O santo bosón

Aínda que non creo que haxa moitos fieis que se asomen a esta fiestra continuamente, confío en que aínda quede algún que lembre a miña discusión sobre a divinidade con certo bo amigo (ao que imos manter no anonimato de novo) con motivo do libro “Solos en el Universo”, de John Gribbin. Foi a miña despedida de verán, un verán verdadeiramente apaixonante no campo da física cuántica polo descubrimento do “bosón de Higgs”, unha partícula esencial para entender a materia, e pola posibilidade, inédita dende certo eclipse observado en 1919 dende as Illas Príncipe e Sobral (Brasil) de que Einstein non tivese razón e existise unha partícula que, en verdade, viaxase máis rápido cá mesma luz.

Despois dun par de semanas intensas na lectura necesitaba algo curto pero non banal. Así que non o dubidei cando caeu nas miñas mans “El descubrimiento del Higgs” de Lisa Randall, unha especie de reportaxe xornalístico alongado e encadernado, auténtico libro de peto que ofrece a que agora mesmo é a mellor editorial española, Acantilado (de feito é tan boa que estou por pedir que Catalunya non se independice para non ter que pagar os aranceis). Esta obra fai de preludio a “Llamando a las puertas del cielo”, da mesma autora, unha obra humanista enfocada a explicar ao público xeral as particularides da materia e do vastísimo universo.

O bosón de Higgs é unha partícula moi especial, como di o subtítulo. Lisa Randall trata de expoñer esa particularidade e atópase coas barreiras infranqueábeis da abstración e a pobre educación. Descoñezo se os manuais escolares de Ciencias evolucionaron, pero o que si podo asegurar é que os quarks se descubriron a mediados dos sesenta e que o modelo para un átomo a mediados dos noventa era un morango feito de neutróns e protóns orbitado por electróns. Máis ou menos coma se agora se ensinase que o Sistema Solar remata en Saturno. O da abstración é un problema máis dificilmente solucionábel aínda, pero as analoxías con magnetismo e fenómenos electrónicos axudan a entender conceptos asociados ao afamado bosón, coma o “campo”.

Moito máis interesante para o lector profano, coma noutros libros de Física con contidos de alta dificultade, é o contexto. As explicacións sobre o LHC de Xenebra, a enorme enerxía e intensidade que o trebello é quen de xerar, o grupo de científicos que son necesarios para facer o descubrimento a pesares de que a partícula leve o nome de só un deles ou a mesma existencia do descubrimento –o que se atoparon foron as pegadas dunha partícula efémera cuxos valores son compatibeis coa predición de Higgs, do mesmo xeito que Mendeleiev deixou baleiros na táboa periódica para os elementos non descubertos, e non fallou unha–.

Coma os xornais, ou as axencias que en moitas ocasións os alimentan, precisan titulares que xeren un chisco de balbordo, o bosón foi alcumado “a partícula de Deus”. Randall é taxante ao rexeitar absolutismos deste tipo: a materia xenérase de moitas formas, unha delas este bosón. E, como ben se encarga de lembrar o meu amigo, todo o descuberto pola mecánica cuántica explica un 3% da materia do universo (ou menos). El rematará no panteísmo e eu podo seguir aferrado ao materialismo: aínda estamos a tempo de explicar o 97% de todo o que nos rodea. En calquera caso, se Deus inventou o bosón podía poñer máis sinxelo o asunto de descubrilo.

PD: Uns días despois da publicación deste artigo no xornal, coñezo a morte de Julio Aróstegui, autor reseñado hai poucas semanas con motivo da publicación da biografía de Largo Caballero. Lamento que non puidese disfrutar desta crítica como, me consta, fixeron outros autores españois que apareceron nesta fiestra virtual. A morte dun intelectual e escritor é unha auténtica mágoa nun país que precisa máis que nunca do pensamento crítico. STTL

Un comentario en “O santo bosón”

  1. Gloria olivae Comentó:

    Querido amigo: Lamento que mis obligaciones personales y la ralentización de mis actividades, tributo impuesto por mi avanzada edad, no me hayan permitido comentar nada al respeto hasta ahora.
    Por alusiones:
    En verdad, ¡cuánta fe requiere la ciencia! ¡Qué gran esfuerzo tenemos que hacer para terminar aceptando, en aras de la ciencia, que todo -nosotros incluidos- es fruto de un puro azar, nacido ni más ni menos, que de las leyes físicas!
    Leyes, por otro lado, nacidas de la nada, existentes desde siempre, invariables, no creadas…leyes que no entendemos, y que en cuanto los hombres de ciencia racionalizan su intrínseca incomprensión, las tildan inmediatamente con el “divino” eufemismo de “singularidad”.

    ¡Santo Bosón! ¿Y si lo que los hombres de ciencia llaman leyes universales y singularidad, fuese lo que los de fe llaman Dios?

    Un afectuoso abrazo desde la distancia física, que no emocional.

Comentar