O legado de Edgar

Con este asunto dos recurtes en todo tipo de materias, non é a primeira vez que escoito a alguén queixarse da enorme cantidade de cartos que se gastan en Corpos e Forzas de seguridade do Estado. Tres policías (locais, autonómicas, nacionais), Garda Civil, CNI ou o mesmo Exército. A miña vea pacifista animaríame a concordar con estas opinións se non fose porque, en certas cousas, son un hobbesiano convencido. O home é un lobo para o home, así que mellor deixar o asunto como está grosso modo.

Se aquí nos queixamos disto, non lles quero contar nada do que terían que facer nos Estados Unidos, que contan co sistema de seguridade e defensa máis hipertrofiado do mundo (Israel á parte). Só os servicios de intelixencia interior e exterior, o FBI e a CIA respectivamente, teñen dado para dúas historias ben prolixas, escritas por Tim Weiner. Anos despois da saída en español de “Legado de cenizas”, historia da CIA, recibimos agora “Enemigos. Una historia del FBI”, publicada na Editorial Debate. Os dous están ben escritos, ben documentados e fuxen de imaxes estereotipadas contemporáneas, que adoito asocian a Intelixencia aos Expedientes X e outras andrómenas.

Cando se fala do mellor presidente da historia dos Estados Unidos soen xurdir polémicas. Algúns americanos que coñezo optan por Reagan. Lincoln, Washington, Roosevelt, xogan noutra “liga”. Iso si, calquera que teña un mínimo coñecemento de historia dirá que o peor foi Warren Harding. “Eu non apto para este cargo e nunca debería ter chegado ata aquí”, dixo aos poucos meses de presidencia. Era un editor de prensa de Ohio que tiña entre as súas meirandes afeccións o nepotismo e a troula. Converteu o último andar da Casa Blanca nun garito ilegal, con whisky, casino e furcias. Morreu en circunstancias pouco claras tras un cruceiro polo Pacífico. O seu legado máis perdurábel foi o nomeamento de Edgar Hoover como xefe do FBI. Non deixaría o seu posto ata a presidencia de Nixon.

En dúas terceiras partes o libro de Weiner é unha especie de biografía de Hoover. Un tipo camaleónico, furibundamente anticomunista e racista pero que acabou co Klan, perseguidor de homosexuais aínda que el podía ter a mesma orientación, quen de facerse valer na presidencia do “traidor á súa clase” FD Roosevelt, do xeneral de cinco estrelas Eisenhower e do cacique texano LB Johnson. Todo en tres décadas diferentes e sempre cun poder omnímodo. O outro tercio da obra non conta coa narratividade que aporta o nexo persoal do Director, pero resulta familiar ao lector interesado pola súa análise da “guerra contra o terrorismo” previa aos atentados do 11-S e do eterno debate sobre o equilibrio entre liberdade e seguridade.

A obra ábrese cunha cita de Alexander Hamilton sobre este tema. Era 1787. Xa daquela podía detectarse a facilidade coa que o medo ao perigo facía renunciar ás sociedades ás súas liberdades civís. Hoover sempre optou pola seguridade. En ocasións perseguiu pantasmas, apoiado pola especial configuración política americana que impedía desenvolverse o que en Europa entendemos por esquerda. Ningún dos seus xefes vacilou, nin sequera Bobby Kennedy. Os ataques de al-Qaeda contra as Torres Xemelgas xustificaron un novo ataque, que por sorte non se reflicte demasiado na vida diaria en América. Pero as tebras da época de Hoover poden voltar: Weiner escribe historia como lección para que isto non volva suceder.

Un comentario en “O legado de Edgar”

  1. Allen Comentó:

    Personaxe peculiar, sen dúbida. Pregúntome cantos Hoover haberá hoxe, nos nosos tempos.

Comentar