O vello mestre

Andamos últimamente coa enésima reforma educativa, que non ten moita mellor pinta cás anteriores. Dende hai trinta anos estes trocos non veñen acompañados dunha considerábel subida dos fondos destinados á educación e, co país en situación de rescate sobra moitas cousas, parados por exemplo, pero non cartos. Non obstante, tan grave é o problema económico coma outros que van camiño de ser estruturais: a axeitada formación do profesorado e o establecemento de programas axeitados de educación.

En canto ao primeiro punto, a miña experiencia docente tenme en estado de “prevengan”: o día que nunha clase universitaria tiven que dar pautas para o comentario de texto supúxome un trauma. En canto ao segundo, permitiranme que me alinee cun autor como Pérez Reverte, denostado decote nestas liñas, e que xa nun artigo cheo de carraxe a mediados dos 90 reclamaba o regreso dos antigos programas humanísticos e científicos, esquecendo tanta parvada psicolóxica, psicosocial, psicopedagóxica e psicopática. Dito claro: se miña afillada de case trece anos colle o libro de Historia de meu pai, que o estudou en 1970 e que gardo coma ouro en pano, non sabe nin por onde empezar.

En estas estaba cando caeu nas miñas mans a reedición da “Didáctica Magna” de Jan Comenius na Editorial Akal. A primeira vez que oín falar del foi en certo libro de Jacques Barzun, que finou hai dous días aos 105 anos, por certo. O feito de que a UE puxese o seu nome a un programa de formación animaba a afondar na súa obra, pero esta non se publicaba en tirada coñecida dende 1986.

Os que agarden un revolucionario guiado polo espíritu da Ilustración non estarán de noraboa. Comenius (Komenski en realidade) tiña espírito cosmopolita pero o seu credo educativo ten un aire xesuítico sinxelamente resumíbel no acrónimo AMDG (Ad Maiorem Dei Gloria). A educación debe ter como obxectivo a louvanza do Altísimo e como modelo a vida de Xesucristo. Claro, que se se limitase a estes pensamentos non sería considerado o pai da pedagoxía.

Comenius quería ensinalo todo a todos. A todos e todas, en correcta linguaxe bempensante do século XXI. Aínda quedaban 250 anos para que as mulleres puidesen votar en Nova Celandia. Rexeitaba con contundencia a tendencia a tratar individualmente aos alumnos pois consideraba que, coma o Sol, os raios da sabedoría do mestre deberían chegar a todos por igual. Creía que a especialidade só era cousa dos últimos seis anos de formación do individuo (entre os 18 e os 24 anos); namentres, os alumnos debían estudar todo en profundidade. Foi pioneiro tamén en outorgar grande importancia aos idiomas: lingua natal, latín, grego, árabe e linguas veciñas.

En ocasións resulta ata inxenuo. A obra está chea de alusións ao crecemento das árbores e a como os nenos teñen que medrar coma ovos e pitos. Tanta bioloxía de granxa e fraga resulta un chisco naif, pero o fondo dos exemplos vale. Pasado un certo punto, Comenius non rexeita certos castigos ou mostras de competitividade. O sistema non é espartano, nin sequera coreano. Ten as súas taras pero é radicalmente coherente. E é que a boa educación e a adquisición dunha cultura que non sexa verniz non son algo sinxelo. Son resultado dun sistema ás veces individualista e medieval (no mal sentido) que prepara para a vida. En cada mestre hai un Comenius, con todos os seus defectos. Agardemos saír da crise pola vía da pedagoxía.

Comentar