O cerebro encerrado

Eu xa sei que aos meus amigos humanistas e historiadores non lles gusta moito Tony Judt. Supoño que cando este home pasou das publicacións académicas ao suplemento de libros do “New York Times” pasou de inmediato e do mesmo modo á frivolidade para moitos. Cun razoamento análogo ao que eu fixen algunha ocasión: se se vende non é bo. Non por nada, senón porque hai moitas persoas con cartos (cada vez menos) e moi poucas con coñecementos para ler profundidades históricas acerca de Chequia ou Ucraína.

Non obstante, a min Tony Judt encántame. Xa contei algunha vez que teño “Postwar” no despacho porque podo usar ese libro tanto para un café de dez minutos coma para unha hora morta despois dun xantar de traballo. É erudito, está ben escrito e comprometido cunha visión progresista (que non tendenciosa) do continente. A falla de ler a Norman Davies, non hai libro mellor sobre o Vello Continente.

Estou falando de Judt en presente porque para min é unha compaña permanente. Pero morreu no ano 2010, de ELA. Esclerose lateral amiotrófica. Unha enfermidade cruel, en especial para alguén co seu funcionamento mental, xa que pode estar descubrindo as chaves de, por exemplo, toda unha reinterpretación da caída do Muro de Berlín e ter que comunicar tal cousa, como moito, a través das súas pálpebras. Un cerebro nun cárcere de músculos.

Unha das primeiras cousas que tivo que deixar de facer este home foi escribir. Un amigo seu, Timothy Snyder, “aproveitou” o drama para proporlle facer un libro de conversas de ton biográfico na liña do escrito por Czeslaw Milosz con Aleksander Wat (publicado por Acantilado hai un tempo). Ese libro é “Pensar el siglo XX”, un tratado político, filosófico e ético que publica a editorial Taurus e que xa está traducido ao catalán, o que me dá oportunidade para constatar o feito de que se publica antes nas editoriais galegas calquera parvada sobre o mellor poeta do municipio de Zas ca un libro sobre historia europea. Somos o que somos: Galicistán.

Volvamos ao noso. Tony Judt tivo certa fortuna que o axuda á hora de afrontar a historia europea dende un punto de vista pluralista (non penso que haxa outro mellor). Nado en Londres, xudeu de antepasados polacos, bielorrusos e rusos, formado en Cambridge e no París do 68, coñecedor da California dos 70 e da Nova York do 2001, marxista arrepentido, admirador de Polonia e Chequia. Con semellante bagaxe viaxeiro e lingüístico, “Pensar el siglo XX” convértese nun libro no que a mera biografía serve de fío conductor á historia a partires de 1945. Judt non escribe historia: é Historia.

Snyder deixa falar ao comezo de cada capítulo ao seu entrevistado. Pero cando pregunta non é precisamente discreto nin breve senón ousado, reflexivo e torrencial. As cuestións que fai son a mellor maneira de postularse coma ocupante do trono vacante coma historiador de referencia nun comezo de século convulso para a vella esquina do mundo. Se temos que pórlle un defecto sería o de non ser quen de dar nas súas preguntas un certo contexto ao lector profano, o que en ocasións fai o libro abstruso de máis, sobre todo no que se refire ao marxismo e o seu desevolvemento na Guerra Fría. Non agardamos que haxa moitos lectores de Kolakowski entre os lectores desta columna. Agardamos que haxa moitos dun dos derradeiros intelectuais: Tony Judt.

Comentar