Mundos que se achegan

Creo que non é a primeira vez que nestas páxinas defendo que, por debaixo do escándalo infernal provocado polas tertulias maniqueas, agroma en España unha maneira diferente de ver o deporte, máis próxima á analise cultural, non partidista, internacional e intelectual. “Jot Down” e “Cuadernos del basket” son publicacións que se sitúan nesta liña e que veñen a ocupar o lugar das revistas semanais, empurradas ao pasamento pola crise e a desafección provocada pola inmediatez dos novos fluxos de información a través das redes sociais.

No mundo do baloncesto, cabe considerar a Gonzalo Vázquez e Máximo Tobías dous dos abandeirados desta nova corrente. Agora ámbolos dous uniron esforzos para a publicación de “Invasión o victoria” (Editorial JC), o mellor libro publicado ata o momento sobre o fenómeno da chegada de xogadores estranxeiros ata o hai pouco pechado mundo da NBA. Non teño moi claro que o título sexa o máis axeitado, quizais sexa o único que desmerece a unha obra que debería ter mesmo proxección internacional.

Gonzalo Vázquez mergúllase na estranxeiría motivada pola raza e a relixión para continuar cos primeiros achegamentos de estranxeiros europeos ou europeizados, contra finais da década dos 60 e comezos dos 70. Os problemas de documentación adoito son difíciles neste tipo de investigacións (non resulta sinxelo investigar en revistas españolas dos años 30, item máis nas hemerotecas americanas) e Vázquez supéraas sen dificultade. Aínda que o interesante contido, estruturado dende o mesmo Naismith e a YMCA, chega a palidecer fronte ao estilo do escritor, ao que só podo comparar, dentro do campo deportivo, con David Halberstam. Claro e desenvolto, sen renunciar a certo barroquismo persoal pero afastado de gongorismos, atinado nos periodos, os parágrafos, os capítulos.

Máximo Tobías ten que batallar contra unha morea de datos virtualmente inabarcábel, coa explosión universal do fenómeno NBA a partires de 1986. O esforzo de síntese realizado é tan hercúleo coma satisfactorio. Nalgúns capítulos, coma os dedicados ao alemán Nowitzki ou aos xogadores chineses, consegue evitar a tentación alexandrina de cortar o nudo gordiano con espada e entra en detalles que axudan a clarexar as historias. O feito de dispoñer de milleiros de fontes á man podería ter levado o estilo de Tobías cara o xornalístico, algo que se evita cunha narratividade que non ten que envexar á do seu compañeiro. Mágoa que nesta parte si se podan detectar certos erros (grafías variabeis, puntuacións pouco axeitadas…) que non deberan estar presentes nunha obra na que o detalle é, precisamente, o que marca a diferencia.

As autorías duais ou colectivas son con frecuencia un problema e neste caso, para o lector, sucede tamén. Aínda que o espírito sexa o mesmo, a letra cambia. A solución pasa por un mellor traballo editorial, xa que a aposta polas novas visións do deporte (sempre loábel) non debe limitarse a crer no proxecto senón a traballar sobre el para facer un bo libro. É necesario que en España se dea saída axeitada aos coñecementos e estilo destes autores e outros similares. Para iso precisamos un xiro copernicano que permita ver o deporte non coma expresión da masa de Canetti senón coma manifestación antropolóxica universal: lean “Invasión o victoria” e saberán, aínda que non lles guste moito o baloncesto, de que estou a falar.

Comentar