Un palabro novo

Xa lles dixen hai un par de semanas, cando falei do libro de Steven Pinker, que o tema este do declinar da violencia non me acababa de convencer. A cousa xa vén torta dende o principio, escollamos a cultura que escollamos. As relixións do Libro teñen coma punto de partida o asasinato de Abel a mans de Caín. Ou sexa, que nada máis aterrar xa andabamos cunha taxa de homicidios do 50%. Iso si, o monoteísmo aforróulles a estas culturas as exemplares matanzas entre deuses, que podemos atopar entre sumerios, aztecas, hindúes e aboríxenes. Aquí non libra ninguén. Se nos afastamos das orixes míticas e pasamos a analizar aos sapiens e os seus predecesores, as cousas non van moito mellor. O achádego de Ötzi, habitante convertido en momia da Idade de Cobre no Tirol, confirmou con probas materiais o que xa sospeitábamos: o mito do bo salvaxe non valía nin para cando todo o mundo tiña menos poboación que Madrid.

Matthew White, despois de ter durante anos unha páxina web adicada a discutir salvaxadas, deu o paso de xuntar as cen máis importantes no “Libro negro da humanidade”, que agora edita Crítica. Como comprenderán, a obra non aporta unha grande ledicia á vida de ninguén, pero si unha boa cantidade de datos sobre estes feitos que son difíciles de atopar en libros publicados en español. De feito, as análises de White sobre as diferentes guerras que tiveron lugar en China (a rebelión de An Lushan, os Estados Combatentes ou a Rebelión Taiping, especialmente interesante polo seu parecido ao nacemento do cristianismo e do mormonismo) son moito máis completas cás do libro de referencia para min sobre o tema, escrito por Jean Gernet. E tendo en conta o gusto dos chineses por masacrarse entre si, non é pouca esta información.

O libro de White amosa que, ademais de ser unha especie con tendencia a esnaquizar ao próximo, somos tamén tendentes á incompetencia que dá como resultado mortes masivas. Á espera de que se abran os archivos de Mao para coñecer a dimensión dos pasamentos por fame no Grande Salto Adiante, sorprende ver como os ingleses cambiaron un método barato que funcionaba para evitar as fames na India por un non-método que provocou millóns de mortes. Somos tan contumaces á hora de responder á nosa natureza que somos quen de transformar unha benéfica idea coma o comunismo, que non anda moi lonxe de ningunha relixión ou sistema político ideal, na mellor demostración das ideas de Hobbes: o home é un lobo para o home.

O libro de White, á marxe do frikismo gore, non sería moi recomendábel dende unha perspectiva seria se non fose, paradoxalmente, por un dos seus apéndices. Ata a atrocidade cen estamos ante un libro dos que tanto proliferan: 1001 toupeiras que estoupar cun petardo de mecha negra, 101 vestidos por riba do xeonllo que che han quedar como dios e os 57 mellores futbolistas da historia do Carnoedo. Pero no apéndice dous lánzase White á invención do palabro “hemoclismo” (torrente de sangue), que define á perfección unha prolepse histórica, a probabilidade de que no ano 2300 se vexa o periodo 1914-1970 coma un continuo catastrófico no que pouco importaban consideracións xeográficas para liquidar ao que era diferente en ideas, raza ou relixión e no que a tecnoloxía se puxo ao servizo da maldade. Claro, que cabe agardar tamén que no 2300 o periodo 2001-2080 se vexa coma o verdadeiro amencer da humanidade.

2 Comentarios en “Un palabro novo”

  1. Carneiro Comentó:

    Sendo de Carnoedo, e coñecendo a algún deses 57 valerosos futbolistas, teño curiosidade sobre quén ocuparía os tres primeiros postos. Parabéns polo artigo ;)

  2. SEito Comentó:

    Interesante . ¿Continuará? .

Comentar