Punto de unión

Nun mundo cada día máis especializado no académico, quedan poucas oportunidades para reconciliar o que C.P. Snow bautizou como “as dúas culturas”. Xa na miña época de estudante de bacharelato estaba a cousa complicada. Un profesor de lingua un pouco difuso e tiñas a un grande estudante que era quen de comprender a Newton pero non a Blanco Amor. Unha profesora de matemáticas que semellaba máis ben unha meiga e tiñas a un tipo quen de analizar o conceptismo con certa profundidade pero que non sabía nin facer unha raíz cadrada. A min os anos reconciliáronme con ámbito científico e teño que recoñecer que, á hora de ler o meu primeiro mamotreto en inglés, fun dereitiño a Richard Rhodes e o seu “The making of the atomic bomb”.

Algunhas persoas nacen (xa superei a miña época de “táboa rasa”) cunha especial habilidade para desenvolverse nestes campos que os sistemas educativos adoito separa como a auga e o aceite. É o caso de Edward O. Wilson, gañador do premio Pulitzer en dúas ocasións, entomólogo de grande sona e recoñecido mundialmente por achegar a Darwin ao humanismo sen caer en posicións evolutivas no cultural. Agora publícase en España “La conquista social de la Tierra”, unha síntese de traballos anteriores na que Wilson pon a súa mirada en como se desenvolve o feito social no mundo animal e en como evolucionou no ser humano do mesmo xeito ca outros elementos chave para que a especie chegase a dominar o planeta. Todo isto para responder ás preguntas que Paul Gauguin fixo no seu cadro máis coñecido, portada da obra: ¿Quen somos? ¿De onde vimos? ¿Onde vamos?

A pesares de que Wilson é un grande divulgador, mellor aínda ca Stephen Jay Gould, pertencente á quinta seguinte pero finado prematuramente, a obra ten o seu aquel. Se lle dan grima os insectos, mellor que non lea. Se lle gustan, prepárese para descubrir, por exemplo, que as abellas de Formosa (Taiwan) son quen de desenvolver eusocialidade. ¿Qué é isto? Pois a forma de relación colectiva máis complexa no mundo animal e sobre a que se constrúe a noción de socialización do ser humano… segundo Wilson. É unha hipótese atractiva: saír do mono para caer nas abellas da suor. O día menos pensado ao mellor alguén me convence de que a Drosophila non é o insecto máis útil da historia da ciencia. En todo caso, as partes entomolóxicas resultan un chisco áridas.

Cousa distinta é a parte dedicada aos humanos, aínda que quedan avisados de que se lles gustan antropólogos coma Marvin Harris ou investigadores coma o mesmo Arsuaga, han encontrar moitas teorías repetidas. Se non é así, por aquí han empezar ben. Wilson completa a Darwin no evolucionismo e matiza a Gould no equilibrio puntuado. A aplicación das ferramentas eusociais ás artes dá lugar a hipótesis realmente atractivas relacionadas por exemplo, coa música. E o epílogo, mestura dun aire de nostalxia gauguiniana con utopía asimoviana, deixa o mellor de Wilson, un home de influencia innegábel e un talento expresivo que fai que a un lle entren as ganas de desterrar as especializacións para volver ao verdadeiro humanismo, o terenciano, ao que nada lle resulta alleo.

Comentar