Buscar e non atopar

Dende hai unhas semanas, por asuntos relacionados co meu traballo extraliterario, véxome na obriga de dicir bastantes veces ao día a expresión “En teoría…”, acompañada dunha reflexión do mellor filósofo posmoderno, Homer Simpson: “En teoría, Lisa, ata o comunismo funciona… En teoría”. A expresión é aplicábel a un cento de campos do saber, pero neste intre acáelle coma unha luva a todo tipo de predicións económicas, realizadas por políticos e, sobre todo, economistas, un colectivo que semella instalado permanentemente nas falacias de planificación optimista ou, peor aínda, atado a intereses espurios que levan por diante o benestar de moitas persoas.

Se consideramos a economía coma unha ciencia, isto implica que un traballo básico do economista é a construción de hipóteses, na procura da correcta. Noutras palabras, unha grande búsqueda. Este é precisamente o título do último libro de Sylvia Nasar, máis coñecida como escritora pola biografía de John Forbes Nash, “Unha mente marabillosa”, posteriormente levada ao cine con grande éxito. Subtitúlase como unha historia da economía cando, máis ben, debería subtitularse coma unha historia dos economistas. De Marx a Sen, do matrimonio Webb a Milton Friedman.

O curto século XX deixou grandes figuras en todos os campos do saber humano. A pesares das convulsións económicas, a economía non foi allea ao progreso. E non só houbo totems económicos senón persoeiros formados neste campo. O máis coñecido, John Maynard Keynes, que hoxe mesmo está de moda xa que as súas recetas semellan bálsamo de Fierabrás para a solución dos problemas actuais, alomenos se facemos caso, verbigracia, a Axel Kicillof, o economista de cabeceira da presidenta da Arxentina. Membro do círculo de Bloomsbury, veciño de Virginia Woolf, dandy e bisexual, amigo de Lytton Strachey e futurólogo catastrofista e atinado, Keynes representa ao economista do “star-system” por antonomasia. Nasar aproveita todas estas circunstancias vitais para construír unha obra de gran vivacidade, que se pode ler de xeito sinxelo sen atoparse con anécdotas banais e inconexas que restan narratividade ao asunto.

Unha lectura crítica, fonda, pode ter consecuencias desastrosas neste caso. Os escépticos máis versados no asunto económico terán a sensación de que a grande búsqueda non produciu ningún froito que fose digno de atopar. O marxismo non é unha solución (iso xa o intuíamos) e Marx non visitou nin unha fábrica namentres escribía “O Capital”. Os grandes próceres do Estado de Benestar remataron sucumbindo ás seduccións do estalinismo, o que pode invalidar de feito algúns dos seus postulados (o capítulo no que Nasar analiza a cegueira do matrimonio Webb provoca calafríos). O “camiño de servidume” aberto por Hayek e polo que transitaron Friedman e Reagan rematou nunha escuridade que parece non ter fin.

A autora finaliza con Amartya Sen, que semella aportar unha perspectiva diferente e é presentado, quizais de modo burdo de máis, coma unha luz de esperanza: o economista nado entre os pobres que xulga o benestar dende unha posición que vai máis alá dos números do PIB. O feito de que este capítulo sexa producto, máis ben, de entrevistas persoais e non dunha profunda análise dos traballos do economista, á marxe da inevitábel falla de perspectiva histórica fai que quede unha sensación de que aínda hai demasiadas preguntas para ningunha resposta.

Comentar