Os fillos de Fabio Maximo

Podo prometer e prometo (nin sequera teño claro que isto sexa o xeito de comezar hoxe) que o libro que reseño esta semana caeu nas miñas mans hai moitos días, denantes de que estoupasen os últimos –que non derradeiros– escándalos políticos. Pensaba comezar contándolles que un parente lonxano do noso Paulo Fabio Máximo distraeu a Aníbal nas súas excursións por Italia adiante e deu nome á Sociedade Fabiana, grupo de homes e mulleres fundado en Inglaterra no século XIX que promovía a creación dun estado de benestar prescindindo dun proceso revolucionario. Tiven que abreviar moito a historia, que seiscentas palabras non dan para todo o que hai que contar.

Nesa sociedade introduciuse axiña George Bernard Shaw, o mellor dramaturgo británico entre os dous séculos, irlandés coma Swift, Yeats e Beckett, cínico coma Oscar Wilde pero moito máis intelixente. O seu activismo político fixo eclosión no “Manual de socialismo y capitalismo para mujeres inteligentes”, que publica agora a editorial RBA en perfecta edición de tapa dura cunha introdución esclarecedora que, neste caso, non deberían pasar por riba. Antes de seguir, non se me asusten co título. GB Shaw non era un machista senón un activo defensor das sufragistas (que só gañaron o voto tras o esforzo da Gran Guerra) e da sensatez das mulleres á hora de exercer o voto, fortemente denostada pola esquerda ao entender que a influencia que nelas tiñan os cregos era excesiva.

Porén, asústenseme co tamaño e o contido. Se van na procura dun manual “stricto sensu”, teñan en conta que este non é precisamente esquemático. É tan profundo coma claro. Se están nun período de desesperación tipo Schopenhauer, deixen o asunto para outro día. Pódense enfadar moito ao comprobar que dende 1928 ata agora mesmo as cousas non cambiaron nadiña malia os esforzos de Shaw e outros coma el.

O argumento principal da obra non é difícil de resumir. Contra a máxima leninista, en boga antes de que se descubrisen os espantosos crimes soviéticos, de “cadaquén segundo as súas posibilidades, a cadaquén segundo as súas necesidades”, érguese a simple expresión da redistribución igualitaria da renda. O que isto defende, o señor Shaw, etiquétase como “socialista”. Os fabianos eran (e son, tras o seu rexurdimento posterior ao thatcherismo) o cerme do laborismo, unha terceira vía entre o conservadurismo e o comunismo.

O paradoxal é que a socialdemocracia posterior á Segunda Guerra Mundial fagocitou o socialismo de Shaw. A tal momento, se o líder de calquera partido de esquerda recollese nun programa o contido desta obra correría serio risco de ir ao cárcere. ¿Por que? Por pedir con firmeza e numerosos argumentos cousas como a nacionalización da banca e o carbón (lean petróleo, pensen en Venezuela), a adición dunha cota sindical que permitise recuperar o traballo das “trade unión”, o mantemento da voluntariedade de pago á Igrexa (en 1928, repito) ou o desmantelamento dos imperios.

Todo isto cunha total naturalidade, sen caer en chamadas apocalípticas e vaticinar a caída inmediata dun sistema inxusto. Porque tan interesantes son as súas propostas como a constatación, non por evidente menos importante, de que non semella moi normal manter sen trocos un sistema no que un décimo das persoas viven na abundancia namentres o noventa por cento padece día a día. Agora e hai oitenta anos. En Inglaterra e en España.

Comentar