A semente de Draco

Moitos anos de trato cercano cos clásicos grecolatinos, literarios e filosóficos, fixeron que desenvolvese un certo gusto polas historias de autócratas. O meu favorito é Falaris, que atopou moi orixinal limpar de disidentes a Magna Grecia meténdoos nun touro de bronce ao que se lle prendía lume por baixo. O trebello estaba construído de xeito que os berros dos pobres condenados quedaban transformados en bruídos bovinos. Malia todo, para o caso que nos ocupa esta semana convén traer á memoria a Draco, lexislador ateniense que deu nome ás medidas draconianas a base de impor a pena de morte para delictos menores e a escravitude para todos aqueles que se endebedasen con alguén dunha clase social superior (de feito, todos aqueles que prestaban cartos).

O exemplo de Draco cundiu, non se pode negar. Non sempre con perxuízo para os seres humanos. Por exemplo, na peste de Londres de 1665, tan magnificamente relatada por Daniel Defoe, as autoridades tomaron a draconiana medida de liquidar a todos os gatos londinenses. Craso erro, tendo en conta que son o bicho máis axeitado para acabar coas ratas que transportan os vectores da enfermidade. Sen chegar a tales extremos gatunos, andamos dende hai un tempo inmersos en medidas deste tipo para saír da tan mentada crise, esa que era imprevisíbel segundo moitos.

Isto da imprevisibilidade dos desastres económicos lévame atrás ata 2003. Andaba eu na USC pasando os días de turbio en turbio cando decidín achegarme a unha conferencia do profesor Beiras, que por suposto non estaba demasiado publicitada e que non tiña lugar na miña facultade (evidentemente, non hai un só alumno de Humanidades interesado na Economía e na Política, é ben sabido). Tendo asistido a algún acto do agora líder parlamentar da AGE, xa sabía separar o gran da palla. E cando se puxo a falar do “Informe Lugano” de Susan George non me custou moito adivinar que alí había moito que aproveitar. De feito creo que fun bastante maleducado porque deixei a algún outro orador coa palabra na boca e marchei para a biblioteca.

A lectura do “Informe” deixoume pampo. No literario, polo seu magnífico uso da estratexia da “ficción factual”. No estilístico, pola habilidade de George para remedar unha especie de neolingua orwelliana adaptada aos tempos do capitalismo salvaxe. No ideolóxico, porque debuxaba un escenario pouco menos que apocalíptico nunha época na que semellantes chamadas urxentes tiñan un aire a lamentación xeremiaca. Sete anos e un chisco despois da publicación en España do “Informe Lugano”, todos vimos que pechar os ollos non significa ser cego. Agora Susan George publica “El Informe Lugano II”, traducido por Deusto. O camiño está feito pero non trillado e a fórmula segue a ser efectiva.

A ficción factual é o nome técnico que se lle dá aos relatos (novelas e ensaios, normalmente) aos que se incorpora un escenario plausible construído a partires de datos, neste caso estadísticos, reais. Un exemplo relativamente recente e ameno de boa novela na que se exercita o factualismo é “A conxura contra América” de Philip Roth. O factualismo, co seu toque especulativo, está moi presente na ciencia ficción dun Philip K. Dick e cada día na prensa deportiva. A versión popular en inglés, “What if…” adoito ten un espacio en monografías sobre deporte e resulta francamente entretido.

A proposta de George hai dez anos era desnudar as miserias do capitalismo por medio dunha enorme ironía, dunha salvaxe inversión das posicións ideolóxicas. Un comité de expertos reúnese para redactar un informe sobre a salvación do capitalismo. O tal informe resulta ser unha exposición detallada das miserias dun sistema que para poder sobrevivir precisa un profundo cambio ideolóxico, dado que está sostido no feito de que un 20% da poboación mundial vive na abundancia namentres o outro 80% está sometido aos rigores da pobreza, a fame e as catástrofes naturais. Xa que non é posíbel que o 20%, voluntariamente, renuncie a moitas das súas comodidades (a utopía waldeniana), o mellor, di o Informe, é establecer unha ERP para o 80% restante. Que é unha ERP? Aquí entra a neolingua: unha “Estratexia de Redución de Poboación”. Ou sexa, deixar morrer xente para facer sostíbel o planeta. Nin Malthus, oigan.

Este “Informe Lugano II” non pode igualar o nivel de impacto do primeiro porque a expresión brutal do cinismo ten un efecto champán. Isto é, se comezas propoñendo aniquilar centos de millóns de persoas non podes agardar que unha proposta para liquidar a democracia xenere similares reaccións. Os autores do Informe, comprobada a súa eficiencia nos prognósticos e o nulo caso feito ás súas recomendacións, optan por orientarse nunha segunda parte ao duro traballo de desmontar a democracia, proceso que permitiría non só non acabar cos pobres e si mantelos ben afundidos na súa desgracia senón crear no Hemisferio Norte unha boa cantidade de pobres novos que non molestasen o crecemento desenfrenado do capitalismo.

Sen regodearse nos acertos, Susan George retoma o camiño da corrupción da linguaxe propoñendo esta vez a creación do MEN: o Modelo Económico (pódese substituír por Elitista) Neoliberal. Ata o momento, os ultraconservadores son peixes que nadan contra a corrente. Desenvolven a súa actividade no marco (por utilizar a expresión de Lakoff) ideolóxico xerado pola Revolución Francesa, o New Deal e a política do Estado de Benestar xenerada en Europa na posguerra. Todo isto, se George está no certo coa súa devastadora ironía, é unha espuria e ilusoria ficción que debe rematar para deixar paso ao regreso da humanidade ao seu estado natural: o do dominio das elites que desprezan mesmo os Dereitos Humanos.

Francamente, eu non son nada conspiranoico. Fai ben George en aclarar esta vez que todo o que escribe é ficción, que non hai por aí un Club Bilderberg con semellantes ideas exterminadoras. Non obstante, non podo evitar un calafrío ao pensar que non todas as falsificacións deste tipo son coma os famosos “Protocolos dos sabios de Sión”. Existen persoas ás que esta obra lles pode parecer un corolario tan perfecto ao seu sistema de pensamento coma un Necronomicon calquera. A semente de Draco pode dar uns froitos temibeis.

Comentar