Valentes sinsentidos

Denantes da Era de Internet, os rapaces tiñamos que entreternos con dous canales de TV e, fundamentalmente, os comics. A min gustábanme Asterix e, sobre todo, Mortadelo e Filemón. Á marxe de rir a cachón, un aprendía moito sobre insultos: burriciego, morsa peluda, cafre, gaznápiro… E tamén sobre xeografía, porque Ibáñez sempre andaba mandando nos seus guións a Mortadelo a Pernambuco e Sebastopol. Un día miña nai enganchou o atlas e púxome a buscar esas cidades. Foi a primeira vez que oín falar de Crimea.

Sebastopol estaba no imaxinario colectivo que trasladaba Ibáñez coma un lugar afastado e infernal. Pódese entender esta fixación colectiva se se estuda en profundidade a guerra de Crimea, tarefa que dilixentemente levou a cabo o historiador oxionense Orlando Figes para a súa nova obra, “Crimea”, que publica a editorial Edhasa.

A Orlando Figes téñoo estreitamente vixilado hai tempo. Achegueime a el para ver se o seu “El baile de Natacha” (mesma editorial) podía superar “El icono y el hacha”, de James Billington, obra clásica sobre historia cultural rusa. Fíxoo con nota, cunha gran cantidade de información axeitadamente distribuida, bo acceso a fontes primarias e unha solvencia narrativa envexábel. As súas obras sobre a Revolución Rusa e o Estalinismo eran tamén salientábeis, polo que agardaba moito de “Crimea”.

O meu horizonte de expectativas, Jauss dixit, viuse plenamente colmado. Figes afronta na obra este conflito dende unha posición que fuxe do sobreentendido e o convencionalismo. Para entender ben o asunto, nada mellor que comezar, como dixese Horacio, “ab ovo”, ou sexa, dende os problemas relixiosos que deron orixe á loita entre todas as potencias decimonónicas europeas no medio dun páramo que un século antes era un enorme pantano cheo de tártaros. O Mar Negro foi sempre zona en disputa, algo que agora se exacerba pola presenza do petróleo. Tras a rusificación de Crimea da man de Potemkin, vilas de cartón incluidas, comezou a batalla entre Rusia e o Imperio Otomano, “o home enfermo de Europa”, un enfermo que tardou en morrer século e medio, ata a rexeneracionista entrada de Kemal Atatürk, xenocidio armenio mediante. Os otomanos posuían Xerusalén, que vén a ser a todos os efectos políticos, coma ter a pata de mono no conto de W.W. Jacobs: unha festa de Pascua mal artellada e os rusos reclamaron para si a protección de todos os ortodoxos da cidade santa para todas as principais relixións monoteístas.
A continuación vén unha explicación sobre o “statu quo” desas potencias, aparentemente difícil de resumir agás que sexas o autor desta obra, que ás veces semella ter estado a carón de Lord Palmerston nas reunións de gabinete inglesas. Diremos que Rusia conseguiu, coas súas políticas, poñer dacordo á Francia pre-Comuna, á Prusia pre-Bismarck, á Inglaterra victoriana, ao proxecto italiano nado no Piamonte e á Austria de Francisco José. Só 50 anos despois, todos estarían en bandos diferentes na Grande Guerra.

E despois está a guerra en si. Defínese a Guerra de Crimea coma a primeira guerra moderna. En realidade, semella a primeira guerra do periodo intermedio, entre a loita corpo a corpo e os misilazos teledirixidos dende barcos a 500 kilómetros do obxectivo. Unha guerra na que non houbo reis, coma na guerra do Piamonte, a derradeira na que os monarcas dirixiron os seus exércitos. Unha guerra na que a prensa tivo unha importancia capital, xerando presións sobre as decisións dos exércitos inglés e francés. A guerra na que naceu a atención humanitaria nos campos de batalla, uns anos antes de que Henry Dunant fundase a Cruz Vermella. De todos os presentes na antiga Táuride, ninguén mereceu máis recoñecementos e estatuas ca Florence Nightingale, a nobre inglesa que, alén dos coñecementos de enfermaría, foi quen de pór en marcha os hospitais de campaña; e Nikolai Pirogov, o doutor ruso pioneiro no uso de anestésicos e que renovou a, ata daquela, salvaxe técnica das amputacións. As figuras de ambos son tratadas por Figes por extenso.

E, sobre todo, unha guerra pintada de falso romanticismo. Porque Orlando Figes, para escribir unha historia seria, ten que batallar contra o feitizo que Crimea exerce nos británicos e, en xeral, en todos aqueles filomilitaristas (tipo Pérez Reverte, para que entendan vostedes). Porque esta guerra é a de Sebastopol e o seu sitio eterno, a das trincheiras nas que os inimigos estaban inmóviles durante meses a tiro de pedra uns dos outros, cos seus baluartes nos que os mandos derrotaban aos xenerais Xaneiro e Febreiro namentres os soldados rasos fuxían do tifo, e o cólera e aturaban o frío, a choiva e a lama. E, sobre todo, é a guerra de Balaclava e a Carga da Brigada Lixeira.

Lord Tennyson era o Poeta Laureado da Gran Bretaña cando Lord Ragland enviou a 661 soldados á morte, coa connivencia dalgún excesivamente arroxado subordinado. Fíxoo ao mandar á Brigada a tomar unha posición rusa nun outeiro a través dun val flanqueado por fusilería. Segundo Figes, que corrixe cifras esaxeradas, volveron uns 200. Un exemplo de estupidez militar (nada se o comparamos coas proezas de Nivelle, o meu xeneral preferido da Grande Guerra) que o poeta arranxou amosando o heroísmo sen par dos brigadistas nun poema que, ata hai catro días, cando os Estudos Culturais decidiron que ser de Oxford e Cambridge era demodé e que o que valía de verdade eran as (malas) obras da Escola do Resentemento, todos os escolares ingleses coñecían. Como curiosidade, “A carga da Brigada Lixeira” é o primeiro gran poema da historia que podemos escoitar coa voz do seu autor, gravado a tal fin en 1890 usando o cilindro de cera de Edison.

Figes consegue algo verdadeiramente asombroso para os que lemos moita historia militar: que entendamos o que pasou sen ter que mirar os mapas iniciais e gozando cunha narrativa fluída. Para o bo lector, e de seguro que vostedes o son, semellante traballo crítico e desmitificador paga a pena. Só por iso, achéganse a Orlando Figes e, se poden, mergúllense no resto da súa obra**

** Estimados (e escasos) lectores deste blog. Levan nesta entrada un “bonus track”. Este xentil xornal propúxome cambiar de día na edición escrita e como proba aumentei o artigo publicado sobre “Crimea”. Velaquí o resultado.

Comentar