Etnocentrismo

Din no Tenorio aquelo de que “no hay plazo que no se cumpla ni deuda que no se pague”. É un dos meus versos preferidos. Non obstante, non está nada claro que Tirso de Molina tivese na cabeza a particular forma de entender as débedas que se estila no capitalismo que se formaba namentres el daba vida ao inmor(t)al conquistador. Nos nosos tempos chegou ao cénit unha forma de entender o emprestito que pon en risco toda noción de débeda creada dende o Neolítico para aquí, e mesmo antes. As “hipotecas-lixo”, producto americano, deron todo o foco á débeda. Por iso David Graeber, activista e referente do movemento “Occupy Wall Street”, quixo escribir unha historia económica centrada neste concepto. Titúlase “En deuda” e vén de ser publicada pola editorial Ariel.

O resultado é desigual. A parte histórica resulta, como é facil adiviñar, tendida e de grande interese. Mais para chegar a ela o lector paciente terá que enfrontarse ás dificultades que provoca o desterro do etnocentrismo por vía dunha fonda investigación antropolóxica. Non estamos, polo tanto, ante unha obra de divulgación, e mal farían vostedes se mercasen a obra deixándose guiar por unha cuberta coidada e os típicos comentarios benévolos dos suplementos americanos, cheos de adxectivos coma “áxil, descarado e estimulante”. Aplicábeis igualmente ao “Kama Sutra”, digo eu.

A pesares de estar inmersos no mundo da globalización, os europeos non fomos quen de desprendernos do etnocentrismo, un mal intelectual de primeira categoría. Monogamia, homosexualidade, monoteismo, institucións políticas e económicas… A nosa visión sobre estes asuntos e outros máis está fondamente enraizada no eurocentrismo. Un paseo por algún manual de antropoloxía, e recomendo por amenos e interesantes os de Marvin Harris, quita de golpe todo prexuízo. Non é difícil cando se descrebe a xeito, por exemplo, a poliandria. Claro, que cando falamos de cartos, a cousa cambia.

A todas horas vemos novas sobre débedas. Se eu presto, ¿como é que non me van voltar? ¿Que tipo de sociedade teríamos se só manexasemos o troco? Eu produzo artigos de prensa… ¿como demo podo intercambialos por un feixe de nabizas ou un butelo? Tan inmersos estamos no mundo do metal e o papel económicos que costa entrar nas explicacións de Graeber. Non obstante, estas rematan por resultar, se non convincentes, alomenos coherentes. Comunismo, xerarquía e intercambio son tres posibilidades de funcionamento cotián (non teórico) de sociedade que non existen en Occidente. Calquera dos tres, tal e como os explica o autor, semellan máis xustos cá fórmula escollida polos banqueiros de non saldar as débedas coa devolución do producto que as produciu.

A parte histórica da obra propón unha relectura histórica en clave económica. O autor amosa uns enormes coñecementos sobre o funcionamento das sociedades da India e China, que, aínda que pareza mentira, non comezaron a mediatizar a economía europea despois de Nehru e Mao. Véñeno facendo dende a gloriosa coincidencia temporal entre Pitágoras, Confucio e Buda. Particularmente interesante resulta a relectura da crise de prezos tradicionalmente atribuída á chegada da prata americana no XVI. Particularmente triste a constatación da catástrofe provocada polo neoliberalismo económico a partir dos setenta, contra a que Graeber se ergue co seu activismo e con esta obra.

Comentar