Uns anxeliños

Nacín dúas semanas despois da rendición de Arxentina nas Malvinas e dous meses antes das matanzas de Sabra e Chatila. O primeiro telediario que recordo é o do fusilamento de Ceaucescu, no Nadal do 89. O meu descubrimento da xeografía mundial tivo os nomes de Bosnia, Somalia e Ruanda. Coma todos, lembro ónde estaba e qué facía o día do 11-S. E na universidade protestei contra as guerras de Afganistán e Irak. Cambien todos estes nomes por Cuba, Vietnam, Camboia, Irán e Colombia e terían a biografía de miña nai, por exemplo. Vistos todos estes conflitos, cando lin que un dos meus científicos favoritos, Steven Pinker, publicaba un libro no que sostiña que a violencia ía en declive no mundo abalanceime sobre unha libraría americana para telo aquí canto antes. Agora Paidos pono máis sinxelo para os lectores españois, traducíndoo coma “Los ángeles que llevamos dentro”.

A miña chegada a Pinker só pode definirse con aquel refrán senequista que di “Ad astra per aspera”. “Cómo funciona la mente” é o libro que lía durante o pasamento dun ser querido e resultou ser unha lectura moi estimulante pero difícil e absorbente. Estoutra obra prometía cousas diferentes e cumpre con creces: vocación enciclopédica, pluralidade de visións, sesudas argumentacións, estatísticas lidas de maneira axeitada e, por riba de todo, unha tese provocadora.

Pinker sabe xogar, sabe tentar coma se fose o demo tras os corenta días no deserto. Sabe que o que se ve, ou o que se cre ver, non se esconde. E agora todo é visíbel, todo se pode expoñer en medios convencionais e redes sociais. Un informativo pode facerse só con novas de sucesos. Mesmo as etiquetas contribúen a facer crecer a “alarma social”. Antes, uns rapaces zoupábanlles aos outros. Agora, uns fan bullying cos demais. A realidade dos medios, a sobreexposición da violencia contra as mulleres ou das agresións raciais en Estados Unidos, pode facer crer que son lacras en crecemento. En realidade, como demostra Pinker, non o son. No mundo occidental van desaparecendo, por sorte, aínda que andamos lonxe do desexábel, que sería erradicalas por completo.

¿Mundo occidental? Pois si. Nesas dúas verbas creo que se agocha o principal punto feble da argumentación de Steven Pinker. Coma outros moitos investigadores, peca de etnocéntrico. México aparece citada, sobre todo, polos sacrificios precolombinos, afortunadamente abolidos. Ciudad Juárez, Acapulco, Torreón e Durango están entre as dez cidades máis perigosas do mundo. O número de homicidios da primeira triplica o maior ratio de violencia dos Estados Unidos (sexa Washington DC, Baltimore ou St Louis). De violacións, roubos e demais, nin falamos. Non é o único punto no que se pode disentir de Pinker. Moi preto quedan as matanzas do século XX para falarmos dun declinar da violencia apreciábel no que Braudel chama a “longa duración”. A historia amósanos sempre leccións importantes. Entre 1870 e 1914 os conflitos máis importantes foron a Guerra do Guano (nunca mellor dito, unha guerra de merda), a guerra de 1898, a dos boers e a dos Balcáns. Entre as catro, unha cuarta parte dos mortos nuns pouco meses en Ruanda.

A pesares de todo, a obra é excelente, nela pódese aprender un pouco de todo, xa que a violencia está presente, por desgracia, en todos os aspectos da nosa vida, coma un reverso oscuro da nosa personalidade. E fai proselitismo da paz, que é moi necesario nos tempos que corren.

Comentar