A MODO DE PRESENTACIÓN: ESE ENTE CHAMADO O CRÍTICO LITERARIO

Para comezar os escritos deste blog que prolongará a crítica semanal de novidades literarias no diario que me acolle, debo presentarme. Aparecín un mes de marzo polas páxinas do “Progreso” cunha crítica sobre o “Felix Krull” de Thomas Mann sen ter ocasión de presentarme aos lectores. O meu nome xa o coñecen. A miña ocupación principal é a de investigador da USC (oficio denostado onde os haxa), a secundaria son estas críticas e dende agora este blog e a terciaria o seguemento de Breogán, ao que poño voz en Telelugo cada dúas semanas con Paco Basanta. Algunha vez caerá algunha reflexión sobre deporte neste espacio, pero serán as menos: poucas veces o deporte entra o suficiente no campo da cultura de libro.

Feitas as presentacións voume a deter por vez primeira respondendo unha pregunta que os que me coñecen como crítico e non persoalmente teranse feito algunha vez: ¿como chega un a crítico literario? A miña experiencia docente dime que os novos filólogos teñen gran interese polo asunto, tal e como está a profesión da ensinanza. Os demais lectores verán satisfeita pola súa banda unha curiosidade que tal vez non sexa tal. Nese caso, agarden á seguinte entrada.

Creo que hai cinco atributos fundamentais que debe ter un crítico. Tres son “naturais” e dous “adquiridos”.

- Un crítico ten que ser un bo ou magnífico lector. A pesares de que aprender a ler é unha tarefa educacional, a capacidade de comprensión dun texto e a velocidade de lectura son calidades innatas. Un servidor, por exemplo, non baixa das trescentas páxinas diarias cunha decente comprensión.

- Un crítico ten que ser ter unha boa capacidade expresiva. Iso está moi preto de ser algo innato. Todos coñecemos unha manchea de nenos. Uns son capaces de expresarse de maneira perfecta, outros trufan as súas explicacións con polisindeton e confusións varias que fan imposible seguir o relato. Explicarse ben é algo que se ten ou non se ten, e se se adquire ten que ser na máis tenra infancia.

- Un crítico ten que ter curiosidade. ¿Que leva a un galego de Becerreá (fagamos patria) a interesarse pola poesía metafísica de John Donne, os relatos sobre Toussaint Louverture de CLR James ou a poesía final de Wallace Stevens? A curiosidade é a única resposta que se me ocurre. Ou iso ou unha enaxenación mental non transitoria.

- Un crítico ten que ter formación. Xornalismo, Filoloxías, Humanidades, Historia, Dereito… case que todos os críticos teñen unha formación de letras combinada co seu gusto lector. As Filoloxías son, obviamente, especialmente recomendables (a pesares dos estragos de Boloña) polo que aportan en campos tan descoñecidos para o lector medio como a Teoría da Literatura, a Literatura Comparada ou a Crítica Literaria.

- Por último, un crítico ten que ter uns principios, derivados de toda a experiencia anterior. Iso permitirá que estea a salvo da perniciosa influencia dos grupos editoriais (véxase o caso do crítico Ignacio Echeverría nun diario da competencia) e das arbitrariedades que levan a dar “cinco estrelas” á derradeira novela de Javier Marías, ao último libro de “Larpeiros” e a unha reedición de “Crime e castigo” de Dostoyevski. Eu penso que existe un centro e unha periferia no sistema literario, pero levo a contra ás últimas correntes ao afirmar que o centro non se compón en virtude de factores externos senón intrínsecos ás mesmas obras: formais, estéticos e ideolóxicos.

Remata a primeira entrada. Prometo ser menos prolixo e máis lexíbel nas próximas.

Un comentario en “A MODO DE PRESENTACIÓN: ESE ENTE CHAMADO O CRÍTICO LITERARIO”

  1. titolivio Comentó:

    Ni prolijo ni difícil de leer. Correcto y contenido. Todavía no brillante, pero tampoco desmedido en pedanterías. Esperando la siguiente entrada con curiosidad de crítica aficionada.

Comentar