Tipos de intelectual

Hai uns meses, dándolle voltas á bibliografía dun libro de economía, chamoume a atención un título: “The Liberal Hour”. Describía os acontecementos políticos nos USA durante a década dos 60. O que máis me sorprendeu foi ver o tratamento que se daba á época da loita polos dereitos civís e contra a guerra de Vietnam, exhaustivo e morixerado. Contrasta moito coas visións do Maio do 68 na historiografía europea, marcadamente conservadora na súa meirande parte e tendente a marxinalizar as ideas polo mero feito de que os seus soportes remataron convertidos en rebeldes burgueses.

A editorial Debate vén de publicar “La revolución divertida”, de Ramón González Férriz, unha análise da evolución da intelectualidade dende esa data senlleira que foi o Maio francés. A obra ten dous pecados. Un, xa comentado en críticas pasadas: é difícil dar unha visión equilibrada e completa dun asunto tan complexo en menos de 200 páxinas. Córrese o risco de simplificar, de esquecer as correntes marxinais pero importantes, de poñer un ollo no folclórico (a descrición das Xornadas Libertarias de xuño de 1977 en Barcelona) e desbotar cuestións de máis interese. Por outro lado, a inclusión do elemento español na obra fai que esta perda interese para o lector máis curioso. España nos 60 era, perdoando, o cu do mundo. E a importancia da nosa historia dende o fin da guerra civil ata o 11-M pódese medir polo feito de que no monumental “Postwar” de Tony Judt (libro de cabeceira) España recibe, esencialmente, 11 páxinas de 850 en letra ben apretadiña da edición de peto de Vintage.

Non me gustaría coas pasadas verbas disuadir a ninguén da lectura da obra. Penso que merece a pena botarlle o dente. Para comezar, para reflexionar sobre as propias posicións intelectuais. Subxace nas reflexións de González Férriz unha idea que a min me gusta defender con intensidade: a de que os espectros ideolóxicos e culturais non deben ser presentados coma figuradas liñas rectas senón coma círculos. É dicir, extrema dereita e extrema esquerda están moi preto unha doutra. Nun rexime dictatorial de dereitas, o de Franco, producíuse unha emerxencia de intelectualidade non orgánica de esquerdas. Nun rexime democrático, co Estado convertido en titor das manifestacións culturais, agroman os resistentes de dereitas, autopresentados como fuxidos da esclerótica estrutura que resume a palabra “progre”. Curiosamente, Luis Racionero ou Jiménez Losantos son perfectos exemplos deste proceso.

A González Férriz nótaselle versado na historia da “Movida” e sensíbel ao movemento 15-M. Eu non penso que ningún dos dous sexan movementos culturais, nin moito menos intelectuais. Certamente foron revolucionarios, pero máis dende un punto de vista de conciencias. En canto ao da diversión, matino que para Almodóvar cantar con Fabio McNamara era verdadeiramente entretido, mais… ¿u-la diversión do 15-M?

Non, as revolucións non son divertidas. Quen estaba a carón do Doutor King o día do discurso de “I have a dream” era Mahalia Jackson, non Scott McKenzie. Podemos tender á sinécdoque, queda moi chic, pero as verdadeiras revolucións políticas ou ideolóxicas teñen de diversión o xusto. “A Marsellesa” é un himno salvaxe, máis propio de Robespierre ca de Montesquieu ou John Locke, inspiradores das ideas de democracia. John Lennon e Bob Dylan son revolucionarios de pega, por divertidos que sexan (e abofé que o son). Steve Jobs e Deng Xiaoping foron revolucionarios de verdade. Moi aburridos, pero revolucionar e crear xigantes non é o colmo da diversión.

Comentar