perdido por afastadas terras, aínda que con cobertura de Internet malia todo, cando un bo amigo, Pablo Novo, me fixo chegar un enlace. Era dunha páxina web de economía, non algo de referencia pero evidentemente serio. Para predisporme, unhas poucas verbas: Niall Ferguson, protagonista desa nova e deste artigo de hoxe, acadara a unanimidade, algo moi difícil no mundo da intelectualidade: todas as persoas con dous dedos de frente pensan unanimemente que é un perfecto imbécil.

Hai dúas semanas, nunha conferencia que impartía este profesor de Harvard, que vén de publicar en España “La gran degeneración” (Editorial Debate), en California, declarou que a filosofía económica de John Maynard Keynes era o resultado da súa falla de preocupación polas xeracións futuras. E que esa falla de preocupación pola descendencia viña provocada pola súa homosexualidade, que o levou a non ter fillos. E dito isto, supoñemos, descansou. Evidentemente, uns días despois tivo que pedir escusas ante o balbordo xerado. Escusas de mal pagador, que di miña avoa. Eu, alomenos, como lector de Keynes, que será protagonista desta columna en vindeiras semanas, non llas acepto.

Con isto da crise, á marxe dun cento de solucións ou tentativas de solucións, xorden os inevitábeis libros que poderíamos etiquetar baixo o rótulo “O Apocalipse vai chegar” (léase chegaaaar con acento de Fernando Arrabal peneque). Non é unha cousa nova: en realidade, Oswald Spengler xa prognosticou con total éxito editorial e nulo éxito factual a “decadencia de occidente” hai un século. A pasada semana, cun toque menos arrogante e moita maior sabedoría, puidemos escoitar en Lugo a Ignacio Ramonet, convencido de que a pesares da posíbel inestabilidade chinesa, os BRICS hannos comer polos pés.

A pose de Casandra, a filla cega de Príamo que vaticinou a caída de Troia, é garantía nos Estados Unidos dun éxito relativo namentres un se manteña dentro dos límites do sistema. Niall Ferguson combínaa coa pose de “enfant terrible” para formar un cóctel que permite moitas semanas nas listas dos máis vendidos, moitos comentarios nas páxinas webs e, á fin e ao cabo, desprezo por parte dos verdadeiros intelectuais de dereitas e de esquerdas. Iso si, o resultado económico de escribir este artefacto será sen dúbida positivo.

Niall Ferguson pasa por ser o historiador británico de referencia agora mesmo. Nesta obra parte do presuposto de que as institucións decaen e as economías morren. Ou o que é o mesmo, ataca a base do pensamento que sostén que a humanidade é un “perpetuum mobile” cara adiante. Para semellante tarefa, sen dúbida hercúlea, agardaríase un libro dunhas dimensións considerábeis e argumentacións pouco menos ca irrefutábeis. En realidade, son 128 páxinas, descontando bibliografía, índice e introducción.

Os argumentos económicos son, como pouco, particulares. Críticas a Paul Krugman á parte, semella que Ferguson non ten valor para defender con radicalismo a total desregulación dos mercados e opta por unha vía alternativa: a crítica a unha regulación demasiado complexa e imperfecta. Hai que regular sinxelamente sobre productos estremadamente complexos. Como noutras cuestións, apreciase unha gran habilidade para saber qué facer sen ter nin idea de cómo facelo. A proba desta afirmación, que aos meus lectores lles pode parecer arriscada, podémola atopar nun gráfico na páxina 130 na que se amosan os asombrosos progresos de Nixeria, Gambia e Isla Mauricio á hora de reducir o tempo empregado nos trámites básicos de creación dunha empresa. Na mesma páxina, gabanzas a Burkina Faso, Ghana, Malawi e Ruanda por mellorar o seus sistema legal para atraer inversións estranxeiras. Burkina Faso é o país 183 de 186 no índice de desenvolvemento humano, Malawi o 170, Ruanda o 167 e Ghana o 135. Uns gobernos magníficos, que atraen inversións estranxeiras cando os seus cidadáns morren de fame.

Os argumentos referidos ao tema das institucións non son tan estúpidos, pero pecan coma sempre de etnocentrismo. E neste caso en concreto, aínda máis, de anglocentrismo. O sistema legal británico, non baseado no sistema romano legado por Xustiniano, senón na “common law”, protexe mellor aos inversores e dá máis confianza á hora de facer contratos. Non queda moi claro se os fundadores dos Estados Unidos eran británicos ou marcianos.

E cal é a solución para todos os problemas? A iniciativa cidadá, dirixida por eses magníficos e democráticos clubs de Rotarios (e similares). Por se teñen curiosidade, o mail do club Rotario de Lugo tiña unha extensión da empresa Nupel. A moralista historia que pecha a obra, sobre unha praia de Gales limpa por obra e gracia dos cidadáns sen atender ao goberno, podería ser asinada pola mesma Ayn Rand, patroa do libertarismo estadounidense. Para que regular se os cidadáns podemos resolver os problemas por nós mesmos? O thatcherismo fixo moito dano. No canto de contribuír á creación colectiva dun estado mellor para todos, dirixido por políticos responsábeis que fornezan os servicios básicos, os ricos propietarios dos chalets galeses limpan as súas praias. Ao mellor tamén cooperan para construír a súa propia escola. Aos pobres que vivan en Cardiff, que lles dean. Eles non van poder falar con Club Rotario, non teñen cartos para o chalet nin tempo para a praia. Alomenos poden comer todos os días, cousa que os habitantes do antigo Alto Volta non. Pero tranquilos, coas inversións desreguladas, chalets para os galeses e comida para os burkineses.

 

Comentar