O perigo de comparar

A confusión intelectual e política que levamos vivido neste século, acrecentada polas incertidumes económicas, pódese condensar nas máis coñecidas verbas de Donald Rumsfeld, man dereita de George Bush fillo na Casa Branca: “hai cousas que coñecemos, ou sexa, cousas que sabemos que sabemos; hai cousas que descoñecemos, ou sexa, cousas que sabemos que non sabemos; e hai cousas que descoñecemos que descoñecemos, ou sexa, que non sabemos que non sabemos”. Semellante confusión, referida a un asunto que non importa ren coma o feito de aniquilar a milleiros de persoas porque un dictador posúe supostamente armas de destrucción masiva, deu lugar a unha literatura analítica moi ampla entre a que destaca o libro “Culturas de guerra”, de John Dower, publicado aínda en 2012 na editorial “Pasado & Presente”. Non é o que se entende por unha novidade, seino, pero estamos en mala época, cos editores enfrascados en por na rúa a maior cantidade de exemplares de Greys, Folletts e Punsets posíbeis.

John Dower e, xunto a Herbert Bix, o mellor experto americano na posguerra xaponesa, entre o lanzamento da bomba de Hiroshima e o ano 1952. Ademais é un intelectual de prestixio, capaz de analizar en profundidade sucesos coma o 11-S que aínda permanecen abertos pola pluralidade de visións e os problemas de perspectiva histórica. En “Culturas de guerra” traza un paralelismo de grande interese entre a súa especialidade, o Xapón, e a situación xeopolítica do terrorismo islamista e Iraq. O polo de confluencia de ambos escenarios: a actuación dos Estados Unidos, a derradeira superpotencia.

O feito de que Dower sexa experto en Hirohito e cía fai que a súa obra escore, de xeito claro, cara unha análise máis fonda do Extremo Oriente, unha síntese do seu “Embracing Defeat”. Non rexeita temas tabú: o uso político e mesmo partidista da bomba, os xuízos por crimes contra a humanidade convertidos en xustiza dos vencedores, a ignorancia de todo aquilo que se consideraba dereito de soberanía, a manipulación da mesma figura do mikado ata convertelo nun monicreque. Todo é exposto, argumentado e afirmado.

E mesmo así, mesmo considerando a ocupación do Xapón coma unha experiencia mellorábel e traumática, Dower remata por considerala un exemplo de actuación. Truman e MacArthur tiñan un plan. A análise dos sucesos acaecidos entre o impacto dos avións contra o World Trade Center e a invasión de Iraq revelan como a “cultura da guerra” invade todo ata o punto de obturar a mesma capacidade de planificación para a paz. Xa o dicía o refrán latino: “si vis pacem, para bellum”. A guerra estaba preparada, pero non había desexo de paz nin outra cousa que non fose unha ignorancia supina que revela Dower, con abondoso aporte documental, exhaustivas notas (malas de ler por unha caligrafía excesivamente diminuta) e un material gráfico verdadeiramente interesante.

Namentres escribo este artigo podo ler, e vostedes poderán ter máis novas neste mesmo xornal, que o senador McCain lanzou unha investigación contra a CIA por revelar datos a Kathryn Bigelow para a súa película sobre a caza de Bin Laden. A persecución da seguridade por riba da liberdade que protexe a Primeira Enmenda da Constitución Americana semella ir por bo camiño. Se cadra o seguinte libro de Dower trata da chegada ao goberno dos USA daqueles que nin tiñan plans para Iraq nin semellan ter moi claros os plans para o seu propio país.

Comentar