Revolucionario

Dun tempo a esta parte cando boto unha ollada aos libros que gañan ou teñen opcións de gañar os grandes premios literarios de ensaio (General non-Fiction, Historia, Filosofía e demais) unha das primeiras cousas que miro é o número de páxinas. Non se trata de mercar a vulto nin ao chou senón da firme convición de que, agora mesmo, resulta moi difícil tratar un tema cunha certa capacidade de innovación ou ánimo de ser exhaustivo sen baixar das cincocentas páxinas. Ultimamente ando metido na historia USA do século XX e non hai cousa peor que meterse en biografías de 700 ou 800 páxinas de presidentes. Dá máis traballo pero presta máis un autor coma Robert Caro, que anda polo cuarto tomo de Lyndon B. Johnson e aínda non pasou da primavera de 1964. Temo que non chegue a completar o quinto volume.

Vén todo isto a conto de que a editorial Crítica publicou hai uns días “El giro”, de Stephen Greenblatt, ensaio gañador do premio Pulitzer alá polo mes de marzal. A tese que sostén é atractiva pero altamente cuestionábel: que a descuberta no Renacemento dunha copia de “De rerum natura” de Lucrecio foi o desencadeante dunha revolución que fixo que, a tal momento, a cosmovisión occidental sexa diferente, máis racional e materialista.

Lin a Lucrecio por primeira vez hai moito tempo. Non puiden disfrutalo en latín, malia os anos adicados á lingua de Virxilio. O feito de que sexa unha fonda obra filosófica escrita en verso atraíame, pero non creo que haxa demasiados lectores capaces de pasar do primeiro canto. Tampouco creo que os houbese cando Poggio Bracciolini descubriu no mosteiro de Fulda a obra.

É moi provocador afirmar que unha obra que ninguén leu entre o século cuarto e o décimo quinto cambiou o mundo actual. En realidade é tan provocador que semella erróneo. Greenblatt, que é un moi bo historiador e divulgador, tiña unha oportunidade perfecta neste libro para rastrexar a pegada de Lucrecio na filosofía a partires de Copérnico. En lugar disto, despacha a influencia lucreciana en 17 páxinas nas que se amontonan Giordano Bruno, Michel de Montaigne ou Richard Jefferson. Non é unha mala compaña pero non creo que sexa abondo para afirmar que Lucrecio tivo máis influencia no racionalismo ou o materialismo ca Auguste Comte, John Stuart Mill ou Charles Darwin.

E logo, se non comparto a tese principal da obra nin estou dacordo coa profundidade coa que a trata, ¿por que recomendar esta obra? Pois basicamente porque está moi ben escrita, ata o punto de ser absorbente. Greenblatt, que xa acometeu con éxito a tarefa de reconstruír unha vida tan escura como a de Shakespeare, consegue retratar con vívidas cores ao secretario Poggio, servidor do primeiro Xoán XXIII (o antipapa Cossa), participante no concilio de Constanza (o meu preferido), asistente ás fogueiras de Jean Hus e Xerome de Praga e descubridor, á marxe de Lucrecio, de obras de Silio Itálico ou Amiano Marcelino. Greenblatt ten unha prosa áxil, unha grande capacidade narrativa e oportunismo para introducir determinadas descricións ou digresións sen que sexan improcedentes. Unha grande elección para distraerse de Pikachus e demais lerias.

Comentar