Sopa de letras

Teño que recoñecer que os libros de crítica literaria son, normalmente, aburridos coma ver chover. E máis cando os críticos collemos un rego que araron mil bois e tratamos de facelo xa non máis fondo, senón diferente ou máis fértil. Unha excepción a este feito comprobado son as antoloxías ou obras que amosan breves perfís de obras ou escritores, xa que teñen certo aire de enciclopedia escolar ou reportaxe de revista dominical que fai que o lector mesmo poda sobrevivir a un número de páxinas que con frecuencia sobrepasa o milleiro.

Veño de atopar nos anaqueles da miña libraría preferida, Trama, o volume “100 escritores del siglo XX. Ámbito internacional”, editado por Domingo Ródenas e composto por textos escritos por profesores de toda España, con predominio iso si daqueles que desenvolven a súa actividade en Barcelona. A obra vén a completar á que trataba o “Ámbito hispánico”, cunha descompensación que resulta rechamante e que fai pensar se non andaremos no camiño de imitar o tan criticado chauvinismo francés: 100 españoles e hispanoamericanos, 100 do resto do mundo. Alá vai. A primeira edición da obra fíxose en 2008 e cambiaron algúns persoeiros. A idea mantívose.

A tentativa de Domingo Ródenas no “Prefacio” de non presentar esta obra coma un catálogo con aire normativo fracasa de maneira obvia. É imposíbel facer unha lista deste tipo que non sexa asociada a Harold Bloom, ás listas de best-seller ou aos “40 principais”, se de música falasemos. Recoñécense os autores coma “non obxectivos”, pero non fallan os autores de consenso en todos os xéneros. Admiten que poden ser cuestionados, pero agás por Joao Cabral, Lampedusa e Murakami, un carca literario coma min é quen de subscribir a súa selección. Tres por cento de erro significa canon politicamente correcto dende a perspectiva máis ortodoxa.

Se tivese que entrar en cada un dos ensaios podería encher todo o xornal, así que se impón a síntese. Sorprende que, a pesares da existencia de máis de trinta colaboradores, o libro teña unha certa unidade estrutural. Predominan os percorridos cronolóxicos sen caer no cada día máis denostado (dentro da crítica, non fóra) biografismo. Sete ou oito páxinas para cada escritor non dan para moita crítica, así que se opta pola sinopse ou un esencial argumento con valoración decote atinada. Matino que as miñas coñecidas feministas estarán ao borde do infarto ao ver que só temos cinco mulleres e todas angloparlantes (Lessing, Morrison, Murdoch e Woolf) agás Marguerite Yourcenar. Como non teño coñecidos negros, estarán menos molestos co feito de que Toni Morrison sea a súa única representante (boto de menos a Chinua Achebe). Os xaponeses cumpren co cupo pero non australianos. Isto é peor cá Liga das Nacións.

Nun tempo no que, en moitas ocasións, prima a ollada rápida sobre a profunda, o libro coordinado por Ródenas enche un baleiro. É un vademecum literario que por amenidade pode sustituír á cada vez máis tentadora Wikipedia coa vantaxe de que os que toman a responsabilidade de aportar información están localizados. Iso si: como non é un libro de peto e non cabe no móbil, os lectores han ter que cargar co que vulgarmente se chama un mamotreto. Delicioso mamotreto, en realidade.

Comentar